sábado. 30.05.2020 |
El tiempo
sábado. 30.05.2020
El tiempo

Dani de la Torre: "A miña idea se recollera o premio Goya era dedicarllo a Monforte"

Dani de la Torre, en Lugo
Dani de la Torre, en Lugo
A fin de semana estivo na gala dos premios Goya coa súa película 'El Desconocido', pero asegura que a alfombra vermella non é un ámbito especialmente cómodo para el. O director prefire Monforte, a onde volta este venres para apadriñar o 'Estase Cocendo'

O DIRECTOR Dani de la Torre é o monfortino de moda. A súa película ‘El Desconocido’ foi un éxito na taquilla e o equipo estivo moi presente na gala dos premios Goya organizada pola Academia de Cine española. Levou o galardón á mellor montaxe, traballo de Jorge Coira, e ao mellor son, obra de David Machado, Jaime Fernández e Nacho Arenas. Pero De la Torre non esquece a súa terra e mañá regresa á cidade do Cabe para apadriñar unhas xornadas sobre o cocido organizadas pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería.

Dous premios Goya de oito nominacións para ‘El Desconocido’. Está ben. Podía ser mellor, pero tamén podía ser peor.

Como foi a experiencia de asistir á cerimonia? Moi diferente. É emocionante estar coa xente que un só ve na televisión ou no cine, pero tamén é estresante. A alfombra vermella e o ‘photocall’ para alguén coma a min, que non son moito desde tipo de cousas, son algo estresantes. Anque ao final compensa, especialmente cando ves aos teus subir ao escenario a recoller o seu premio.

Como valora a organización? Mal. Foi todo un pouco descoordinado. Este ano tomaron a decisión de separar os equipos. Eu estaba con Tosar, pero Enma Lustres, Jorge Coira e os de son estaban espallados pola sala. Era todo unha lea porque cando querías abrazar alguén tiñas que moverte 300 metros. Iso rompía a parte emotiva.

Que foi o que non lle gustou da alfombra vermella? Que non fosen á alfombra os guionistas e os técnicos. Fáiselle oco a modelos que nada teñen que ver co cine e quedan fóra os que realmente fan cine. Paréceme unha falta de respecto moi grande.

Xa na gala, foron polémicos os cortes dos discursos. Algúns quedaron algo violentos, pero está claro que aí é un pouco culpa das dúas partes. Se che marcan un minuto para falar, por respecto aos demais debes axustarte, non pode ser que deixes os teus compañeiros coa palabra na boca.

É unha falta de respecto deixar os guionistas e os técnicos fóra da alfombra vermella dos Goya

Se vostede subise a recoller un premio, para quen irían os agradecementos? Para Monforte. Estaba todo pensado. Para min é un orgullo que apareza nos titulares ‘El Desconocido. Dani de la Torre. Monfortino’. Así que se chegase a subir ao escenario, o Goya ía adicado a Monforte. Esperemos que algún día poida cumprilo.

Son tan magníficas como din as festas de despois da gala? Están bastante ben. Eu fun un anaco á da Academia e despois á da Warner, a nosa distribuidora.

En que anda agora? O luns reincorporeime ao meu traballo na TVG. A nivel cinematográfico estamos cos guións de dous thrillers. Un de época e outro sobre o mundo do narcotráfico.

Hai datas, plan de rodaxe? O de época vai máis adiantado. Igual para o ano que vén podería estar listo, pero ten unha rodaxe complicada. Queremos traballar en Galicia, pero non descartamos gravar algo noutros países.

É fácil voltar á rutina despois de tanto glamour? Para alguén coma a min é ata agradecido. Creo que voltar á rutina na casa e no traballo tamén é a maneira de ter os pés na terra, se non está un nunha nube perigosa. Todo ten a súa parte boa e mala, non podes estar de gala sempre.

É máis de festivais ou de galas? Eu son máis de festivais de ver cine. Gústame Cineuropa porque precisamente non hai alfombra vermella nin trapalladas e vese moito cine. Noutros festivais coma San Sebastián e Venecia non se ve tanto cine e hai máis alfrombra. Non é o meu ambiente, pero tamén recoñezo que son cousas que se retroalimentan. Ese glamour dalle unha visibilidade ás películas que axuda a vendelas, unha parte precisa da outra.

Regresa a Monforte para participar no 'Estase Cocendo', onde exercerá de padriño. Para calquera cousa que me chamen de Monforte, sempre que sexa legal, estarei disposto a colaborar. Na cidade do Cabe está toda a miña familia, pasei gran parte da miña vida. Fun ao colexio dos Escolapios, ao instituto Río Cabe e comecei a miña vida laboral aí, na radio e na televisión locais.

Por iso o de dedicarlle a Monforte o Goya se se dera o caso? Efectivamente. Iso levábao moi claro.

Eu son máis de festivais. Gústame Cineuropa porque non hai alfombra vermella nin trapalladas e vese moito cine

Na gala saíron moitas reivindicacións. Hai tantas dificultades para facer cine? Facer cine hoxe é máis fácil ca hai 30 anos simplemente polo avance tecnolóxico, pero sigue sendo moi complicado competir con Estados Unidos polos orzamentos que teñen alí para o cine. Aínda así, é posible facer cine aquí de calquera xénero e que guste ao espectador. O que contan son as películas, a min gústame o cine americano pero tamén o español, creo que poden convivir e que se poden ver un e outro sen entrar en conflito.

Falouse moito do Ive cultural na cerimonia. Ese é só un dos problemas, pero é o que repercute máis no espectador porque lle incrementa a entrada ás salas. O principal prexudicado polo Ive é o espectador.

Cales son os outros problemas? Hai moi poucos incentivos fiscais para facer as películas en España e para que veñan directores doutros países rodar aquí. Estase perdendo esa posibilidade. Pero para min, a carencia fundamental é introducir o mundo do cine no ámbito educativo. Hai que inculcar o respecto ao cine dende as aulas. Ensinar a sensibilidade polo cine e pola cultura é unha obriga.

Que pasa coa pirataría? Tamén hai que ser duros coa pirataría. Ata que non se puxeron duros cos condutores co carné por puntos a xente ía de calquera maneira. Na pirataría pasa igual, ata que non se poñan duros con ese tema, seguirá existindo.

Dani de la Torre: "A miña idea se recollera o premio Goya era...
Comentarios