Dani de la Torre: "Como adolescente fun un bicho raro, todos xogaban ao fútbol e eu ía cantar ao coro"

Dani de la Torre estrea 'Live is life', o seu terceiro filme e o máis persoal, que transporta o espectador aos veráns do ano 85, onde o tempo se detiña, e un Dani neno paseaba en bici por Monforte coa súa 'pandilla'
Dani de la Torre, no mirador da adega Regina Viruam (Sober). VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Dani de la Torre, no mirador da adega Regina Viruam (Sober). VICTORIA RODRÍGUEZ

Rodeado de viñedos e cunha paisaxe que "nin a máis grande alfombra vermella pode superar" presentou este xoves Dani de la Torre en Doade (Sober) a súa nova película. Tras o éxito das dúas anteriores, recoñece que neste caso non lle preocupan os galardóns, pois Live is life fixo que o cineasta volvese á súa nenez e ademais foi o último desexo feito realidade da súa nai. E iso vale moito máis que calquera premio, que de seguro tamén chegará, pois esta é unha historia auténtica, desas que xa non se fan.

Dixo que Live is life é o primeiro filme do que está realmente orgulloso. El desconocido e La sombra de la ley non o encheron tanto?
Esta é a única película que fixen por razóns emocionais, porque me apetecía contar unha historia de adolescentes e de aventuras. Quería facer un filme de valores, das que xa non hai. Unha película na que os rapaces de agora poidan ter de referente como eu tiven E.T. ou Los Goonies. Todas estas pelis que me emocionaron e fixeron que como adolescente puidese soñar esperto.

É máis especial se cabe porque foi unha petición de súa nai.
Cando me enviaron o guión miña nai caeu enferma de cancro e faleceu dous meses despois. Na súa estancia no hospital, cando falaba comigo, preguntábame polo traballo e conteille este proxecto. Ela díxome: Fillo, fai esa historia, faina porque che vai vir moi ben. E atinou de pleno. Por desgraza foi das poucas veces que lle fixen caso, e os pais sempre teñen a razón.

Foi satisfactorio ver o seu desexo feito realidade…
Moito. Cando rematei as anteriores películas tiven ese punto crítico e de presión e a necesidade de gustarlle aos espectadores, pero neste caso non. Claro que me importa que funcione, pero para min xa funcionou porque estou moi contento por contar esta historia coa que desfrutei tanto e me axudou a verme cando era un rapaz. Deume moita paz.

"Cando recibín o guión de ‘Live is life’ miña nai caeu enferma, e antes de falecer díxome: 'Fillo fai esta historia que che vai vir moi ben'. Atinou de pleno"

Canto de autobiográfico hai?
Hai cousiñas miñas, si. Mestura algo da miña infancia, de Albert Espinosa, dos meus amigos, da miña familia… É unha coctelera.

Espinosa soe contar historias da vida e autobiográficas, como en Planta cuarta. Vostede é máis de acción. Como xurdiu esta fusión?
Pois pensou el en min. Mercedes Gamero (produtora de Atresmedia Cine) barallaba varios directores e él díxolles que prefería que fose eu pola miña capacidade visual. Así xurdiu, fixemos moi boas migas, e somos bos colegas hoxe en día.

Pero séguese notando o seu toque, con persecucións incluídas...
(Risas) Claro, a cabra tira ao monte. Coido que é o filme máis parecido a min que fixen nunca.

Por que decidiu trasladalo ao entorno da Ribeira Sacra?
Porque cando dirixes algo tes que facelo teu, e eu cría que esta historia era perfecta para encaixala nas paisaxes da Ribeira Sacra e do Courel. De feito, a paisaxe é unha personaxe máis da película. Un grupo de rapaces vivindo aventuras nun verán do 1985.

Dani de la Torre. VICTORIA RODRÍGUEZ (2)

Volveu verse subido nunha bicicleta por Monforte?
Por suposto, vinme paseando en bici, facendo os magostos, divertíndome coa miña pandilla… Eu veño aquí e non son maior, sigo sendo un neno. A min a Ribeira Sacra dame moitísima paz e tranquilidade, chego á miña terra e deixo de lado os problemas.

Daquela non había redes sociais. Gozábase máis da vida?
Totalmente, agora estamos moi expostos. Non quero imaxinar que tería pasado se houbese redes sociais na miña época, se cadra tiña unha ducia de traumas (risas). Por suposto que trouxeron cousas boas, pero tamén escuras, sacando o lado malo da xente. Hoxe en día os internautas móntase personaxes para protexerse e amosar a alguén que non son. Entre iso e que hai sobreinformación a xente ten medo e os mozos non saen da casa coa mesma liberdade que o faciamos nós. Agora un pai non se atreve a perder o contacto cun fillo durante unha noite, antes ponlle un GPS. A autonomía que tiñamos nós facíanos ser adultos á forza, agora estamos máis infantilizados, pais e fillos.

A súa adolescencia como foi?
Estaba perdido. Non me ía ben no instituto e non me gustaba nada ir. Aburríame moitísimo e iso preocupáballe moito a meus pais e tiñamos moitas discusións. Lembro que non atopaba o meu camiño. Foi un amigo o que me falou dunha escola de Imaxe e Son en Ourense e a min como me encantaba a fotografía animeime.

Que lle dixeron na casa cando dixo que quería dedicarse ao cine?
Meus pais dixéronme que a cambio de rematar COU e sacar o selectivo podía estudar Imaxe e Son. E foime moi ben porque me apaixoaba, COU saqueino, pero o selectivo xa non (risas). Eles viron que tiña moi boas notas e que me gustaba, atopara o meu camiño. Un ao final ten que atopar o seu lugar e o meu estaba no cine, tampouco pensei xamais que podía ser director, víao moi lonxe e imposible e finalmente conseguino.

"A miña terra dame paz e tranquilidade. Eu veño aquí e non son maior, sigo sendo un neno"

Sempre quixo ser director?
De neno quería ser veterinario, pero había que estudar moito e pasei (risas). A música e o cine tamén me encantaban e sabía que quería dedicarme a algo ligado a isto. Así me metín en solfeo, toquei o piano e ata me puxen a cantar. Estiven na coral de Monforte e cantaba na igrexa dos Escolapios. Era un bicho raro, todos xogaban ao fútbol e eu ía cantar ao coro da igrexa. Facía cousas de frikis na adolescencia (risas) pero ter oído musical serviume para o futuro para poñerlle son ás películas.

Estivo traballando como montador na TVG. En que momento decidiu dar o salto á gran pantalla?
Pois grazas á TVG aprendín a ver con imaxes, a montar e a realizar. O salto foi natural, amaba o cine e comecei a rodar curtas estando na tele. A TVG sacou a moitos directores e actores recoñecidos e tamén Vaca Films. Con ambas fixen El desconocido, que tivo moito éxito e logo todo xa veu rodado.

Nas dúas primeiras películas tivo a Luis Tosar, outro lucense, como aliado. Botouno de menos nesta?
Moito, Luis é estupendo, un actor de primeiro nivel. O que pasa e que en Live is life, con protagonistas adolescentes, non tiña moita cabida. Pero claro que me gustaría contar con el de novo.

Leva máis de 20 anos como cineasta. Cre que se escollera outro camiño sería máis feliz?
Son tan feliz como director que non sei facer outra cousa. Gozo contando historias, teño a sorte de traballar con xente que admiro e quero e iso é algo impagable. Non teño a sensación de traballar, as horas pásanme voando.

Dani de la Torre. VICTORIA RODRÍGUEZ

De preto. "Non vendimaba na casa pola altura; meu pai dicía: Tes conto"

Cal foi a primeira película que foi ver ao cine?
E.T. Funa ver ao teatro de Monforte con miña nai e quedoume gravada para sempre. Encantoume, alucinei coa cantidade de xente que había, aquela música de John Williams tan emotiva...

Por que xa non se fan filmes de aventuras como os de antes?
Non venden, pero non só aquí, nin en Hollywood se producen. Venden máis outros xéneros onde os malos triunfan, pero creo que ten que haber cabida para todo e, sobre todo, para filmes que transmiten os valores da vida.

Como recorda o seu mellor verán?
En xeral todos foron bos, os veráns máis fermosos paseinos rodeado de xente especial.

Pasará este en Monforte?
Estarei rodando a terceira tempada de La unidad entre Madrid, Almería e Paquistán. Se podo facer unha escapada claro que virei.

"A primeira película que fun ver ao cine foi 'E.T.' en Monforte coa miña nai. Alucinei e quedoume gravada para sempre"

Na Ribeira Sacra todo o mundo ten viñedos. Vostede tamén?
Si, meu pai e meus avós tiñan e vendimaban, pero eu non. Sempre fun moi alto e dicíalle a meu pai que como ía vendimar se tiña que agacharme todo o tempo para recoller as uvas. Eu non era rendible, tiña que ser alguén máis baixiño. Meu pai dicíame: ‘Tes moito conto’. O certo é que os traballos agropecuarios nunca me gustaron demasiado, eu era máis de estar cos amigos ou ir ao cine.

Teño entendido que o viño tampouco...
Certo, son máis de cervexa, o viño non me vai moito.

Cal é o seu rincón favorito?
Teño moitos. En Sober, Doade encántame; en Monforte está o fermoso castelo de San Vicente; e en Pantón teño a miña aldea que se chama Vilamelle e veño moito ver a miña avoa Manuela, que con 95 anos está estupenda. As visitas xa non son o mesmo que hai anos porque as aldeas están cada vez máis despoboadas, cando eu ía de neno xuntabámonos moitos.

E a Manuela gustoulle Live is life?
Viu o pase de Monforte e encantoulle. Que vai dicir miña avoa! Sempre lle gusta todo o que fago.

Un soño por cumprir?
Eu son moi soñador, soñar é a miña gasolina. Teño unha espiña cravada, que é que non me seguín formando en música. Montar un grupo faríame moita ilusión.

Algún proxecto entre mans?
Vou facer unha serie para Movistar con Marini, Nacho Carretero e Lezcano, un thriller que rodaremos en Marbella. E tamén teño unha peli con Atresmedia protagonizado por unha muller moi potente, non podo avanzar máis.

Éxito. "Dirixir a gala dos Goya foi marabilloso pero non repetiría"

Dani de la Torre. VICTORIA RODRÍGUEZ

Como viviu lanzar o seu primeiro filme (El desconocido) e gañar de súpeto dous Goya?
Desbordoume, pero foi moi fermoso e colocoume nun lugar privilexiado

Despois veu La sombra de la ley. Sentiu moita presión?
Moita, despois dun éxito como o primeiro pensaba: E agora que máis fago?. Por iso me lancei á piscina cunha historia de gánsteres que gustou e me fixo gozar moitísimo.

Con esta gañou outros tres galardóns, queda demostrado que a vostede non o perseguiu a maldición dos cabezóns...
(Risas) A xente coa que traballo e boísima e cando traballas con xente que ten tanto talento é máis fácil triunfar.

En sete anos pasou de debutar nos Goya a dirixir a gala. Unha fazaña digna de Hollywood...
Foi algo casual, cando mo propuxeron pensei que era unha broma. Foi unha experiencia intensa poder ver a gala entre bastidores, traballei con xente estupenda. É un lío, dá moitísimo traballo, pero tamén foi marabilloso poder poñer en valor o cine español.

Repetiría?
Non. Penso que é unha experiencia que se vive unha vez na vida. Eu considero que é unha cerimonia que poido organizar, como se organizo un cumpreanos, pero realmente eu son director de cine.

Comentarios