jueves. 09.12.2021 |
El tiempo
jueves. 09.12.2021
El tiempo

Domingo Villar: "Cada vez que pecho os ollos aparece o mar"

Domingo Villar, con Grial Parga, antes do acto de Lugo este martes. SEBAS SENANDE
Domingo Villar, con Grial Parga, antes do acto de Lugo este martes. SEBAS SENANDE
O escritor vigués presentou o volume de relatos Algúns contos completos en Lugo

Domingo Villar vive a 593 quilómetros do seu mar, o que está tras a ría de Vigo, onde naceu en 1971. "Cando pecho os ollos vexo o mar". O escritor pecha os ollos en Madrid, onde vive dende hai máis de vinte anos. O mar está dentro de Domingo Villar, polo que está de fondo do que escribe.

Acaba de publicar unha colección de dez relatos, Algúns contos completos (Editorial Galaxia), que onte presentou en Lugo en compañía de Grial Parga, colaborador de El Progreso.

Na maior parte dos relatos hai emigrantes que chegan a lugares da costa galega ou marchan dela, e case todos viaxan polos camiños do mar. O caso máis remarcado é a historia do mariñeiro francés, que aparece en San Cibrao por intercesión da Maruxaina, e que protagoniza A Maruxaina e o señor Guillet.

Villar non lembraba onte o momento en que soubo da figura mítica da Mariña, unha figura que non coñecía porque o autor é do suroeste de Galicia. "Interésame a mitoloxía mariña, eses seres do litoral. Non sei exactamente cando a coñecín. Debeu de ser na época na que escribía A praia dos afogados.

O autor explica que "Galicia é unha encrucillada de destino para persoas ou para meteoritos", como é o caso de Felipe, o mesías, que adopta un corpo celeste e convive con el ata o final.

Eliska chega de Polonia por unha frustración sentimental e acaba tatuando animais e bailando espida arredor do faro de Fisterra en Eliska e a lúa. O pianista de jazz Miguel 'Chico' Cruz, natural de Tui, emigra a Berlín, onde logra tocar con Benny Goodman. Alfredo Ríos regresa a Riobó desde América e descobre que ten superpoderes.

Os contos deste volume van aparecendo para as xuntanzas que Domingo Villar mantén con amigos como o ilustrador Carlos Baonza, que achega linogravados ao volume, dende hai sete anos.

Soa música tocada en directo, proxéctanse debuxos e o escritor vigués le os relatos. "As reunións sírvenme para actuar coma un dramaturgo. Podo ver as cousas que lles gustan, as que lles divirten, as que non".

O pai do novelista está presente tanto "no desexo de contar, de ter as orellas abertas na mesa" e no título. Algúns contos completos foi o título que escolleu o pai cando, ao reunir os seus textos antes de morrer, non conseguiu localizalos todos.

Domingo Villar: "Cada vez que pecho os ollos aparece o mar"
Comentarios