Doce mulleres bailando e ánforas cheas de viño son a orixe da editorial Ámboa

▶ Nieves Neira e María Grandío impulsan obras de ambos lados da fronteira, como 'Fulgor. Lectura danzada de Maria Gabriela Llansol'
 
Nieves Neira posa co libro en Lugo. AIDA SOENGAS
photo_camera Nieves Neira posa co libro en Lugo. AIDA SOENGAS

Fai pouco máis dun ano doce mulleres reuníronse no claustro da Catedral de Lugo para danzar mentres lían poesía de Maria Gabriela Llansol estrada no chan. A autora portuguesa escribiu cunha complexidade que nin os seus compatriotas poden descifrar totalmente.

O exercicio fíxose en maio e a brisa que movía as follas dos libros deu paso a precipitacións cara o final, mollando o papel e a tinta que glosaban os versos.

Aínda que é agosto, onte volveu a chover en Lugo e a Nieves Neira, cofundadora da asociación editorial Ámboa, non lle molestou. Ela estivo na experiencia danzada con María Grandío e alí atoparon a enerxía suficiente para crear este proxecto, co cal queren aproximar as fronteiras literarias de Galicia e Portugal.

Aproximar as fronteiras literarias de Galicia e Portugal, o obxectivo de doce mulleres

Terminou así de xerminar unha semente que soterraron hai anos e, co nacemento de Ámboa, chegou Fulgor. Lectura danzada de Maria Gabriela Llansol, editado tamén con María Corral. Doce mulleres bailando escribiron, sen sabelo, unha interpretación que racha con todo o feito ata agora cos versos da portuguesa.

Nieves pasaba os dedos polo papel de liar como o faría por un dos libros que le. "Sinto paixón pola intriga pero son lectora de poesía", comentaba entre caladas. Supoño que esta muller que me fala do "respecto que lle supuxo presentar esta obra en Lisboa, na Fundación Llansol" entende que escribir sobre baile -e introducir gravados de María Corral, unha estrutura inusual a cargo de Marta Castro ou un código QR que enlaza ao vídeo da lectura danzada- non é o mais común para alguén que comeza no mundo editorial.

Fala cunha voz fina sobre o amor que lle poñen a este proxecto e sobre que non vai ser algo pasaxeiro, que aínda que non é "unha fonte de ingresos para vivir", si é unha fonte de vida. "Amamos a literatura e queremos contaxiar este sentimento. Non imos traducir, imos traballar co galego e o portugués máis aló das regras", di con verdadeira emoción, coa paixón de facer algo pola cidade de Lugo no medio dunha tendencia a pechar que chega ata Inditex.

Nieves Neira era una nena á que Uxío Novoneyra lle quitaba catro ou cinco cabezas cando o coñeceu. Ela ten unha forte relación co Courel e "gustaríalle traballar cos versos do gran poeta da montaña", pero tamén ten os ollos en Chus Pato, Ana Hatherly ou Daniel Faria.

O futuro inmediato de Ámboa é a distribución de Fulgor pero queren ir máis alá, darlle unha oportunidade a persoas que teñan interese por cruzar a fronteira -esa que os contrabandistas xa teñen gastada- para firmar tratados de paz, pontes lingüísticas para achegar idiomas que non se atopan dende as cantigas de Martín Códax.

Nieves rematou o cigarro antes de poñer fin á explicación do nome da editorial. Inspiráronse nas ánforas que chegaban ao antigo Imperio romano cheas de viño da Ribeira Sacra, que quedaban feitas anacos no monte Testaccio. Menos mal que a cerámica galega é de Sargadelos e non desa arxila.

Comentarios