María Vázquez, actriz

"Dáse unha imaxe glamurosa das actrices e detrás hai mulleres que loitan por subsistir"

Os madrugóns para saír cos mariñeiros a coller mexillóns ou as longas xornadas limpando nunha conserveira arousá foron necesarios para que María Vázquez se empapase da dura vida de Francisca Iglesias, a muller todoterreo á que representa en Matria ► A ópera prima de Álvaro Gago está triunfando nos festivais e chega en galego a todos os cines
photo_camera María Vázquez. PEPE FERRÍN

Como un dos papeis que máis marcou a súa carreira define María Vázquez (Vigo, 1979) a personaxe de Ramona en Matria, interpretación que lle deu a Biznaga de Plata e que a transformou, sobre todo, "a nivel persoal". E é que un filme coma este deixa pegada porque "hai moitas Ramonas no mundo que loitan por subsistir e que agora se poden ver representadas na pantalla", di a actriz.

Matria é, sen dúbida, María Vázquez. Sae en todas as escenas.
Si, foi unha película moi esixente porque á parte de saír en case todos os planos requiría unha esixencia emocional moi alta. Tras rodar chegaba a casa e quedaba durmida. Espertaba moitas veces de madrugada no sofá, coa cea diante e sen probala. Estaba rebentada pero foi moi gratificante.

É fácil desprenderse dun papel coma este ao chegar a casa?
Intento non levar o traballo para a casa e neste caso foi case imposible. Debo dicir que a miña familia me apoiou moito. Os meus fillos dicíanme: Pero por que estás enfadada, mamá?. Ía tan empapada de toda a enerxía do filme que era difícil soltala. Cunha personaxe cunha esixencia emocional tan grande como Ramona non podía desconectarme moito.

Foi máis duro do que pensaba?
Sobre todo fisicamente. Traballei limpando nunha fábrica de conxelados, na conserveira, nas bateas... Tiven que saír varios días nun barco de mexillóns para aprender a manexar os aparellos e que parecera que levaba tempo facéndoo. O patrón do barco ensinoume moito e dicíalle a Álvaro: Ten que volver, que non o fai ben (risas). Entón aló ía eu ás catro da mañá embarcar cos traballadores coma un máis. Todo o mundo me acolleu cos brazos abertos, abríronme as portas do seu corazón e levo moi boas amigas desta fermosa experiencia.

Na película encarna a Ramona, que na vida real é Francisca Iglesias: unha arousá todoterreo cunha vida dura. Como foi o primeiro contacto coa protagonista?
A primeira vez que quedei con Álvaro apareceu Francisca e pasei medo por saber o que pensaría de min, se eu faría ben dela... Estaba asustada, pero foi un flechazo, amor a primeira vista. Deume a súa bendición e fomos collidas da man sempre. Foi a mellor coach que puiden ter. Tivemos moitas confidencias que me deron as claves para construír a personaxe.

Ramona é unha muller sen pelos na lingua, pero á hora de falar dos seus sentimientos, predomina o silencio. Por que?
É habitual. Hai esta falsa imaxe de que as mulleres bravas son bravas para todo, e non é así. Que teñas carácter non quere dicir que xestiones ben as túas emocións. Dentro desta bravura de Ramona hai unha sensibilidade tremenda e o sufrimento dunha persoa á que non souberon querer ben.

Ela coida de todo o mundo menos dela mesma...
Matria é a historia desta Ramona e de tantas que hai no mundo por desgraza. Eu digo que Ramona somos todas, porque aínda que algunhas teñamos unha vida máis privilexiada, sentímonos identificadas con esa esixencia de mulleres que poden con todo, que traballan dentro e fóra da casa... Non queremos ser superheroínas, o que queremos é poder conciliar, respirar, e poder se imperfectas porque temos dereito a equivocarnos e a non poder con todo.

No filme, Francisca é a camareira. Como foi gravar as escenas coa protagonista real fronte a fronte?
Foi emocionante estar xuntas na película. Ela en ningún momento me viu como unha actriz, víase reflectida en min. Dicíame: É que son eu!. Foi algo inolvidable.

Unha viguesa coma vostede con raíces en Lugo tivo dificultades co galego de Vilagarcía?
Claro, porque aínda que é galego, é un dialecto distinto ao meu. Tiven que traballalo moito. O galego da zona do Salnés non ten nada que ver co de interior de Lugo. Precisei un proceso de inmersión lingüística de tres meses e na casa seguía falándoo para non perdelo.

A súa participación en Matria coceuse a lume moi lento.
Si. O proxecto chegoume un ano antes de rodar, entón foi un privilexio poder traballar algo durante tanto tempo. Neste caso era moi necesario porque Álvaro apostou por min desde o comezo pero non era unha personaxe que de primeiras me pegase moito. El sempre me dixo: Sei que podes facelo pero precisei tempo para empaparme.

Nominada a un Goya, diría que este é o papel da súa vida?
Dicir isto é moi forte porque espero que me queden moitos papeis por diante. Pero si foi un papel dos máis importantes, sobre todo a nivel persoal. Foi transformador. Estar con estas mulleres e poder representalas foi unha gran responsabilidade. A película ademais está marcando moito ao público e chégannos cousas preciosas de xente que a viu, porque un filme así mobiliza. O que dicía: hai moitas Ramonas no mundo, por desgraza, e agora vense representadas na gran pantalla.

No seu discurso en Málaga recordou as actrices obreiras. Foi duro facerse un oco neste mundo?
Moito, e sendo muller aínda máis, porque a esixencia é moito maior co noso físico, coa nosa idade... Parecíame importante reivindicar ás actrices obreiras que somos o 99,9%. Quérese dar unha imaxe glamurosa das actrices, de festas e de redes sociais e o que hai detrás son mulleres traballadoras que loitan por subsistir.

Unha vez pasada a resaca de gañar a Biznaga de Plata. Reservoulle xa ao premio un espazo na súa casa?
(Risas) Pois debo de confesar que con tanto trafego aínda nin o saquei da maleta. Será a miña filla a encargada de darlle un bo sitio. 

"O meu corazón está arraigado en Carballedo; é onde me gustaría rematar a miña vida"

É viguesa pero ten raíces lucenses en Carballedo, terra dos seus avós maternos e de seu pai. Como recorda esa infancia?
Recordo pasar toda a miña nenez alí. É o meu punto de conexión coas raíces, coa lingua... Miña avoa foi a que me ensinou o galego e a que me deu a forza para loitar polo que me gusta. Pode soar esaxerado, pero é o sitio no que me gustaría rematar a miña vida. Eu son viguesa de nacemento, téñolle moito cariño, pero o meu corazón está arraigado en Carballedo e Chantada. É o sitio que me identifica e vou moitas fins de semana alí.

Cal é o seu recuncho favorito?
Belesar. Cando teño que estudar fuxo alí para perderme e relaxarme. É un absoluto paraíso.

Vén dunha familia con paixón polo mundo artístico. A súa irmá Tatiana é guionista. Mamárono na casa?
Meus pais facían teatro afeccionado, miña avoa recitaba poesía nas comidas familiares... Había algo artístico metido dentro da miña familia, pero polas circunstancias da vida nunca se dedicaron profesionalmente a iso.

Cal foi o seu primeiro papel?
Foi a finais dos 90 na serie Al salir de clase. Un personaxe pequeno que estivo cinco capítulos. Non o pasei nada ben e pensei que non me dedicaría xamais ao audiovisual. ¡E mira onde estou!

Cando foi nominada ao Goya por Mataharis fixo un parón. Tamén o fará tralo éxito de Matria?
Antes de rodar Matria xa fixen ese parón tan necesario para respirar. Eu vou conciliando a vida e o traballo, e preciso facer un reseteo de cando en vez. Nesta ocasión fíxeno antes da rodaxe.

Foi a Málaga con Honeymoon, do coruñés Enrique Otero, e Matria, do vigués Álvaro Gago. Ambas con selo galego.
Para min foi un orgullo moi grande, á parte de que este ano en Málaga había seis películas galegas. Paréceme que isto define que o cine galego goza de boa saúde e é moi fermoso poder expandilo polo mundo adiante.

Se non fose actriz. Que sería?
Sempre que mo preguntan digo que, fose o que fose, tamén sería actriz: camareira e actriz, médica e actriz... Non podería vivir sen ser actriz. O meu traballo faime mellor nai, muller e persoa.

Matria, Honeymoon… Algún proyecto máis este 2023?
Está sendo un ano moi prolífico. Fixen tamén unha película de Celia Rico titulada Los pequeños amores e acabo de rodar Alumbramiento de Pau Teixidor.

Que papel lle gustaría facer que aínda non lle chegou?
En teatro encantaríame representar algunha obra de Chéjov, é un autor que penso que representa moi ben aos galegos.

Ao recibir a Biznaga agradeceu a "paciencia" da súa familia. É importante este apoio?
É imprescindible. Eu vivo como actúo e actúo como vivo. Personaxes coma o de Ramona pulverizan a túa vida e se non tes xente que entenda isto e o respecte sería moi difícil seguir.

O seu marido [Víctor Duplá] é actor, vostede actriz, con 2 nenos... As maletas duran pouco feitas?
(Risas) Pois si, de feito agora mesmo teño unha maleta feita e teño que facer outra. Estamos sempre viaxando e intentamos ir os catro para pasar o maior tempo xuntos. Os meus nenos están afeitos a ir de aquí para aló.

E no seu tempo libre… Ten algunha afección secreta?
Son furgoneteira. Encántame ir cos nenos e coa miña parella e acampar ao aire libre. Unha furgoneta dáche a liberdade de non ter que planificar nada, e a min, que son superplanificadora, libérame moito.

A historia de Francisca Iglesias
Matria está baseada na dura vida de Francisca Iglesias, a muller que coidaba do avó do director vigués con raíces en San Cibrao Álvaro Gago. "Ela trouxo luz na nosa casa e afondando nela descubrín que tiña unha vida complicada. É unha gran muller que nunca viu recoñecido o seu gran talento", describiu o cineasta.

E é que Francisca é unha muller todoterreo, traballadora dentro e fóra da casa, "unha heroína real, desas persoas que dan luz aló por onde pasan", en palabras de Álvaro Gago. Unha curta premiada Francisca debutou como actriz protagonista na curta Matria, que triunfou no festival de Sundance (EE.UU.) no 2018 e deu lugar ao filme que acaba de chegar aos cinemas e que encabeza María Vázquez.

Comentarios