De cando Roma descubriu Celanova

Astérix tería ben pouco que facer se vivise hai dous mil anos en Castromao. Malia a súa ubicación claramente defensiva -na cima dun outeiro, dende onde se domina o val do Arnoia e toda a bisbarra-, os castrexos escolleron unha coexistencia pacífica cos romanos antes que a guerra e a barbarie. Preferiron ver as lexións romanas como o antecedente dos 'guiris' con sandalias, e de seguro que de seguido apreciaron a compaña duns visitantes ós que se lle podía 'sablear' no prezo das castañas.

Na década dos 70 apareceu nas escavacións de Castromao o documento coñecido como 'Tessera Hospitalis', a proba de que romanos e a tribo local dos coelemos coexistían como bos veciños hai 2.000 anos. Esta foi a escusa para que os mozos de Celanova botasen a andar no ano 1999 o Folión Castrexo, a festa na que, como pasou hai tantos séculos, locais e foráneos confraternizan mentres, por manter a coherencia histórica, as botellas de tres cuartos quedan gardadas, e o viño corre por galóns e mollos.

O xoves e o venres, as rúas da vila dos poetas comeza a coller color, co prato forte da actuación de Milladoiro na noite do venres. Pero o corazón da festa é o sábado. Os castrexos comezan a escoitar rumores sobre a inminente chegada do conquistador romano, e os clans baixan xuntos á vila de Celanova para ter novas dos intrusos.

Castrexos e romanos
As faladurías dicían a verdade, e os romanos aparecen, en case perfecta orde de combate e acompañados pola súa artillería pesada, unha catapulta cargada con ameazadores globos de auga. A pesar de facer o papel de intruso, vestir a toga é algo que non desagrada a moitos participantes. "Cada ano que pasa son máis" comenta unha veciña.


A comitiva trasládase á praza das Pitas. Presidindo o lugar atópase unha réplica da 'Tessera Hospitalis', e nese lugar desenvólvese a representación do pacto e o intercambio de regalos. A potente voz dos actores (debidamente amplificada polos micros) anuncia con bo criterio a reconciliación dos pobos, conseguida a pesar dos insistentes berros de 'Roma vincit' e 'Romanos ide prá casa'. Finalmente, acordan ir ata o castro para asinar o acordo e repoñer forzas cunha boa comida.

No castro
A subida, uns 3 quilómetros monte arriba, é unha proba de resistencia para os corpos, cansos dunha noite de festa, e de representar nunha hora o que seguramente foron décadas de escaramuzas entre Roma e Celanova. Neste momento comeza a non parecer tan boa idea levar as provisións nun frigorífico convenientemente tuneado a base de xestas para darlle aire tradicional, e tirado por un non menos tradicional carro de bois de carballo do país. "Ben lle puiden ter collido o tractor do meu pai", escóitase polo camiño.

A chegada a Castromao ten a súa recompensa, en forma de cabanas nas que protexerse do sol. Finalmente, a mañá remata co tratado que sela a amizade entre castrexos e romanos e que podería entenderse como a fundación lendaria da deputación de Ourense, pois axiña comezan os berros que lles reclaman ós novos protectores "buses gratuítos" ou mesmo "unha ponte sobre o Miño".

Co sol quentando na cima do monte de Castromao, e cunha tarde na que os protagonistas serán as actividades ó aire libre, a cetrería e os malabares, remata a representación dunha historia de comprensión e aceptación mutua, que frigoríficos a parte, puido non ser tan distinta ó que sucedeu hai dous milenios.

 

Comentarios