Dani de la Torre filmará o Círculo de las Artes como un 'music hall' barcelonés

O director monfortino ambientará en Lugo unha película de gánsteres que rodará este verán, de novo con Luis Tosar como actor
Dani de la Torre
photo_camera Dani de la Torre

Dani de la Torre está traballando estes días nas localizacións para a súa nova película, un filme de gánsteres da Barcelona dos anos 20 para a que volve poñerse ás ordes da produtora coruñesa Vaca Filmes e contar co actor lucense Luis Tosar tras o éxito que o trío acadou con El desconocido.

O director de Monforte de Lemos apuntou que traballarán dúas semanas en Barcelona e seis en Galicia durante este verán. A planificación de escenarios non está pechada, pero o realizador adiantou que "o Círculo de las Artes será un music hall barcelonés", no que será "o escenario máis importante da película", para engadir que "por el pasarán todos os actores, polo que todos eles van estar en Lugo arredor dunha semana". Sen ateverse a concretar o momento, deixou caer que podería ser en agosto.

A súa intención é que a rodaxe chege tamén ao seu Monforte natal, pero non pode confirmar. Haberá tamén filmación en Santiago, A Coruña e Pontevedra.

"En Galicia rodaremos en interiores naturais, como poden ser despachos, e en exteriores naturais, como poden ser edificios situados fóra das cidades que teñan unha arquitectura art decó ou art nouveau". De la Torre explica que "hai moitas desa época que en Barcelona non se conservaron porque estaban no centro e foron compradas por cadeas de roupa". Puxo como exemplos o pontevedrés pazo de Lourizán, "que ten unha arquitectura moi francesa" ou "un bar de Santiago, que leva anos pechado e que será un colmado", un deses ultramariños nos que había cantina. "En Barcelona agora é impensable, todo está preparado para o turismo".

INDUSTRIA. A película, que terá un orzamento de 5 millóns de euros, está ambientada entre os anos 1921 e 1923. O director explica que "a industria de Barcelona crecera moito durante a Primeira Guerra Mundial, ao subministrar armas, uniformes e outras cousas aos países en conflito", pero, ao remate, chegou a crise e as protestas sindicais. A violencia máis intensa foi provocada polos anarquistas e, ante a ineficacia da Policía "porque estaba desbordada, os patróns contrataron pistoleiros".

"Barcelona era como Chicago, había trinta e pico persoas mortas ao día; usaban os mesmos coches e vestían igual, había tiros, extorsións", remarca Dani de la Torre, que conclúe que "era unha loita polos dereitos, ou pola supervivencia que é o mesmo".

Comentarios