Do mestre Carlos á discípula Tere Valcárcel

Carlos Valcárcel foi o avó que recollía os netos na escola e lles ensinaba a química da fotografía 
Carlos Valcárcel e a súa neta Tere. VICTORIA RODRÍGUEZ (ARCHIVO)
photo_camera Carlos Valcárcel e a súa neta Tere. VICTORIA RODRÍGUEZ (ARCHIVO)

No clan que rodeou ata o final ao fotógrafo lugués Carlos Valcárcel —falecido este domingo— hai alguén que vai sentir unha ausencia especial. Tere Valcárcel, neta do falecido e tamén fotógrafa, non se ve como a súa discípula pero da sombra do mestre e das horas ao seu carón, queda unha pegada imposible de borrar.

"Non creo que chegue ao seu saber. Comezamos xuntos na fotografía dixital e el xa sabía o porqué de moitas cuestións. Coñecía de cabeza o que a cámara facía automaticamente", comenta ela.

 

Carlos Valcárcel foi ese avó que recollía os netos na escola pero cando chegaban á casa, desaparecía. Foron incontables horas naquel baño-laboratorio, onde ensinaba procesos químicos rodeado de etiquetas para os seus netos: "No tocar, muerte inmediata".

Tere Valcárcel recorda como cando sacou o carné de conducir recibiu un "noraboa" de parte do seu avó que acompañou cun "agora xa me podes levar por aí a sacar fotos". Foron moitas viaxes a Rinlo, un dos escenarios favoritos para eses safaris fotográficos.

Carlos Valcárcel deixa un legado no que colle a provincia de Lugo enteira. Pero o corazón da súa neta está nun fotograma en concreto: "Sinto predilección pola foto da habitación da casa familiar da aldea. Regalouma non hai moito, nun formato grande e firmada".

Comentarios