Dios Ke Te Crew presentan su nuevo show en Santiago

A noite deste xoves o hip-hop en galego de Dios Ke Te Crew fecha a programación da iniciativa redenasa.son coa que a sala Nasa de Santiago de Compostela quere promover a creación musical en galego a partir das músicas ''POPulares''. Así, por este ciclo xa pasaron grupos que están a destacar no panorama musical galego, como The Homens ou Novedades Carminha.

Os MC's Jamas, García, Sokram e Mou, que estarán acompañados de Croma nos pratos, amosarán as súas rimas na presentación do seu novo espectáculo na sala compostelana. Pero ademais este concerto pode ser único na súa carreira, xa que contarán ademais co metal de Machina, uns mozos de Cerceda que beben de conxuntos como Rage Against the Machine.

O espectáculo de DKTC contará tamén coas actividades que se desenvolven enriba do escenario acompañando a música. Coma bos expoñentes da cultura hip-hop, nas súas actuacións os rapeiros de Ordes contan cunha equipa de 'breakers' e graffiteiros que non paran de traballar mentres os MC's recitan.



Dios Ke Te Crew naceu en Ordes no ano 2003, chegando os seue integrantes doutras experiencias previas, compo foron 5Talegos e Ghamberros, dous grupos pioneiros do hip-hop galego. Déronse a coñecer coa súa participación na banda sonora dunha das curtametraxes que formaban o proxecto colcetivo 'Hai que Botalos'.

Con 'Xénese', disco que publicaron no ano 2006, DKTC deu o grande salto e a partir daí comezaron a rolar polos escenarios do país, cunhas letras cun alto contido político e social. Así, cancións como 'Herdeiros da ditadura' ou 'Vas de verde' xa se fixeron oco na historia da música galega.

No seu concerto deste xoves na sala Nasa, contarán tamén con convidados como o Hevi, de Malandrómeda, ou Manu Paino, de Galegoz. O DJ Mil e a banda de rap Alto Asalto completan a noite de música. A cita é as 21.30 horas, sendo o prezo do billete de 10 euros en taquilla.

Comentarios