Dous relatos que "volven á oralidade" gañan o certame Contos de Verán

Pilar Dopico foi a vencedora do premio que organizan El Progreso e Política Lingüística, no que Euloxio Fernández quedou finalista
Escritores gallegos que han hecho historia
photo_camera Unha persoa lendo, EP

Os relatos Vidente sen querer, de Pilar Dopico, e A casa dos ardentes, de Euloxio Fernández, fixéronse co primeiro e o segundo premio no certame de narración curta convocado por El Progreso, que acadou a súa oitava edición.

Pilar Dopico e Euloxio Fernández resultaron gañadora e finalista, respectivamente, da oitava edición do certame Contos de Verán, organizado polo diario El Progreso en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta. Un xurado encabezado polo presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar, e integrado polo subdirector de El Progreso, Tito Diéguez, e o redactor Santiago Jaureguizar acordou concederlle o primeiro galardón, dotado con 1.000 euros, ao conto titulado Vidente sen querer. Do mesmo xeito, o relato A casa dos ardentes, foi escollido para o segundo premio, que consiste nunha gratificación de 500 euros para o seu autor.

González Tosar, que actuou como voceiro do xurado, subliñou "a recuperación da oralidade presente en ambas as obras" e situounos na tradición lucense de Ánxel Fole. Sobre o texto de Pilar Dopico indicou que se inxire na temática da invidencia, na estirpe de Sábato ou Borges, e "que invita á reflexión".

Polo que respecta a Euloxio Fernández remarcou a súa "vocación literaria" dun autor que fixo unha peza "con matices poéticos".

Contos de Verán de El Progreso recibiu na súa oitava edición máis de medio cento de escritos, que foron publicados en papel no suplemento De Verano de El Progreso de Lugo durante os meses de xullo e agosto.

Comentarios