Unha deseñadora de Bóveda amosa seis vestidos sobre doenzas mentais

Cristina Fernández Silvosa presentou a súa colección Caso 247 no Gaiás como traballo de conclusión dos seus estudos de Deseño
Look 'Número 1' creado por Cristina Fernández Silvosa. EP-Portada
photo_camera Look 'Número 1' creado por Cristina Fernández Silvosa. EP

A deseñadora Cristina Fernández Silvosa —nacida en Rubián (Bóveda) en 1997— participou este xoves no desfile Despunte, que se realizou no Gaiás compostelán, coa súa colección Caso247. Os conxuntos unisex que se viron eran o seu traballo de fin de estudos de Deseño, que rematou hai un ano na Escola Mestre Mateo de Santiago.

Look 'Número 1' creado por Cristina Fernández Silvosa. EP
Look 'Número 1' creado por Cristina Fernández Silvosa. EP

As súas seis proposta correspondíanse con senllas doenzas psíquicas: "A personalidade múltiple, o transtorno alimentario, o transtrono depresivo compulsivo, o transtorno bipolar, o espectro autista e o déficit de empatía".

Cristina Fernández Silvosa recoñeceu que desenvolveu a súa colección durante a pandemia, pero sublimou que facer un tratamento de atrancos psíquicos "non ten moito que ver porque a idea xa viña de antes". Si recoñece que lle veu ben polas máscaras e que o covid aumentou os transtornos da mente. "A miña roupa é o meu xeito de expresión, pero non era a miña intención tratar o covid; quería tratar os transtornos mentais, que seguimos ignorando, e quería sacar este problema dos transtornos mentais", incide a deseñadora bovedense. 

A súa inspiración para construír Caso247 nace de que "hai moitos artistas que padecen transtornos mentais, eu coñezo varios", polo que lle pareceu interesante valerse da arte textil para opinar sobre ese asunto. Para tratar os seis transtornos fixo un estudo de cada un para reflectilo na colección, "que é de punto, sobre todo". A modista remarca que "cada prenda leva un punto diferente". Por exemplo, "o look Numero 2 é de punto en bucle, que dá máis volume e quixen escollelo para o transtorno alimentario porque é a imaxe que ten de si mesma unha persoa que o padece".

A modista de Rubián explica que "o look Número 1 é diagonal, cambia de textura e empezan as caras na diagonal"

Fernández Silvosa tamén manifesta intencionalidade nas catro cores que escolleu: "Son o azul, que representa a soedade; o laranxa, que é a color da euforia e tamén do perigo; o branco, que fala da pureza, e o negro, que significa sensacións negativas". En canto ás formas, "teño a liña clara en todo o que fago porque todo é cadrado, de liñas verticais". 

Cristina Fernández Silvosa. EP
Cristina Fernández Silvosa. EP

A modista de Rubián explica que "o look Número 1 é diagonal, cambia de textura e empezan as caras na diagonal". Esa estética responde a que lle gusta a xeometría. "Levo toda a vida estudándoa. Fixen bacherelato científico e tecnolóxico no Ies Daviña Rey de Monforte. Gústame o debuxo técnico", subliña.

O Erasmus e as prácticas desenvolveunas en Milán. "Foi a miña primeira experiencia de traballar para o teatro, faciamos vestiarios para diferentes compañías, que podían alugar as coleccións ou se lle facían encargas ao seu gusto". Daquela "empecei a coser, deume confianza a nosa directora para que fixese encargas que eran difíciles. Estiven en patronaxe e en complementos, onde si que daban moita liberdade. Puiden quedar, pero preferín formarme máis", sinala Cristina Fernández Silvosa, que está cursando Patronaxe Industrial na Coruña e estudou Deseño en 3 dimensións. "Gústanme a patronaxe e a xeometría", expresa.

Na súa opinión, "os planos da prenda son a parte máis complexa. Está moi ben deseñar, hai moita xente que sabe facelo; pero o difícil é levar iso á realidade, porque un patronista executa o que está na mente doutra persoa". Así que acabará Patronaxe Industrial e empezará traballar nese campo.

Comentarios