Darriba: "Nesta obra fun un escultor, labrei os poemas ata darlles forma"

O autor sarriao presentou este martes en Trama Radiante, un poemario onde fala de sentimentos
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Manuel Darriba na libraría Trama de Lugo. XESÚS PONTE

Cando Miguel Anxo tomaba entre as súas mans un anaco de pedra, automaticamente cobraba vida. Non había idea ou sentimento que o gran escultor do Renacemento non puidera expresar nun pedazo de mármore. Manuel Darriba non é Miguel Anxo, pero podería selo. O primeiro é de Sarria; o segundo, de Capresse (Italia). Un é escritor e o outro escultor, dúas artes que están agora máis unidas que nunca grazas a Radiante (Chan da Pólvora), o novo poemario que o sarriao presentou este martes na Libraría Trama de Lugo.

Nesta obra, o autor sentiu que traballaba a materia, xa fora pedra ou madeira, para extraer da masa creada fragmentos dun discurso estructurado. Tanto, que por veces sentiuse máis escultor que escritor. "Este poemario é un dos poucos que tivo unha intencionalidade clara. Propúxenme crear. Durante uns meses dediqueime a escribir poemas para ter unha chea de textos en bruto que serían o punto de partida da obra".

Así, os poemas convertéronse na materia prima do escritor. Foron como gromos de escritura que cobraron forma e sentido no proceso de creación, que se prolongou varios anos. "Os poemas foron mudando e tomando vida, traballei sobre eles e todos sufriron unha maior ou menor transformación", confesa.

Todos eles conformaron Radiante, unha obra na que o escritor fala de sentimentos. Pero tamén de pensamentos, dos misterios da vida, da morte e do paso do tempo.

Este poemario, o quinto de Darriba, ten ademais unha correlación co anterior, Santa Morte. "Volvo incidir no misterio da creación literaria. Reflexiono sobre a vida e sobre o difícil que é a arte de crear a través de figuras metafóricas", explica o escritor.

Sen embargo, a luz coa que brilla a cuberta este poemario non é un canto á celebración, pois a última etapa creativa da obra coincide cunha etapa na vida do autor especialmente dura, da que prefire non incidir. "O título do libro pode parecer irónico, pero radiante significa tamén luminoso, e a luz pode ser brillante ou turbia, máis clara ou máis escura, como acontece cos meus poemas".

Nesta nova obra, o sarriao optou ademais por facerse a un lado e deixar fluir os sentimentos. "É un libro moi humano, pero optei por retirar o suxeito autobiográfico. Fixen unha poesía de emocións e pensamentos".

Autor de novelas tan significativas como O bosque é grande e profundo (2013), Darriba foi xornalista, pero agora é guionista e escritor creativo. Tres profesións cun nexo común: a curiosidade polo mundo; e que traballan cunha mesma ferramenta: a palabra. Esa palabra á que o escritor non deixou de dar forma nunca, pois como el mesmo di: "A poesía pode ser complexa, pero nunca o será tanto como a propia vida".

Comentarios