sábado. 16.01.2021 |
El tiempo
sábado. 16.01.2021
El tiempo

Cristina Pato recibe o premio Fernández del Riego

Cristina Pato, agradecendo o galardón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Cristina Pato, agradecendo o galardón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Afundación celebrou a gala en Pontevedra cos tres finalistas: Míriam Ferradáns, Diego Giráldez e Pato

Afundación, a Obra Social de Abanca, celebrou o xoves 17 de decembro no Café Moderno de Pontevedra o acto de entrega do XVII Premio de Xornalismo Fernández del Riego, outorgado a Cristina Pato polo seu artigo Realidades paralelas, publicado no diario La Voz de Galicia.

Acompañaron a premiada, ademais das outras dúas persoas finalistas —Míriam Ferradáns e Diego Giráldez—, o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, quen abriu o acto recordando que este ano "tan extraordinario en tantísimos ámbitos é tamén o décimo aniversario do pasamento de Francisco Fernández del Riego". "E a el rendemos unha merecida homenaxe neste encontro", dixo. Quixo tamén trasladar aos finalistas os "parabéns por esta distinción e agradecer as historias e as palabras. Coma vós, en Afundación queremos que a cultura e o coñecemento sexan patrimonio social". 

Xunto a el estiveron presentes Francisco Domínguez, presidente da Fundación Penzol, quen ofreceu unha conferencia en homenaxe a Fernández del Riego; Víctor Freixanes, presidente do xurado; Carlos Valle, secretario; Fina Casalderrey, vocal; Inma López Silva, vocal, e Gloria Rodríguez López, vocal.

Tras a conferencia de Francisco Domínguez, na que se detallou a traxectoria de Fernández del Riego como un dos intelectuais imprescindibles para comprender a evolución da cultura galega ao longo do século XX, Carlos Valle, secretario do xurado, procedeu a ler a acta. Nela o xurado constataba a dificultade na elección debido á elevada calidade dos tres textos, e como tras intensas reflexións Realidades paralelas resultara seleccionado.

Cristina Pato quixo agradecer aos seus compañeiros finalistas, Míriam Ferradáns e Diego Giráldez, poñeren en valor nos seus artigos a necesaria atención ás emocións, especialmente nun ano tan complexo. Así, destacou "o amor á familia, aos amigos. E o amor pola literatura, que durante os meses de confinamento foi o meu apoio, especialmente a literatura galega, xa que era a que me quedaba máis a man, ao ter que me confinar en Galicia". Javi 12.00 2.00 h, no Café Moderno Afundación de Pontevedra, o acto de resolución do XVII Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego

Finalmente, o presidente do xurado, Víctor Freixanes, destacou o compromiso de Afundación coa cultura e quixo acentuar o valor do "xornalismo literario, que é o tipo de xornalismo que recoñecen estes premios, xa que nel se integran textos destinados a perdurar e a ofrecer literatura nos xornais. Cristina Pato relatou no seu artigo unha metáfora do amor interxeracional á que podemos regresar, co mesmo interese de hoxe, dentro de moitos anos". 

Cristina Pato é unha gaiteira galega, pianista clásica, escritora e educadora apaixonada. A súa vida profesional está dedicada á interpretación e á docencia que explora o rol das artes e das ciencias na sociedade. Traballou como artista residente na Universidade de Harvard e na Universidade de California Santa Barbara, onde creou un curso interdisciplinario sobre memoria xunto co neurocientífico Kenneth S. Kosik e a artista Kim Yasuda.

Cristina Pato recibe o premio Fernández del Riego
Comentarios