David Amor: "Non teño vacacións e non as quero, non me gusta estar quieto"

O monologuista e actor de Salceda de Caselas estivo en Lugo para impartir unha masterclass de teatro, dentro do Campamento Urbano organizado pola Deputación lucense

David Amor. AEP
photo_camera David Amor. AEP

Este martes deu unha charla na Deputación de Lugo sobre teatro. Sobre que lle falou aos asistentes?

Pois sobre a miña vida e obra (risas). Sobre todo do mundo da interpretación, do teatro, cine, televisión... de todas as artes, para que saísen dalí preparados para ser grandes actores e grandes espectadores.

Foi un xogador destacado de balonmán e chegou a xogar na selección española. Por que o deixou?

Non cheguei a deixalo de todo, de feito retireime este ano. Simplemente as cousas foron ocupando un papel máis ou menos prioritario segundo me apetecera máis no momento, pero non cheguei a deixalo nunca.

Tamén probou sorte no mundo da modelaxe, incluso se presentou a Míster Galicia. Gustoulle ser modelo?

Iso foi unha cousa de mocidade, estaba alí e era o momento de probar, nesa idade é o momento de arriscar. Fíxeno por descubrir os mundos á miña man, que non mo contara ninguén, pero fixen iso igual que traballaba de repartidor de pizzas.

Amor: "Vivimos nunha sociedade ridícula, temos moita información e acceso a opinar, pero aínda estamos aprendendo a manexalos"

De onde xurdiu a súa vea humorística?

A verdade é que como espectador dende moi novo e na casa. Sempre fun un ansioso observador do humor, e na casa había cintas, discos, libros de humor gráfico de Forges, Castelao, Quino... E de repente e por curiosidade acabei do outro lado.

Como deu o salto ás pantallas?

No 2000 ou 2001, cando estaba na modelaxe, vin un anuncio dun cásting en Pontevedra para O rei da comedia. Presenteime, colléronme e ese foi o punto de partida da miña traxectoria.

Despois do paso por Televisión de Galicia fixo un cásting para El club del chiste, que foi o programa que o disparou ao estrellato estatal. Que supuxo para vostede?

Foi un bo punto para a autoestima, porque tiña opción de facer cousas fóra. Ampliei fronteiras, puiden levar monólogos fóra de Galicia, que por aquelas non mo plantexaba.

O paso por Tu cara me suena axudouno a mellorar as súas habilidades de canto?

Iso esperaba eu, pero non (risas). Foi unha experiencia marabillosa que repetiría cos ollos pechados, pero entrei cun nivel tan baixo de cantante que non houbo maneira de arranxalo.

Tamén participou en Vidago Palace, unha serie coproducida pola TVG e a televisión pública portuguesa. Como foi a experiencia de gravar en portugués?

Foi moi bonito, era algo que me apetecía moito. Ademais era un papel diferente aos que fago normalmente, máis dramático, e foi moi chulo. Pero gravar de repente noutro idioma esixe unhas cousas que como actor non estás acostumado, porque o portugués é un idioma moi afastado ao noso a pesar do que se pensa, pero acabei moi contento porque o resultado foi bo.

Como se viu nun papel dramático?

Era o primeiro que facía de cara ao público. Eu levo anos traballando e preparándome para cando chegase ese momento, porque era algo que me apetecía. Sen renunciar ao humor, está ben probar cousas distintas e é divertido.

É máis sinxelo actuar ou facer monólogos?

Pois non sei. Eu fago todo porque me gusta todo. Non hai un momento no que me plantexe que algo é difícil, son cousas que vou probando e non me plantexo que me custa máis, senón que é o que máis me gusta facer.

Agora mesmo está moi de moda o humor negro. Atreveríase con el ou é demasiado forte?

Eu creo que o humor é algo necesario, e dentro da historia do humor negro creo que houbo grandes humoristas. Pero agora é todo tan efémero, duran as noticias tan pouco, que quedamos co último e xa non temos memoria das cousas que pasaron. Pero, se fas un repaso, o humor negro estivo aí sempre. O que pasa é que antes non eramos tan conscientes porque non viviamos nunha sociedade tan ridícula como agora, que temos moita información e acceso a opinar pero aínda estamos aprendendo a manexalos. Non creo que estea de moda, creo que agora todo o mundo se pon tolo por calquera tontería e ás veces tamén se saca de contexto.

Agora mesmo ten un personaxe en Gym Tony, é colaborador de Zapeando, en breve voltará aos teatros con Fuera de sitio... Semella que ten moito traballo.

Trátase de xerar actividade, sempre loitando e buscando cousas. Nesta época, cando me ven parado ou na praia a xente pregúntame: "Que, de vacacións?" e eu contesto que non, que se estou parado é porque estou no paro. Non teño vacacións e non as quero, non quero estar quieto. Creo que levo uns anos nunha boa dinámica de traballo, con continuidade e enganchando uns proxectos con outros. Somos poucos os afortunados que temos esta continuidade, así que estou contento.

Comentarios