Manuel Curiel: "A xente estivo na casa e dedicouse a rodar en interiores"

O director da Semana de Cine de Lugo sinala que a pandemia aumentou a participación ► O certame comezou este luns e prolongarase ata o sábado coa proxección de 135 películas
undefined
photo_camera Acto inaugural do Festival de Cine de Lugo no auditorio Gustavo Freire. ADRA PALLÓN

Manuel Curiel estaba en Oleiros cando estourou a pandemia. Había un xardín que pasear e 2.250 películas para ver. "Tiña unha pantalla grande", destaca o director e responsable da selección das películas que se verán na Semana de Cine de Lugo.

Apunta que as longametraxe, as curtametraxes e os documentais recibidas este ano "son moitas máis que o ano pasado, a xente estaba na casa e fixo películas". Como curiosidade indica que 180 traballos procedían de Cuba. As producións son recentes porque as bases esixen que as obras que se envíen sexan deste ano ou do anterior.

Eses límites temporais e os propios límites de mobilidade que marcaron a pandemia determinaron que "moitas películas estaban rodadas en interiores". Manuel Curiel resaltou que a enfermidade terá a súa propia sección con sete curtametraxes sobre o tema. Proxectaranse o venres ás 20.00 horas na Deputación Provincial.

A Semana de Cine empezou este luns e acabará o sábado, cando se teñan proxectados 135 filmes de diversos formatos e variadas temáticas que se proxectarán no Gustavo Freire -con 340 prazas do total- , a Deputación Provincial, O Vello Cárcere, a Biblioteca Provincial e o Vicerreitorado da Universidade.

A edición deste ano está centrada nunha homenaxe ao director Luis García Berlanga . Este mércores poderá verse a súa película ¿Bienvenido, Mister Marshall! na Deputación Provincial ás 20.00 horas. O seu cinema será visto tamén en Aspnais e nos cárceres de Bonxe, Monterroso e Teixeiro grazas a un acordo coa Asociación Concepción Arenal. A maiores haberá unha mostra sobre o seu labor na Biblioteca Provincial.

Sección oficial. A sección oficial está integrada por seis películas. Arrancou este luns con Surcos, de Julio Mazarico; segue este martes con Almas rotas, de Juan Pablo Arroyo. Este mércores poderá verse El arte de volver, de Pedro Collantes, e despois La casa de los conejos, de Valeria Selinger (xoves); Entre nosotras, de Filippo Mebeghetti (venres), e Martin Eden, de Pietro Marcello (sábado).

Trenes que van al mar, de Hugo Obregón e Miguel Álvarez, abriu este luns o apartado Xoias do ano, na que se verá este martes El informe Auschwitz de Peter Bebjack. Este mércores será o pase de Oro blanco de Grimur Häkonarson. O xoves é a quenda de 23paseos de Paul Morrison; o venres pásase Unha veterinaria en la Borgoña, de Julie Manoukian. O derradeiro día, o sábado, verase 14 días, 12 noches de Jean Phillippe Duval.

Outros ciclos estarán dedicados ao Camiño Primitivo, Emilia Pardo Bazán, Guitiriz e a pandemia ata completar as 135 obras. Os horarios son ás 18.00, 20.00 e 22.00; coa excepción das 19.30 na Biblioteca Provincial. As entradas da sección oficial e Xoias do ano son de 3 euros e na Infantil, de 2.

Tamén haberá unha homenaxe ao fotógrafo de Vilalba Valentín Purriños, a quen se lle entregará o Trofeo Fonmiñá. Na figura deste profesional vai recoñecerse a todos os profesionais que exerceron o seu traballo ao longo do pasado século na provincia de Lugo.

Pilar Falcón pide que se filme o guión que fixo Otero Pedrayo sobre o Camiño

A periodista da Pastoriza Pilar Falcón pediu este luns que se filme Camino de Santiago, un guión que Ramón Otero Pedrayo escribiu en 1952 para a produtora Suevia Films, do vigués Cesáreo González.

Falcón presentou este luns o libro Un camino de Cine Xacobeo (Ibersaf), no que recolle 52 películas que teñen relación coa ruta de peregrinación. A autora defende a tese de que hai un "cine xacobeo", que lle serve tamén para propoñer que se filme unha cinta internacional para promocionar este itinerario relixioso.

"O cine é un imán e podería atraer xente de todo o mundo", como fixo Paulo Coelho co documental El Camino de Santiago ou co libro El peregrino. Como exemplo cita tamén a serie Tres caminos, de Norberto López Amado, Franziska Meletzky e Iñaki Mercero.

Cinco amigos de diferentes nacionalidades establecen unha relación que se mantén grazas ao Camiño en tres anos distintos:2000, 2006 e 2021. "As nacionalidades e a espiritualidade son o importante agora" na ruta xacobea, "aínda que a espiritualidade ten moito que ver co relixioso", indica.

A xornalista explicou que as primeiras gravacións de peregrinos datan de 1915. Manuel Cardoso rodou O Ano Santo e Compostela, unha cita portuguesa.

Comentarios