"Dhogs" sigue o seu percorrido internacional internacional en Bruxelas e Istambul

A película do meirego Andrés Goteira foi seleccionada para proxectarse nun certame belga de cinema fantástico e noutro turco

Andrés Goteira, durante a rodaxe de 'Dhogs'. AEP
photo_camera Andrés Goteira, durante a rodaxe de 'Dhogs'. AEP

LUGO. A película Dhogs, do meirego Andrés Goteira, foi seleccionada por un festival de cinema fantástico de Bruxelas e por outro certame de Istambul para a súa proxección.

A 36ª edición do Festival Internacional de Fantasía, Thriller Fantástico e Ciencia Ficción (BIFFF), de Bruxelas, que se celebra entre o 3 e o 15 de abril, anunciou as películas que serán presentadas nas súas diferentes categorías, entre as que figura Dhogs. A cinta estrearase en dúas seccións: Orbit Competition e Film Critics Selection.

España conta con outras oito cintas no certame belga. Na sección Meliès Competition concorren Cold Skin, de Xavier Gens, protagonizada por Aura Garrido; a gañadora do premio do público do último Festival de Sitges, Matar a Dios, de Caye Casas e Albert Pintó, protagonizada por Eduardo Antuña e Itziar Castro; ademais do filme vasco Errementari, de Paul Urkijo, que foi producido por Álex de la Iglesia.

Fóra de competición veranse nos cinemas de Bruxelas adscritos ao certame Framed, do director Marc Martínez Jordán; "El secreto de Marrowbone", de Sergio G. Sánchez; Muse, de Jaume Balagueró, con Leonor Watling; Verónica, de Paco Plaza, e El año de la plaga, de Carlos Martín Ferrera.

A maiores, Dhogs foi seleccionada para o Festival de Cinema de Istambul. Os seus produtores manifestaron onte en Twitter o «orgullo de ser unha das tres películas españolas do certame, xunto a Abrakadabra de Pablo Berger; La librería, de Isabel Coixet, e a coprodución hispanoarxentina "Teatro de guerra", que dirixiu Lola Arias.

Pola súa banda, o Centro Cervantes de Istambul anunciou que colaborará co certame «en traer a cuatro grandes invitados: Pablo Berger, director; Yuko Harami, productora; Andrés Goteira, director; y Maribel Verdú, actriz».

CROACIA. Dhogs continúa o seu periplo en festivais de cinema. Despois de gañar o premio á mellor longametraxe do Festival de Cinema de Split (Croacia) e de converterse na primeira película en galego en competir na sección oficial do Festival Internacional de Cinema Fantástico de Sitges, pasou polo Espanoramas de Bos Aires e polo Centro Niemeyer de Avilés. Tivo a súa estrea en Galicia no Festival Internacional de Cinema de Ourense (OUFF). A semana pasada proxectouse en Lugo.

Comentarios