Darío Villanueva recibe un recoñecemento como embaixador de Cunqueiro

O director da Real Academia Española viviu con orgullo a distinción de Cunqueiriano Emeritus que lle deu o Concello mindoniense ► Avanzan as obras para a apertura da casa museo do escritor que buscan afondar na vida e obra do máis ilustre personaxe da cidade

Darío Villanueva, en primeiro término, co agasallo que o recoñece como 'Cunqueiriano Emeritus'. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Darío Villanueva, en primeiro término, co agasallo que o recoñece como 'Cunqueiriano Emeritus'. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A cidade de Mondoñedo amosou unha vez máis o seu vencello coa figura icónica do seu escritor máis senlleiro, Álvaro Cunqueiro. Fíxoo este sábado nunha serie de actividades desenvolvidas no aniversario do seu pasamento e que contaron con outro protagonista lustroso. Foi o director da Real Academia Española, o tamén lugués e igualmente afeccionado e gran coñecedor da figura de Cunqueiro, Darío Villanueva, a quen se lle fixo entrega do nomeamento da distinción Cunqueiriano Emeritus e para quen a alcaldesa mindoniense, Elena Candia, tivo unhas verbas especiais cualificando como "un privilexio" a súa presencia nos actos.

Precisamente o coñecemento de Villanueva da figura de Cunqueiro, da súa vida e da súa obra, foi un dos eixos sobre os que acabou xirando a súa intervención no acto de onte.

O presidente da Real Academia Española amosouse moi satisfeito de poder recibir un nomeamento que o achega dun xeito moi especial á figura do que recoñeceu que é un dos seus referentes literarios da literatura en xeral e galega en particular.

Pero a xornada tiña un protagonista que non podía estar presente, Álvaro Cunqueiro. Este ano foino ademais dun xeito moi especial porque está moi preto de ver como a súa casa se vai converter nun museo, a Casa Museo Álvaro Cunqueiro. Elena Candia avanzou este sábado que o seu equipo de goberno vai empezar xa a traballar nos pregos do restaurante que se vai emprazar no edificio para que a súa explotación sexa efectiva no momento da apertura do museo.

PREMIO LITERARIO. A rexedora tamén deu conta da creación por parte do goberno local dun premio literario, no que convidou a colaborar ao Concello de Vigo, así como ao impulso e refrote da fundación Álvaro Cunqueiro, accións que, xunto coa musealización da casa do escritor, "serán as pedras angulares para a posta en valor da súa obra".

No que toca ao museo, está nun edificio de tres andares emprazado na praza da Catedral de Mondoñedo. O centro estará adicado á figura e mais á obra do escritor mindoniense, quen habitou o inmoble nos anos 40 e 50 do século XX e escribíu nel algunhas das súas obras máis importantes, entre elas Merlín e familia.

A rexedora explicou que con este proxecto o Concello se marca varios obxectivos. Un deles, dar a coñecer ao público visitante a figura e a obra literaria de Cunqueiro dun xeito rigoroso e adaptado aos diferentes segmentos que compoñan o público: veciños, estudantes, peregrinos, turistas ou fans do escritor.

Candia agarda que esto sexa un impulso para o crecemento económico e ela tómao como "un compromiso cos cidadáns, veciños e forasteiros no campo cultural, económico e mesmo espiritual".

Entre as autoridades que acudiron ao acto estivo o deputado provincial de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, quen participou en todos os actos de homemaxes ao escritor, que principiaron cunha ofrenda floral ante a tumba do cemiterio vello da cidade. Tras o acto de entrega do premio a Villanueva tivo lugar a lectura pública da novela Escola de menciñeiros, na que participaron veciños de todas as idades e que se converteu nun recordo do máis emblemático personaxe da cidade e que leva o nome de Mondoñedo por todo o mundo grazas ás súas verbas.

Comentarios