Darío Xohán Cabana, príncipe da biblioteca e discrepante da tropelía

Cúmprese un ano do pasamento do escritor, tradutor e editor de Cospeito que nunca se resignou a aceptar o estado das cousas
Darío Xohán Cabana. AEP
photo_camera Darío Xohán Cabana. AEP

Cando morre unha persoa incinérase ata a cinza a biblioteca que levaba dentro. Co pasamento de Darío Xohán Cabana (1952-2021), morreron unha biblioteca e un bibliotecario. A mediados dos anos 90 escribiu unha novela na que "un príncipe herdeiro dun reino se facía republicano para non ter que chegar a ser rei e poder facer unhas oposicións a bibliotecario".

Darío aprendeu a ser rei co Quijote, republicano co Che Guevara e bibliotecario co seu pai. "Na miña casa había máis libros ca na casa do cura", recordaba desde a súa casa de Romeán (Lugo), onde foi despedido hai un ano por unha presada de entre os familiares e os amigos que o querían. "Cando o meu padriño ía a Lugo traíame novelas de Xulio Verne ou de Alexandre Dumas".

Darío sabía que ser bibliotecario era o mellor oficio posible porque consiste en tratar con libros como Don Quijote de la Mancha, onde aprendeu que a lectura provoca unha enaxenación que se confunde, polos seus síntomas de éxtase, coa loucura. Darío Xohán Cabana conviviu toda a vida con libros como lector intencionado, como escritor en varios xéneros e como editor. Sempre foi andou nesas tres artes.

Nacido en Roás (Cospeito) estudiado en Lugo, ao remate do bacherelato marchou a Vigo para aprender de Xosé María Álvarez Blázquez na editorial Castrelos. "Con el empecei a ler aos poetas medievais, intereseime pola Historia, pola filoloxía e por unha materia que é difícial que alguén ensine: a paciencia".

Xa de adulto seguía xogando a vaqueiros e indios no sofá vendo películas do Oeste abrigado pola familia na casa que armara "carpitexando" coas mesmas mans que escribiron 'Galván en Saor' ou traduciron 'Divina comedia'

O fútbol nunca lle resultou atractivo, prefería artellar colectivos. Sendo cativo fundou o Relámpago Insulano cos seus amigos. O xentilicio de ínsula atopouno, novamente, no Quijote. Darío era o líder. Xogaban ás guerras, pero o escenario non era Europa, o Oeste ou a Roma clásica. Os seus combates a campo aberto estaban ambientados na Habana do ditador cubano Batista na que entraba gloriosamente Fidel Castro co futuro escritor no papel que se atribuíra do Che Guevara, o home de acción que non se adaptou a gobernar nin a ser gobernado mentres houbese un entuerto que desfacer.

Paco Martín coñeceuno sendo el pai de Alexandra e Martiño, alumnos na Piringalla. "Falabamos de moitos temas, pero pouco de fútbol porque non era un afeccionado. Máis ben de política. O Darío era máis entregado ca min". Dende a primeira mocidade sabía que quería unha sociedade galega igual e independente. En 1968 ingresou na UPG. Seguiu militando no marxismo e no arredismo mesmo nos anos 80, cando deixou esa formación para militar na FPG.

Xa de adulto seguía xogando a vaqueiros e indios no sofá vendo películas do Oeste abrigado pola familia na casa que armara "carpitexando" coas mesmas mans que escribiron Galván en Saor ou traduciron Divina comedia; coas mesmas mans que collían o teléfono a Amelia no Servizo de Publicacións de Lugo para saudala: "Ola, meu amor".

As novelas, os contos e os poemas déronlle premios a esgalla; a ficción caballeresca Galván en Saor reportoulle 20 edicións de lectores. O outro galardón da súa vida foi a Medalla de Florencia, a cidade natal de Dante, pola súa translación ao galego da Divina comedia. Descubríra ese longo poema na adolescencia "nunha traduciín de Bartolomé Mitre, un xeneral que, cando non estaba facendo a guerra, traducía a Dante". Cabana nunca fixo a guerra, así que volveu sobre eses versos e publicounos na súa Edicións da Curuxa.

Comentarios