sábado. 21.05.2022 |
El tiempo
sábado. 21.05.2022
El tiempo

Díaz Fierros fai unha novela coa peripecia do galego que fixou o metro como medida

20220421_fierros_12
Francisco Diaz Fierros. PEPE FERRÍN
O científico narra o papel do matemático Rodríguez na expedición que fixou esta unidade de lonxitude en 'O gran triángulo'

Francisco Díaz Fierros é catedrático de Edafoloxía, que estuda a composición e a natureza dos solos. Agora podemos medir ese chan do mesmo xeito en todo o mundo grazas a tres científicos que concretaron a lonxitude do metro. O catedrático lalinense de Matemáticas na USC Xosé Rodríguez (1770-1824), e os franceses Jean Baptiste Biot e François Arago, participaron nunha expedición científica determinante para o actual sistema universal de medidas.

A finais do século XVIII había 700 tipos de medidas soamente en Francia. Os revolucionarios crearon en 1790 a Oficina de Lon-xitudes, que encargou a varios expertos que se medisen un meridiano, que partía de París e pasaba polas illas Baleares, onde traballaron Biot, Arago e Rodríguez ata 1880. "As expedicións francesas incorporaban aos equipos unha persoa do país no que investigaban", indica Díaz Fierros, nacido en Vilagarcía de Arousa en 1941 e criado en Ribadeo.

O autor expón que o matemático lalinense estaba formándose con Jean Baptiste Biot en París, polo que o francés "valoraba o que sabía, coñecía os seus valores científicos e optou por el". Houbo un segundo español na expedición, o vicedirector do Observatorio Nacional José Chaix. "Era importante nas medidas dos meridianos, pero o Goberno quixo meter alguén da súa man. Era maior que os outros tres e non quería meterse en aventuras na mar, polo que no quixo meterse en aventuras", explica.

A tirada foi de corenta exemplares "porque o contexto era afectivo, para agasallar aos amigos"

Díaz Fierros conta esta historia na novela O gran triángulo (Galaxia), que empeza co enterro de François Arago, "que era unha figura moi recoñocida". Rodríguez e Arago enlazarían unha amizade notable, a diferenza de Arago e Biot, "que acabaron  tendo controversias" ao lograr o primeiro ser nomeado secretario perpetuo da Academia de Ciencias de Francia, un posto ao que aspiraba o segundo.

O autor considera a Xosé Rodríguez como "o científico máis importante que deu Galicia", polo que quixo "imaxinar a peripecia humana deste home nunha novela que é 90 por cento histórica". A recreación consiste nunhas cartas que Rodríguez intercambia co director do Colexio de Farmacia, Suárez Barcia, un amigo seu que continuaba en Santiago e lle contaba a situación da ciencia en Galicia. Fierros recoñece que a ciencia do noso país "estaba máis atrasada" que a francesa por culpa da tensión que se vivía na universidade "entre a ciencia máis avanzada e a reacción en contra dos catedráticos máis vellos. A USC era reaccionaria. Rodríguez e outros tratan de impoñer a ciencia moderna".

O científico ribadense xa publicara varios libros técnicos, pero nunca ficción. "Durante a pandemia cumprín 80 anos e quixen darme o capricho de escribir unha novela para os meus amigos". A partir desa determinación, Díaz Fierros dedicouse a investigar a través da biografía do matemático que fixo Ramón Aller ou "un libro francés sobre o tema que estaba lendo" cando se lle ocorreu a iniciativa. A tirada foi de corenta exemplares "porque o contexto era afectivo, para agasallar aos amigos". Un libro chegou a Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e lalinense, quen promoveu que o texto fose editado pola editorial Galaxia.

Díaz Fierros fai unha novela coa peripecia do galego que fixou o...
Comentarios