Galicia despide en shock a El Hematocrítico, unha persoa "inmensa"

A súa parella, a escritora Ledicia Costas, dixo que agora "o mundo é un lugar tristísimo". O mestre e creador de contidos en internet faleceu dun infarto fulminante aos 47 anos
Ledicia Costas y Miguel Lop.jpg
photo_camera Ledicia Costas y Miguel Lopez, El Hematocrítico. INSTAGRAM

O inesperado da morte de El Hematocrítico, un nome cibernético baixo o que estaba o mestre Miguel López, sumiu nun estado de shock á cultura galega que lle rendeu unha sentida homenaxe a través de centos de mensaxes.

Pero ningunha como a que lle dedicou desconsolada a súa dona, a escritora Ledicia Costas. "Hoxe o mundo é un lugar tristísimo", arrancou a dicir nun post no seu Instagram a premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

A creadora de Escarlatina, a cociñeira defunta foi ademais a encargada de anunciar á noitiña do luns a prematura morte do respectado creador de contidos aos 47 anos a causa dun infarto fulminante.

"Non hai consolo para a dor da perda dunha persoa tan inmensa", continúa no seu post a escritora, que acompañou as súas verbas dunha imaxe de ambos os dous nun día feliz e na que destaca a mirada amorosa que lle dedica El Hematocrítico.

"Hoxe o mundo é un lugar tristísimo. Non hai consolo para a dor da perda dunha persoa tan inmensa"

"Aquí deixo a súa mirada, a máis honesta e chea de amor", como ben cualificou ela mesma na súa sentida homenaxe ao home que a acompañou nestes últimos anos.

"Desde unha dor inmensa teño que contarvos que esta tarde [polo luns] foise o meu compañeiro de vida e a persona máis marabillosa que se cruzou no meu camiño. Esteas onde esteas agora mesmo, grazas", sinalara horas antes nas redes sociais Ledicia Costas para anunciar o seu falecemento.

Miguel López, máis coñecido polo seu alcume artístico El Hematocrítico, era un profesor de educación infantil e primaria que saltou á fama pola súa proxección en redes sociais e o seu estilo desenfadado.

"Foise o meu compañeiro de vida e a persoa máis marabillosa que se cruzou no meu camiño"

Una tónica que mantivo no seu último libro, Escúchalos! Por una crianza con empatía, unha obra dirixida ao público adulto para compartir como pai e educador a súa propia visión sobre a educación. "A xente non quere escoitar como debe criar os seus fillos", pero necesita "que lle digan a verdade", sinalou nunha entrevista a Efe hai uns meses.

A súa desaparición non deixou a ninguén indeferente, por repentina e polo respecto do que gozaba o autor e tuiteiro. Así o manifestou sin ir máis lonxe a editorial Xerais nun comunicado, no que transmitiu todo o seu "agarimo á familia e amizades do escritor, mestre e divulgador". 

A editorial destacou o humor como "elemento común" da súa obra, que "achegou a lectura a toda unha xeración". O seu estilo "desenfadado" e o modo en que "conectaba cos intereses e códigos dos nenos e nenas deixa un recordo inesquecible en todas as persoas que o coñeceron".

Unha dor que se estendeu como unha xigantesca onda no mundo da cultura, e que a súa compañeira de vida recibiu a tenor da súas palabras: "Grazas a todo o mundo polas palabras de cariño".

El Hematocrítico será despedido este mércores ás 19.30 horas nun acto civil no tanatorio Albia da Coruña e estará aberto a quen desexe achegarse.

Comentarios