Viernes. 24.05.2019 |
El tiempo
Viernes. 24.05.2019
El tiempo

Dios Ke Te Crew volve aos escenarios con 'O ciclo da serpe'

Os membros de Dios Ke Te Crew. EP
Os membros de Dios Ke Te Crew. EP

O grupo de rap presentará o seu novo disco o 11 de maio na sala Capitol de Santiago

O grupo galego de rap Dios Ke Te Crew regresa co seu novo e agardado disco, O ciclo da serpe, un LP cargado de simbolismo que amosa a madurez dunha banda que volta logo de varios anos nos que se centraron en proxectos individuais.

O grupo mantén o seu particular humor apegado á actualidade, cargado de retranca, ironía e sátira e sen esquecer a súa tradicional vontade de intervención social, con temas dedicados á liberdade de expresión, á ultradereita, ás redes sociais o á xestión do lixo, entre outros.

O disco ten un claro compoñente conceptual, tanto o propio título como o coidadoso traballo de arte do formato físico grazas ás ilustracións da artista Lidia Cao e con deseño e dirección de arte de Sokram –artista visual e vocalista do grupo–.

Na portada obsérvanse uns uróboros (serpe que engule a súa propia cola) a medio camiño entre animal e máquina, que entra e sae dun dodecaedro de pedra no que semella estar enredada. Os uróboros estiveron presentes en culturas antigas como a exipcia, a grega, a china ou a celta, entre outras, e representan a natureza cíclica das cousas.

O ciclo da serpe, segundo apunta o propio grupo, tamén alude á muda da pel, "a ese cambio necesario que todo individuo ou sociedade está condenado a realizar nalgún momento da súa existencia".

O disco foi gravado e mesturado en Rapapoulo Estudio (Ordes) e masterizado en Jammin Masters (Berlín). Nel colabora o actor Miguel de Lira en dous sketches e músicos como Manu Paino, Serxio García, Xosé Antonio Ríos, Martiño D. Mato ou Inés Mirás. A portada conta cunha animación en realidade aumentada feita polo artista visual A.L. Crego.

Dios Ke Te Crew publicou dous adiantos en forma de videoclip. En decembro anunciou o seu regreso con Silenciø e en marzo foi o turno de Melancolía. O ciclo da serpe é o terceiro disco dos rapeiros, logo de Xénese (2006) e Humanose (2011).

O disco que se publicou este mércores en plataformas dixitais estará nas tendas físicas a partir do 17 de maio en formato cedé.

Mentres os que acudan ao concerto-presentación do 11 de maio na sala Capitol de Compostela xa se poderán facer con el alí a un prezo reducido.

Dios Ke Te Crew volve aos escenarios con 'O ciclo da serpe'
Comentarios