'Dhogs', de Meira para o mundo

Andrés Goteira presentou no Gustavo Freire a súa película, que acaba de gañar 13 dos 17 Mestre Mateo aos que aspiraba

Andrés Goteira (de pé, segundo pola esquerda) posa no Gustavo Freire co reparto e as autoridades. SEBAS SENANDE
photo_camera Andrés Goteira (de pé, segundo pola esquerda) posa no Gustavo Freire co reparto e as autoridades. SEBAS SENANDE

NO MUNDO do espectáculo, xeralmente, hai dous tipos de premios: os que se utilizan para homenaxear ao organizador e os que están destinados a catapultar ao premiado.

Os premios Mestre Mateo, aínda que caian nesa imitación dun modelo que non vale para unha industria coma a nosa, de cando en vez tocan a tecla axeitada que serve para poñer o foco nun creador tapado.

Andrés Goteira (Meira, 1983) dirixiu a súa primeira película e contou co mellor reparto que se poida ter en Galicia. Gañou trece dos dezasete premios aos que optaba na gala dos Mestre Mateo, celebrada hai apenas dúas semanas, e a Dhogs abríuselle a remota posibilidade dunha distribución modesta nas salas comerciais. Isto, para un cineasta do noso país que produce as súas películas aquí, é o máis parecido a tocar o ceo.

A Deputación de Lugo proxectou onte no auditorio Gustavo Freire a película de Goteira, un cineasta novo que cita, explicitamente, a violencia incómoda de Gaspar Noé, a disolución da coherencia narrativa de David Lynch, e a ruptura da cuarta parede de Xavier Dolan.

Pero pertence a unha nova xeración de cineastas galegos que non apartan a mirada do Novo Cinema Galego, como diana referencial e meta artística case mítica.

Dhogs deambula por todo ese magma de referencias cinéfilas pero sen afastarse demasiado das posibilidades narrativas do cine comercial. Goteira, como moitos dos seus coetáneos (en Galicia, en Europa e no mundo) vive, escribe e dirixe sen os prexuízos das xeracións anteriores, aqueles que, se tomaban o camiño da autoría, sabían que debían renunciar ao popular.

Dhogs, pese a que ás veces parece que xogue coa paciencia do espectador, en realidade está xogando coas súas propias formas de ver cine. O xiro final da película dálle un sentido narrativo a todo o anterior.

Goteira quere seguir facendo cine desde Meira e, pronto, Oliver Laxe farao desde Vilela, Os Ancares; dous cineastas opostos en forma e fondo, pero con tendencia a confluír.

Comentarios