"Din que non envellezo pero só hai que ver o pelo que tiña no primeiro programa"

'Luar', un dos programas máis lonxevos da televisión, cumpre 30 anos e Xosé Ramón Gayoso rememora os grandes momentos
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Xosé Ramón Gayoso con Trisha Fernández. TVG

Corría o mes de setembro do 1992. As luces da discoteca Dona Dana acendían para dar vida a un novo proxecto televisivo. Nervios, emoción e, sobre todo, ilusión enchían a estancia. Un home con traxe, paxarita e cun micro pegado aos beizos saudaba a todos os galegos cun: "Señoras e señores, moi boas noites".

Nada facía presaxiar que ese novo formato formaría parte da historia de Galicia. E é que 'Luar' é moito máis que un programa, é un sentimento. Galicia non sería a mesma sen 'Luar' e 'Luar' non se entendería sen Xosé Ramón Gayoso.

"'Luar' é como a lareira que tiñan os nosos avós que se xuntaban á luz do candil para contar contos e tocar unhas pezas. É unha romaría da que forman parte todos os galegos", resume o presentador, quen bota a vista atrás e aínda sinte a emoción do primeiro día.

"Recórdoo perfectamente, non era o meu debut televisivo porque eu xa levaba feitos seis programas pero estaba nervioso e emocionado. 'Luar' naceu cunha tripulación capitaneada por Teo Manuel Abad. Todos remando na mesma dirección e aquí seguimos 30 anos más tarde", engade Gayoso.

Así, cun cóctel de emoción e moito traballo, os venres pola noite da TVG convertéronse nunha cita fixa no calendario dos galegos que segue intacta 10.950 días despois. E é que 'Luar' -un dos programas máis lonxevos da televisión- engancha a mozos e maiores, a homes e a mulleres. "Tratamos de facer un espazo de entretemento para todas as idades. Un sitio para desconectar e pasalo ben. Ese foi e segue sendo o noso obxectivo".

Pero é moito máis... Foi o berce de xente que agora triunfa na pequena e gran pantalla coma Luis Tosar, Paula Vázquez, Luis Zahera, David Amor ou Touriñán.

Foi a casa de artistas consagrados coma Isabel Pantoja, Rocío Jurado, Rocío Dúrcal ou Raphael. "Sempre procuramos que non viñeran actuar e nada máis, queriamos que se 'luarizaran' e formaran parte disto", recoñece Gayoso.

De feito, quen non recorda aquel mítico peche de programa coas estrelas cantanto Apaga o candil? "Era un momento moi especial, moita xente pensaba que estaba todo calculado, pero os artistas lían a letra da canción dúas horas antes da emisión e tiñan que aprendela sobre a marcha", revela Gayoso, quen recoñece que pasaron 30 anos e os tempos cambiaron moito.

"Cando empezamos eramos dúas as televisións que existiamos. Logo xa naceron Antena 3 e Telecinco, pero aquí, en Galicia, 'Luar' seguíase levando a metade do pastel das audiencias. Agora xa hai 200 programas, plataformas, internet... E aínda así seguimos notando ese inmenso agarimo dos galegos. Seguimos tendo esa parroquia que nos sigue desde os comezos e que foi pasando de xeracións en xeración".

Con centos de programas ás súas costas a cara visible de 'Luar' recoñece que é difícil quedarse con un. "Os programas son coma os meus fillos, non podería escoller só un". Aínda así, sinala que ten gravada na retina unha celebración de cumpreanos na que os seus compañeiros lle trouxeron "de sorpresa" aos pais, muller e filla, "foi moi emotivo". Ou cando cantou con Gilbert Bécaud, o seu ídolo de adolescencia. "Rematamos bailando xuntos", rememora. E é que pouca xente sabe que Gayoso gustaba de cantar sendo mozo. "Tiña un dúo co meu amigo Álvaro e cantabamos cancións de Bécaud. Adoro a música", di.

Aínda así a súa gran paixón segue sendo presentar, algo que fai coa mesma ilusión do primeiro día e precisamente ese é o segredo do éxito. "Medrei e aprendín tanto en 'Luar' que é algo fundamental na miña vida. Ao igual que o agradecemento que lle teño a ese público que nos segue e aos meus compañeiros", recoñece.

Pasan os anos, pero Gayoso segue igual de estupendo mental e fisicamente, coma o mítico Jordi Hurtado de 'Saber y ganar', algo que o galego desminte entre risas. "Iso din polas redes, que non envellezo, pero só hai que ver o pelo que eu tiña nos meus primeiros programas e o que teño agora".

Con todo, 'Luar xa hai tempo que deixou de ser un mero programa, "xa é un sentimento que foi callando dentro do corazón dos galegos", di un presentador que este venres brindará por "outros 30 anos" e os que veñan, pois o micrófono xa é unha extensión do corpo de Gayoso, ao igual que 'Luar' é parte da historia de Galicia.

Programa especial: da volta dos Tonechos a Pimpinela
A TVG emitirá este venres ás 22.00 horas un programa especial no que se reunirán personaxes míticos coma Os Tonechos, Socorrito, o carteiro Anselmo ou a señora de Palmírez. Tamén haberá espazo para a música con artistas como Pimpinela ou Mercedes Peón. Baile, reencontros e moitas sorpresas nun só programa. 100 persoas Preto dun cento de profesionais fan posible cada semana a emisión, os venres en directo na TVG, do ‘Luar’ .

Comentarios