Darriba: "Miña nai estaba agonizando en Bos Aires e eu estaba en Lugo"

A escritora uruguaia ve publicada en galego a súa novela 'Xoguetes para nenos cegos'
A escritora Luz Darriba, onte no Vello Cárcere. XESÚS PONTE
photo_camera A escritora Luz Darriba, onte no Vello Cárcere. XESÚS PONTE

Un momento duro na vida de Luz Darriba -o proceso agónico da súa nai lonxe, en Bos Aires- deu vida a unha novela, Xoguetes para nenos cegos, publicada en 2016 en castelán e agora en galego a cargo da editorial Belagua, con prólogo de Helena Villar Janeiro. A nova edición desta novela publicada pola artista multidisciplinar uruguaia, pero de orixe lugués, foi presentada onte nun acto que tivo lugar no Vello Cárcere.

"É unha novela curta, de 100 páxinas. Ou se queres, tamén é un conto longo, unha 'nouvelle', como dirían os franceses. Trátase dunha novela que escribín en 2014 e publiquei no 2016 en castelán e que agora sae en galego", explica Luz Darriba.

Esa era a espiña que lle quedou cravada á escritora. Publicar esta novela en galego. Unha novela que se nutre dun intenso estado emocional que coincidiu co falecemento da súa nai.

"A novela foi escrita nun momento duro: a semana na que estaba agonizando miña nai en Bos Aires e eu estaba en Lugo, sen poder estar á súa beira. Foi un estado emocional moi duro, de desesperación. Nese clima xestouse esta historia, a de dous nenos -un pobre e un rico que, ademais, é cego-. Está ambientada na posguerra, nunha aldea de Galicia", afirma Luz Darriba.

A novela, que está ambientada nunha aldea de Galicia, foi escrita "nun estado emocional moi duro, de desesperación"

Nesa pequena aldea ocorren historias. Historias que Luz ten ouvido daquela Galicia que hai décadas deixaran seus pais para cruzar o Atlántico en busca de mellor vida. "Vin a necesidade de falar destas historias. Unha delas a que me contou un amigo meu de Melide, sobre uns ósos de xente represaliada durante a postguerra que apareceran. Pois eses ósos están na novela. Son os xoguetes dos nenos. Igual que unha caixa de mistos, que tamén ten a súa importancia na trama", conta a autora do libro.

Xoguetes para nenos cegos narra a vida destes dous rapaces desde os 10 anos ata que son adultos. O narrador é o neno pobre.

"Tiven que ler moitísimo para fundamentar a época na que se desenvolve a acción da novela, a posguerra", declara a autora, sobre o proceso creativo do libro.

Luz Darriba leva xa catro novelas escritas: Toda la gente errante, Abril (a primeira escrita en galego), Lo que el viento no se llevó y Juguetes para niños ciegos (en castelán e tamén desde agora xa, en galego).

Comentarios