"Catro xubiladas viaxaron de Holanda a Vigo para coñecer os escenarios"

Domingo Villar: "Ninguén me escoitaba ler as novelas coa paciencia do meu pai"

O escritor é un dos autores de novela negra máis lidos en Europa, aínda que soamente publicou '‘Ollos de auga'’ (2006) e ‘'A praia dos afogados’' (2009). Villar falou deles cos membros do Club de Lectura do lucense Círculo de las Artes
Domingo Villar posa no Círculo de las Artes de Lugo
photo_camera Domingo Villar posa no Círculo de las Artes de Lugo

Non resulta fácil informarse de cantas edicións e traducións se fixeron das dúas novelas de Domingo Villar (Vigo, 1971). Menos aínda saber cantos lectores están agardando polo terceiro caso que deberá investigar o seu inspector Leo Caldas. Nesta entrega, unha profesora da Escola de Artes e Oficios de Vigo, Mónica Andrade, desaparece da súa casa de Tirán, na outra banda da ría, no concello de Moaña.

A súa terceira obra ía chamarse ‘'A filla do Doutor Andrade'’, pero parece que vai titulala ‘'Cruces de pedra’'.
Non estou seguro do título. Estou para rematala. Xa escribín o final, son 450 páxinas. Agora estou corrixindo.

Podo anunciar que a entregará para a volta do verán?
Gustaríame, pero non a entregarei ata que estea.

Como saberá que está lista? A publicación está anunciada dende hai tres anos.
Estará cando me convenza. Xa anunciei varias veces que sairía e non o vou facer outra. Hai veces nas que as historias se enlean. Levaba duascentas páxinas, pero non me gustaban, aínda que había cousas aproveitables. Desfixen todo e volvín empezar. En vez de corrixir, decidín desbotalo todo.

Non será que a presión do éxito dos anteriores o atenaza?
Non ten nada que ver... Ben, un pouco de presión haberá, pero sería peor se non houbese lectores que preguntan cando sae.

Proliferan nas redes sociais as preguntas sobre ese terceiro libro.
Estanlle dando a lata ás editoriais en galego (Galaxia) e en español (Siruela). Hai un señor de 97 anos que me escribe de cando en vez para preguntarme cando sae e meterme présa.

En ‘'Cruces de pedra'’ continúa con Vigo e continúa con Leo Caldas, que xa aparecían nas primeiras novelas.
Leo Caldas investiga a desaparición dunha profesora da Escola de Artes e Oficios de Vigo que vive en Tirán, onde hai un cemiterio precioso sobre o mar cunhas cruces de pedra e unha igrexa románica. Mónica foi a Tirán escapando do rebumbio de Vigo. Todos os días vai en bici para coller o barco no que vai traballar. Un día non vai e o pai, un médico senlleiro, ponse en contacto coa comisaría.

Unha escola de artes e oficios, unha igrexa románica,... deduzo que a arte ten importancia na obra.
A Universidade Popular de Vigo ensina cousas moi interesantes, como luthería antiga, instrumentos tradicionais, repuxado en coiro,... Gústanme as cousas que se fan coas mans, que se empezan e se rematan. Paréceme fundamental para facer a vida máis humana.

É fillo de adegueiro e experto en viño.
Si, pero interésame máis a viña que o viño.

O seu pai era importante para vostede como escritor. Líalle os orixinais.
Escribo polas noites e corrixo polas mañás. Chamábao por teléfono tres ou catro veces cada semana, polas mañás, para lerlle o que escribira. Era o meu ‘sparring’. Escoitaba con moita paciencia; sen dicir nada, porque el sabía que o que necesitaba era alguén que me escoitase. Tiña tanta confianza con el que podiamos estar corenta minutos e agardar sete ou oito a que corrixise, volvese redactar e volvese ler.

Comentáballe algo.
Ás veces, pero el sabía que quería ler en voz alta. Agora non atopo ninguén con esa paciencia. Poida que por iso teña ‘Cruces de pedra’ sen acabar...

Como foi o primeiro día en que lle leu algo?
Nada especial. Eu sempre lle lía cousas curtas que escribía e seguín facéndoo.

Sempre por teléfono?
Sempre por teléfono porque eu vivo en Madrid dende que empecei a escribir, en 2002.

Vive soamente de escribir.
Si, tamén atendo os meus tres fillos e son amo de casa porque a miña muller traballa.

O seu pai faleceu e o bar Eligio de Vigo, que frecuenta o inspector Leo Caldas, pechou. Vostede prometeu mantelo aberto na ficción.
Si, mantereino aberto. O seu dono, Carlos, xubilouse e pechou. Non podía estar xubilado e ao mesmo tempo atender o bar, así que decidiu pechalo.

O seu inspector tomaba alí un prato que se chama ‘chipiróns afogados’. Ten relación con ‘'A praia dos afogados'’?
Tras saír as miñas novelas, Carlos cambiou na carta o nome de ‘chipiróns afogados’ por ‘chipiróns Leo Caldas’.

Tiña visión de negocio.

Comentarios