"Unha distopía onde o sistema produtivo leva á deshumanización"

Diego Ameixeiras presentou na libraría Totem de Lugo a obra gráfica Os suicidantes
G
photo_camera Diego Ameixeiras e Tomás Guerrero, en Totem. SEBAS SENANDE

Un día abriu un libro do autor uruguaio Horacio Quiroga e descubriu unha palabra: ‘suicidante’. Non é unha entrada que veña no dicionario. Máis ben ten toda a pinta de ser inventada "pero soa ben", chegou a pensar Diego Ameixeiras.

E con esa palabra empezou a tecer a que sería a súa primeira novela de tipo gráfico. A mesma que veu presentar onte á libraría Totem, en Lugo, co ilustrador que fixo os debuxos, Tomás Guerrero. Trátase de Os suicidantes. Unha historia escura e distópica.

"Chamoume a atención esa palabra, suicidante, cando vin o libro de Horacio Quiroga e ocorréuseme contar unha historia tendo como base esa palabra estrana, que non vén no dicionario", explica o autor.

‘Os suicidantes’ conta unha historia escura e distópica. O título da novela dá nome a un grupo subversivo que mata a xente por encargo, creando unha atmosfera chea de angustia.

"É unha distopía, unha historia negra, terrible, onde se fala de que todas as batallas do sistema produtivo derivan na destrución dos cerebros e na deshumanización", aclara Diego Ameixeiras.

Estrea na novela gráfica

O autor —que recibiu o premio Xerais de Novela con Tres segundos de memoria en 2006 e o premio Nacional da Crítica con O cervo e a sombra en 2021— adentrouse por primeira vez na novela gráfica con Os suicidantes, xénero literario no que se cadra repite.

"Hai que ter un guión escrito pero é o debuxante o encargado de facer ese guión propio. A historia empeza a coller forma cando empeza a ser debuxada realmente", explica Diego Ameixeiras, que ve posibilidades de volver facer outra novela gráfica dentro das distintas facetas nas que está mergullado como guionista de televisión e cine e como columnista.

A obra de Ameixeiras sempre xirou en torno á novela negra pero Os suicidantes ten máis de distopía que de novela negra en si, segundo aclara o autor.

"A novela negra é o meu campo natural, por así dicilo. Esta é unha historia escura, contada en branco e negro pero eu véxoa máis como unha distopía, non como unha novela negra en si. É unha reflexión para falar no presente do que pode pasar no futuro", comenta o autor desta novela.

Comentarios