O Culturgal xa ten data: do 30 de novembro ao 2 de decembro

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle de novo a feira das industrias culturais de Galicia, que chega este ano á súa undécima edición
 

Cartel do XI Culturgal
photo_camera Cartel do XI Culturgal

A undécima edición de Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia, celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra entre os días 30 de novembro e 2 de decembro, segundo confirmaron hoxe os seus organizadores.

Xulio Amigo: "Converteuse, edición tras edición, no buque insignia que representa a toda a cultura galega"

Na presentación da feira, o presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, destacou que Culturgal converteuse, edición tras edición, no "buque insignia" que representa a toda a cultura galega.

Esta "travesía" de Culturgal "non sería posible", engadiu Amigo, sen o público que acode a Pontevedra a coñecer as novidades culturais en libros, artes escénicas ou música, a participar do encontro profesional, a contactar con artistas e creadores ou, simplemente, a "empaparse" da "intensa" actividade cultural que se ofrecerá ao longo de tres días.

Xa está aberto o prazo para a reserva de casetas e para as propostas que integrarán a programación cultural que estará formada por uns 110 expositores e un máximo de 140 actividades

Por iso, a lema escollido para este ano é Ti levas ou compás, para visibilizar que é o público o que "guía e deseña" este proxecto feiral.

O director da feira, Xosé Aldea, anunciou que xa está aberto o prazo para a reserva de casetas e para as propostas que integrarán a programación cultural que, de novo, estará formada por uns 110 expositores e un máximo de 140 actividades.

Culturgal, que ocupará os 6.000 metros cadrados do Pazo da Cultura de Pontevedra, contará con cinco espazos diferenciados, dedicados á arte contemporánea, ao sector editorial e literario, á música e ás actividades infantís, xunto un "foro" no que se celebrarán conferencias, mesas redondas e presentacións de produtos culturais.

Tras convidar a Portugal na pasada edición, Aldea destacou que Culturgal aspira a manter unha "relación de normalidade" co sector cultural luso, polo que se reforzará a presenza do país luso na programación da feira galega.

Na presentación de Culturgal participaron, entre outros, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, que reafirmou que a Xunta ofrecerá unha "gran programación" nesta feira; ou o deputado de Cultura, Xosé Leal, que anunciou que a Deputación involucrará os concellos como axentes culturais.

A concelleira de Cultura en Pontevedra, Carmen Fouces, destacou o compromiso "indiscutible" do Concello con este evento, que "reforza" a posición da cidade como "referencia" para a cultura galega.

Comentarios