"Darío Xohán Cabana era afeccionado aos filmes de vaqueiros e ciencia ficción"

A filla do escritor, Alexandra, comentou os gustos fílmicos do seu pai durante a homenaxe póstuma que recibiu na Semana de Cine de Lugo
Antón Dobao fala na homenaxe a Darío Xohán Cabana en presenza da viúva do escritor, Amelia Outeiro, e da filla, Alexandra. SEBAS SENANDE
photo_camera Antón Dobao fala na homenaxe a Darío Xohán Cabana en presenza da viúva do escritor, Amelia Outeiro, e da filla, Alexandra. SEBAS SENANDE

 Alexandra Cabana comentou este venres, na homenaxe que a Semana de Cine de Lugo dedicou ao pai, que a Darío Xohán Cabana lle gustaba "ver películas na casa coa familia, non era de ir ao cine". A maiores de  clásicos poderosos como Acorazado Potemkim, interesáballe o xénero do Oeste, "que era unha herdanza do seu pai". En paralelo, gustábanlle as películas de Clint Eastwood, pero non tanto as súas interepretacións de actor como os seus traballos como director.

A maiores dese cinema sobre homes na nova fronteira gustábanlle Avatar e outros filmes de anticipación do futuro tratados baixo a fórmula da ciencia ficción, entre os que a filla cita Mad Max ou Dune.

A Semana de Cine tivo unha lembranza do escritor finado en novembro do ano pasado coa proxección da longametraxe  A mariñeira, que dirixiu o lucense Antón Dobao como parte da colección Un mundo de historias, que rodou para a Televisión de Galicia.

Este filme é un drama histórico ambientado en 1936, nun pequeno pobo costeiro galego, onde viven Pandullo e María coas dúas fillas. Pandullo e Modesto son republicanos e se ven obrigados a esconderse na montaña do Pindo despois do alzamento fascista. Cada ataque falanxista ten resposta por unha guerrilla dirixida por un invisible Pandullo. Durante os anos da Guerra Civil e a posguerra, e a pesar da ausencia do marido, María tentará educar ás súas fillas e loitar por seguir adiante.

O conto de Darío Xohán Cabana "coma a sinopse dunha película"

A mariñeira reportou un premio Mestre Mateo a Antón Dobao como mellor filme para televisión. O relato de Darío Xohán Cabana no que se basea a produción audiovisual "é un conto pequeno, pero que recolle unha historia completa", indica o realizador; que engade que el ve o conto "coma a sinopse dunha película".

Na súa percepción, "a literatura de Darío Xohán Cabana ten moita imaxe e este relato pareceume que tiña elementos visuais interesantes", polo que se puxo a traballar con Xabier Cordal nun guión no que non quixo participar o novelista e poeta. "Darío non se meteu en nada, nin no guión nin na rodaxe; viu o filme nun cine e se emocionou".

Comentarios