'O corno' triunfa nos Mestre Mateo nunha gala con catro galardóns con selo lucense

A película de Jaione Camborda, con sete premios, foi a produción máis distinguida, seguida de 'Matria' con cinco e 'Rapa' con tres ▶ A Academia Galega do Audiovisual recoñeceu o traballo de Melania Freire, María Vázquez, Filmax e os irmáns Jorge e Pepe Coira
Equipo da película 'O corno', no que se inclúe a lucense premiada Melania Freire como mellor dirección de arte, antes da gala. MONCHO FUENTES (EFE)
photo_camera Equipo da película 'O corno', no que se inclúe a lucense premiada Melania Freire como mellor dirección de arte, antes da gala. MONCHO FUENTES (EFE)

A película O corno, de Jaione Camborda (distinguida polo mellor guión e dirección), foi este sábado a gran triunfadora –con sete galardóns– da vixésimo segunda edición dos premios Mestre Mateo, organizados pola Academia Galega do Audiovisual e que foron entregados no transcurso dunha gala celebrada no Coliseum da Coruña e emitida en directo pola Televisión de Galicia.

En segundo lugar, quedou Matria, de Álvaro Gago Díaz, que se levou cinco condecoracións nesta edición, entre eles a de mellor actriz protagonista, que recaeu na chantadina María Vázquez.

A serie Rapa, dos irmáns Jorge e Pepe Coira, acadou tres galardóns. E a película ¡Salta!, da tamén lucense Olga Osorio, levou un único galardón, ao mellor actor principal, Tamar Novás.

Catro dos premios desta última edición levan selo lucense. Trátase de Melania Freire, que foi distinguida na categoría de mellor dirección de arte en O corno; María Vázquez, mellor actriz en Matria; o programa Cos pés na terra, da produtora fonsagradina Filmax e que se emite na Televisión de Galicia e a serie Rapa, dirixida por Jorge Coira con guión do seu irmán Pepe.

Premios Mestre Mateo 2024

Ademais, un quinto galardón, o da mellor curtametraxe de animación, foi para To Bird or not to Bird, de Abano Producións e Uniko Estudio Creativo e dirixida por Martín Romero, que, aínda que coruñés, ten vencellos familiares con Lugo, onde tamén estudou na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón.

O corno foi a absoluta triunfadora da noite con sete galardóns: mellor dirección de arte (Melania Freire), mellor maquillaxe e perruquería (Bárbara Brouke, Lorena Clavo e Silvia Neira), mellor son (Sergio Silva e David Machado); mellor vestiario (Uxía Vaello) e mellor longametraxe. Ademais, a directora, Jaione Cambora, alzouse cos premios á mellor dirección e ao mellor guión.

Pola súa banda, o equipo de Matria recolleu os trofeos á mellor dirección de fotografía (Lucía C. Pan) e á mellor dirección de producción (Nati Juncal) e fixo pleno nas categorías de interpretación nas que era finalista, con recoñecementos para María Vázquez como mellor interpretación feminina protagonista; Susana Sampedro, como mellor actriz de reparto, e Santi Prego como mellor actor secundario.

Rapa, votada polos académicos como mellor serie de televisión, tamén gañou os premios á mellor montaxe (Gaspar Broullón, Julia Juanatey, Lucía Iglesias) e mellor música orixinal (Xavi Font).

Dentro da ficción seriada, A arte de ser (mal) pai da produtora Miraveo, obtivo o Mestre Mateo á mellor serie web.

Tamar Novas e Lucía Veiga subiron ao escenario da gala, por segundo ano consecutivo: o actor compostelán volveu recoller o premio á mellor interpretación masculina protagonista, polo seu papel en ¡Salta! e a intérprete e humorista coruñesa foi recoñecida, nesta ocasión, como mellor comunicadora, polo seu traballo en Malicia noticias.

Cómpre salientar a gran presenza de profesionais femininas no palmarés, con gañadoras en todas as categorías exceptuando a de mellor son, mellor serie e mellor música orixinal.

O presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso protagonizou un dos momentos máis emotivos da noite, ao entregarlle o Premio de Honra Fernando Rey a Eva Veiga.

Comentarios