Daniel Salgado e María Yáñez, aspirantes na Gala do Libro Galego

Os dous xornalistas están nominados nos galardóns culturais xunto cos tamén lucenses Antía Yáñez, Olga Novo e Henrique Alvarellos
Daniel Salgado, María Yáñez, Antía Yáñez, Olga Novo e Henrique Alvarellos. EP
photo_camera Daniel Salgado, María Yáñez, Antía Yáñez, Olga Novo e Henrique Alvarellos. EP

Os escritores, os libreiros e os editores consideran que dous dos catro mellores periodistas do ano pasado foron lucenses. Daniel Salgado (Monterroso, 1981) e María Yáñez (Lugo, 1978) aspiran ao galardón na categoría de Xornalismo Cultural nos premios Gala do Libro Galego. Os galardóns son convocados pola Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia.

Olga Novo (A Pobra do Brollón, 1975) figura no trío de aspirantes en Poesía polo seu libro Feliz idade (Kalandraka Editora). Onda ela están Tamara Andrés, coa obra Irmá paxaro (Cuarto de Inverno), e Un libre favor (Galaxia) de Chus Pato.

O apartado Xuvenil conta con Antía Yáñez, nominada pola novela Be water. A autora naceu en Burela en 1991. O seu texto foi publicado por Cuarto de Invierno, ao igual que Irmá paxaro, que aparece tamén nesta categoría. Completan o grupo O asasinato da profesora de xeografía (Embora) de Pere Tobaruela e Os corpos invisibles (Xerais) de Emma Pedreira.

O editor Henrique Alvarellos (Lugo, 1968) está en Libro Mellor Editado con Fosforencias de Lupe Gómez e Anxo Pastor.

Os profesores Vicente Blanco e Salvador Cidrás, que dan clase en Lugo, son aspirantes en Ensaio

Ensaio e Investigación conta con Vicente Blanco e Salvador Cidrás. Ningún dos dous naceu en Lugo, pero viven e traballan na capital da provincia pois son profesores de Plástica dentro da Facultade de Formación do Profesorado. Blanco e Cidrás son autores de Educar a través da arte. Cara a unha escola imaxinada (Kalandraka), xunto con Rocío Modia.

Esta sección conta tamén coa primeira entrega da biografía de Castelao que está escribindo Miguel Anxo Seixas Seoane para Galaxia. Suso de Toro volveu o ano pasado ao ensaio cunha reflexión sobre a literatura que publicou Edicións Xerais.

Berta Dávila encabeza Narrativa coa novela Carrusel (Galaxia). Edicións Xerais preparou dúas novelas que figura nesta categoría como son Infamia de Ledicia Costas e Os días felicesde Benvido Seixas de Eduard del Castillo. Completa o apartado Seique de Susana Sánchez Aríns, nunha segunda edición ampliadapara Através Editora.

A obra 'Irmá paxaro' é o libro máis nominado, con aparicións en catro categorías distintas

Antonio García Teijeiro figura por partida dobre en Infantil. En primeiro lugar está nominado a este premio da Gala do Libro por Bicos e non balas, en edición de Galaxia, e en segundo lugar, por Versos e viceversos, en edición de Kalandraka. Neste libro colabora con J. C. Martín Ramos.

DIVULGACIÓN. A música predomina no apartado de Divulgación. Guadi Galego protagoniza Guadi Galego, pola beira da canción (Embora) de Pepe Cunha. Laura Redondo e Iria Pedreira asinan Ferreñas e rock and roll (Baía). Completa a categoría A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro de Juan Castro Rivadulla Fernández.

En Ilustración compiten María Monte, Xosé Cobas e Miguel Robledo. En Libro de Banda Deseñada figuran A chaira de Antonio Seijas, Aprende banda deseñada con Fiz de Kiko da Silva e O bichero IX de Luís Davila.

As obras teatrais nominadas foron escritas por Manuel Núñez Singala, Chévere e Paula Carballeira. Proxecto Literario na Rede ten a Biosbardia, Kalandraka TV e Lecturafilia. Iniciativa Bibliográfica está representada por Galaxia (Castelao), Apiario (Pan de Abella) e Faktoría K (Serie Animais extraordinarios).

Comentarios