sábado. 15.08.2020 |
El tiempo
sábado. 15.08.2020
El tiempo

Dezaseis pingas do Reina Sofía en Lugo

"La escuela de Doloriñas" de Julia Minguillón.
"La escuela de Doloriñas" de Julia Minguillón.
O Museo Provincial fai un percorrido polas obras cedidas do centro madrileño, entre as que destacan as de Minguillón e Asorey

Julia Minguillón era unha muller académica, na vida e na pintura. Toda a excentricidade que lle trascendeu foi enterrar o seu can Tyla onde o mar. A súa obra segue as normas do clasicismo, como pode verse en La escuela de Doloriñas, o seu cadro máis sonado. Pode verse no Museo Provincial de Lugo dende 1962, pero pertence ao Estado dende que o comprou en 1941.

La escuela de Doloriñas é a peza na que se basea a mostra que o centro lucense promoveu co gallo dos 30 anos do Centro de Arte Reína Sofía dentro do ciclo Acordanzas. O museo madrileño ten 16 obras –once pinturas e cinco esculturas– depositadas en Lugo, entre as que figura tamén San Francisco de Asís de Asorey.

O cadro de Minguillón tivo vocación viaxeira. Recibiu a primeira medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes de 1941, despois de ser seleccionada entre 500 propostas. A ditadura inclúe na obra na súa misión de mellorar a imaxe no exterior. A obra viaxa a Berlín e á Bienal de Venecia en 1942. Pasa por Río de Janeiro en 1948 e acaba en Sevilla. A artista aínda pode vela de volta a Lugo porque morre tres anos despois, en 1965.

O curioso é que percorreu medio planeta saíndo do lugar de Vilapol. Julia viña de perder en 1940 o que había de ser o primeiro e único fillo. Estaba moi afectada, polo que decidiu descansar en Lourenzá, onde nacera en 1906 e os seus pais tiñan unha farmacia. Dando un paseo polo campo descubriu unha "escola de ferrado", que se chamaban así porque podían pagarse en especie -leña, patacas, bolos de pan ou traballo-.

Minguillón empezou a obra na escola. Compensaba as sesións dos alumnos con tres galletas, un prezo razoable. A artista busca unha sensación de austeridade ao pintar directamente sobre táboas de contrachapado e elixindo unha gama de cores que se moven nun arco limitado, entre o gris, o verde e o marrón. Julia sabía o que estaba pintando porque vivira en Burgos e Valladolid entre os 9 e os 17 anos, onde soportara burlas doutras alumnas polo seu acento galego. A vinganza era deformalas en caricaturas.

Esa obra recibe críticas polas roupas coas que pinta aos alumnos, demasiado requintadas para o tempo e para o lugar. O detalle da lama nas zocas podería baixar á realidade o ton do cadro, pero debe terse en conta que a pintora deseñaba o que se vestía.

ANIVERSARIO. Asorey tallou un San Francisco en 1926 para celebrar os 700 anos da fundación da orde franciscana. En certo modo, o artista cambadés devolve a visita que San Francisco fixo a Santiago en 1214. Daquela reparou na necesidade de expandir a súa mensaxe.

A directora do Museo Provincial, Aurelia Balseiro, apuntou a importancia tanto de recuperar esta obra como o recoñecemento ao seu creador, aínda que chegase «a fins do século pasado».

Dezaseis pingas do Reina Sofía en Lugo
Comentarios