Dakidarría únese ao cartel da Candeloria tras a cancelación de Familia Caamagno

O festival celebra o décimo aniversario os días 1 e 2 marzo no Pazo das Ferias e Congresos de Lugo 

Dakidarría. EP
photo_camera Dakidarría. EP

O festival A Candeloria vén de anunciar a actuación de Dakidarría o próximo 1 de marzo no Pazo das Ferias e Congresos de Lugo. É a última confirmación dun cartel composto por máis dunha ducia de bandas nacionais e internacionais.

Dakidarría entra na programación no lugar de Familia Caamagno, que cancelou a súa presenza no festival por "motivos estritamente persoais dos membros" da banda, segundo informan nun comunicado. 

A organización do festival lucense destaca que "con máis de 20 anos de traxectoria, Dakidarría é un dos grupos máis recoñecidos da escena do ska e punk-rock galega. Con letras de profunda crítica social e un directo potente, a banda promete chegar a A Candeloria coa mesma esencia coa que conquistaron os palcos galegos e nacionais nos últimos anos"

Un dos pratos fortes da edición e a despedida do grupo valenciano ZOO, que tocará o día 1 de marzo ás 22:55. O seu paso por A Candeloria será a única parada en Galicia "dunha banda que dende 2014 revolucionou a escena musical estatal".

E non será a única despedida, o grupo Los Chikos del Maíz, vellos coñecidos do festival, anunciou recentemente unha "tregua indefinida" dende o próximo ano. Pasarán polo palco o sábado ás 23:30. 

Completan o cartel do venres 1 de marzo Rebeliom do Inframundo, Dakidarría, Pigs Parlament, o grupo de rap Ira , Kamikazes e Jordi Pánico será o dj entre actuación e actuación.

O sábado 2 de marzo pasarán polo palco, xunto a Chikos del Maíz e Mafalda, Soziedad Alcoholika, a banda de ska punk italiana Talco, o dúo feminino Tribade e Arrhythmia. Tamén participarán na festa Me Fritos and The Gimme Cheetos e La Duendeneta animará entre actuacións. 

A Candeloria completa a súa programación cos xa tradicionais Cantos de Taberna. Ata nove agrupacións pasarán por distintas tabernas da cidade lucense para animar o mediodía do sábado. 

O festival realízase co patrocinio da Área de Cultura, Turismo e promoción da Lingua do Concello de Lugo e a Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Mahou e Contravento.

HORARIOS 
VENRES 1
Dakidarría - 18.50
Kamikazes - 20.20
Ira - 21.25
ZOO - 22.55
Pigs Parlament - 00.55
Rebeliom do Inframundo - 02.15
Dj entre actuacións: Jordi Pánico
SÁBADO 2
Tribade - 17.45
Mafalda - 19.00
S.A - 20.35
Arrhythmia - 22.15
Los Chikos del Maíz - 23.30
Talco - 01.10
Me Fritos and The Gimme Cheetos - 02.30
Dj entre actuacións: La Duendeneta

Comentarios