"O Darío era amor polas letras, pola patria, polos paxariños"

Alexandra Cabana lembra o seu pai, que tivo en Padrón a primeira homenaxe galega nun acto no que músicos e escritores declararon a súa admiración e querenza por unha figura talentosa e complexa

A familia de Darío Xohán Cabana percibía que a despedida ao autor precisaba de ser ampliada. Cabana concretara que quería marchar na casa que levantara na parroquia lucense de Romeán na compaña da súa muller, Amelia; os seus fillos, Alexandra e Martiño, e a neta, Leonor. Os seus respectaron as normas que establecera, polo que entenderon como necesaria a homenaxe que se lle rendeu este sábado no auditorio de Padrón.

Alexandra Cabana lembra con espanto a enfermidade que levou o seu pai, ao tempo que remarca "a consciencia" que mantivo durante os tres meses durante os que lles dixo adeus porque "impresionaba a tranquilidade coa que nos amosaba as forzas que nos faltaban a nós".

A familia aceptou con entusisasmo a homenaxe, Semente de Mencer, que lle propuxo a Fundación Rosalía de Castro porque atopou nela o momento de "agradecer o cariño" ao escritor que lles está chegando dende o pasamento en novembro e que o sábado lles chegou de "diferentes esferas" e diferentes sensibilidades.

A filla do poeta, novelista, escritor, crítico e tradutor manifestou o agradedemento por esta primeira homenaxe de ámbito galego que se lle dedica ao pai tras unha lectura colectiva na Feira do Libro de Lugo.

A voz de Alexandra Cabana soaba cargada de afecto e nostalxia de camiño a un acto en que o seu pai sería lembrado, exaltado, citado, recitado e cantado por ducias de amigos e admiradores nunha sala que se abría polas costuras que estaban dispoñibles.

A homenaxe foi unha catarse aos "seis meses e medio" da morte de Darío Xohán Cabana. Alexandra afirmou con rotundidade que "o Darío era todo para min". Explicou que "era amor, amor pola familia, pola patria, polas letras, polos paxariños". Ao escritor "encantábanlle os gatos; pero, se vía que cazaban un rato ou un paxaro, corría liberalos. Era un franciscano; sendo ateo practicante, tiña ese franciscanismo de amor aos animais".

Para a filla de Darío Xohán Cabana, o seu proxenitor "era amoroso e sentimental, ofrecía moito cariño". Matiza que "ás veces se enfadaba porque sentía un grande amor". Lembraba o sábado que «entrar na casa era atopar os seu sorriso. Alegrábase de verte, e tanto tiña que levase sen facelo media hora ou quince horas. Era "mioqueiro", moi de abrazar".

A maiores do aspecto emocional, Alexandra Cabana, doutora en Historia, falou do intelectual. "Para min foi unha segunda universidade e non diría que menos importante que a Universidade de Santiago".

Pai e filla colaboraron no ámbito editorial, nomeadamente a través de Edicións da Curuxa, onde publicaron A divina comedia de Dante Alighieri e Cancioneiro de Petrarca. "Ensinoume o que aprendera de Xosé María Álvarez Blázquez; ensinoume a corrixir erratas, a ler coa ollada de editor", comenta, antes de facer unha parada emocionada e sinalar: "A miña filla, de 10 anos, herdou iso. O outro día estaba lendo un libro e sinaloume unha errata. Todo se herda de alguén".

Comentarios