martes. 15.06.2021 |
El tiempo
martes. 15.06.2021
El tiempo

Dicir en voz alta

Xela Arias, cos pais. Foto da exposición 'Aquela nena de Sarria'. EP
Xela Arias, cos pais. Foto da exposición 'Aquela nena de Sarria'. EP
Montse Pena Presas é autora de 'Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias', publicada por Editorial Galaxia

O que semella ser o primeiro poema édito de Xela Arias publícase no semanario A Nosa Terra en marzo de 1982, nunha colaboración con Xosé Guillermo, como non podía ser doutro xeito. Ese mesmo ano, en maio, dáse a coñecer tamén na revista Dorna, unha publicación que a acompañará durante toda a súa traxectoria. A creadora ten 20 anos. Non obstante, a súa faceta como poeta iníciase un pouco antes. Ela mesma sitúa as súas primeiras "saídas ao público" aos seus 19 anos.

Nestes tempos, a poesía non había que buscala só nos libros, senón que sobre todo estaba fóra, nos recitais. En ocasións, nos mesmos espazos nos que ás 12 soaba o rock máis alternativo, tan só dúas horas antes houbera unha manchea de poetas dicindo os seus versos, tentando chegar así a un público un chisco máis diverso. Ás veces, non era doado. Xela participaba dese mundo, ía facendo saír ao exterior a súa propia voz. Por iso, se fixésemos unha ruta con ela, iriamos quizais ao De Catro a Catro, ao Luada, ao Alma ou ao Manco. De fondo pode soar Malos tiempos para la Iírica, de Golpes Bajos, que ben podería ambientar este tempo. Porque, a pesar desa letra, estes son os espazos das primeiras veces onde tanto había música como había versos. Practicamente ningún, por desgraza, existe xa, mais iso dános a sorte, a quen nunca alí estivemos, de que podemos imaxinalos como queiramos. E no que queda, por que non, habemos ir procurar a pegada da poeta que foi. 

Nunha ocasión, no Luada, aquela moza miúda comeza a recitar, co seu ton de voz baixo mais firme. Ninguén a escoita porque todo o mundo fala. Alfonso Álvarez Cáccamo berra "silencio" e a atención volve entón á poeta. Cando remata o recitado, Arias agradécelle o xesto e comezan unha amizade que durará anos. Máis alá da anécdota, sabemos por ela cal era o ambiente en que se desenvolvían estes actos, nos que había tanto xente interesada pola poesía como persoas curiosas, querendo saber máis. Diferentes tipos de culturas movíanse nun mesmo espazo. Iso quizais foi a cerna do que logo se deu en chamar a "movida", no que coincidían as bandas do momento, artistas plásticos, xornalistas e os escritores e escritoras e que atendeu tamén a unha sorte de márketing hostaleiro con certo éxito. Precisamente Xela manifesta o seu desacordo co estándar da movida que se está a ofrecer, nun panorama unicamente copado polos grupos musicais e no que o compromiso ético parece non ter cabida. 

Máis información: Galicia rende tributo a Xela Arias, a poeta rebelde

Sabemos tamén que un dos seus primeiros recitais importantes é no pavillón das Travesas, onde cingue a súa voz a doutros poetas vigueses que berran contra a entrada de España na Otan. Estaba nerviosa, tensa, porque sería a primeira vez que recitaba ante tanta xente, pero á vez ilusionada. Un amigo recoméndalle que mire á luz para non ver a cantidade de xente que alí se reuniu. Así o fai e o recital resulta un éxito. Mais esta Xela que se inicia no mundo da palabra axiña recitará tamén na contorna da cidade viguesa, da cidade nenúfar (coma ela mesma a alcuma, polo diferente que pode resultar ao resto de Galicia). Non era raro que Arias participase en recitais en Moaña, Cangas ou Redondela, recitais aos que moitas veces a levaba en coche o seu amigo Siro Iglesias e aos que en ocasións ía acompañada do seu outro amigo, o tamén poeta Carlos Oroza. El mesmo dirá da poesía de Arias, acompañando unha páxina de Faro de Vigo en que se publican versos seus: 

"Tu palabra en el verso se entreabre y sonríe en el quiebro y nos da su remoto placer convirtiendo la rosa en vocablos nocturnos. La fusión del aire en el verso y eI mar en catarsis. Te saludo —soy feliz— celebro estar en el acontecimiento de tu poesía" (Oroza, 1983). 

Nestes tempos, a palabra emprégase con moito máis ímpeto ca hoxe como unha loita silandeira contra algo que se percibe inxusto, como se a súa forza puidese moldear o futuro, mais tamén como homenaxe a figuras importantes, coma unha lembranza dita en alto disposta a traer o pasado para nós. A abundancia dos recitais era algo habitual en Galicia dende a década dos setenta e quizais cómpre relacionala cos acontecementos político-sociais dese tempo que xeraban unha reacción dialéctica e permitían amosar o dinamismo dun campo emerxente (Lourido, 2014).

Máis información: "Son días cheos de recordos, emocióname moito ver a foto de miña nai en cada lugar"

Por iso atopamos a palabra oral da poeta nos contextos máis variados: dende a ofrenda a Rosalía de Castro en Compostela o Día das Letras Galegas de 1983 (na compaña dun núcleo importante vinculado á revista Dorna); á mesma xornada do ano seguinte, canda Antón Reixa e Manolo Romón, na Universidade Popular de Vigo; á participación —a mediados de abril— no I Recital Poético-Musical do Baixo Miño, organizado na Guarda pola Asociación Cultural Guardesa, tamén en 1984; aos actos no concello de Boborás na honra de Antón Losada Diéguez, o 20 de decembro do mesmo ano; ou ao recital que realiza con outras poetas, acompañada ao piano por Alexia Juncal, o 17 de maio de 1985 e nun formato —esa combinación palabra-música— que ha retomar de diferentes xeitos ao longo da súa vida. Tan só son cinco actos dos que puidemos documentar, dos moitos nos que participou nesta altura, porque a actividade máis inmediata e máis cotiá, nos pubs e nas asociacións culturais, non adoitaba ocupar espazo nos xornais. Mais con eles contemos a respiración, quizais porque a súa efeméride os fai algo único e xa non poderemos estar nunca alí. Asemade porque, coma lectoras, nos fan conscientes de que as obras literarias éditas e as datas de publicación non sempre marcan a traxectoria das autoras e dos autores. Tamén importa o que as levou ata alí. 

No caso de Arias, semella claro que esas experiencias da palabra libre, da palabra dita en público para ser escoitada, marcaron o seu camiño. A memoria da xente que a viu recitar quedou coa mesma idea, Xela espía a alma cada vez que dicía en alto (Trigo, 2019). Ademais, permiten que nos decatemos de que a actividade poética da autora nestes anos é xa significativa e posibilita falar dunha creadora abondo recoñecida nos círculos poéticos do momento. A mesma que ao longo da súa vida nunca vai deixar de dicir versos en voz alta, como xeito de tentar sacar a poesía do formato libro e de achegala ao público: "Hai que rebotarse. Rebotarse contra a concepción do libro como un cadáver morto nun anaquel", dirá nunha entrevista a Manuel Rivas anos máis tarde (1990). Non obstante, a súa tamén será reivindicación política, sendo pioneira entre as poetas comprometidas.

Xeliña fala galego
Na vila de Sarria, nunha tenda. Xela vai acompañada de súa nai e seu pai. Ambos os dous diríxense á nena en galego. 

—Pirucha, querías algo? 
—Non, mamá, non quería. 
—¡Oh, y le hablan a la niña en gallego! ¡Qué pena que no le hablen castellano, con lo riquiña y fina que es la niña! Si fuese un niño aún pasaba, pero enseñarle gallego a una niña tan guapa... 

Xuño de 1968. Xela, efectivamente, fala galego. Mais ao seu redor, os prexuízos lingüísticos e a ollada machista sobre a realidade continúan. Seu pai contará á anécdota no programa das festas de San Xoán da vila, de onde se recollen exactamente os comentarios da dependenta, nunha tentativa ben moderna de incitar á reflexión nun tempo en que non era de balde facelo. Ademais, engadirá a importancia de que a súa filla domine as dúas linguas ambientais, non só para poder comunicarse cos falantes de castelán e de portugués repartidos polo mundo, senón para adquirir con máis facilidade outras linguas. Sabemos así que a futura tradutora xa gustaba, cando nena, de facer pequenos xogos cos idiomas que coñecía: 

"Doutra banda, teño pre min que a Xeliña e un pouco menos rutineira no adeprendemento lingüístico do que os rapaces monolingües; pois está arreo a facer comparanzas antre as dúas língoas que ila coñece, refleisionando constantemente sobor dilas [sic] (Valentín Arias, 1968).

Este é o contexto familiar e social en que se movía a nena. Un contexto en que, pese aos prexuízos que a arrodeaban, tiña ben claros os seus principios. De aquí en diante, a familia e as súas amizades dirixiranse a ela máis habitualmente co nome de Xela. Xa de adulta, a poeta non cesará ata que consiga legalizar ese nome nos seus documentos oficiais.

Dicir en voz alta
Comentarios