Martes. 18.06.2019 |
El tiempo
Martes. 18.06.2019
El tiempo

De Cora: "A letra na que Vaamonde insultou a España foi unha arroutada"

De esquerda a dereita, José de Cota, Miguel Boo e Darío Xohán Cabana. SEBAS SENANDE
De esquerda a dereita, José de Cota, Miguel Boo e Darío Xohán Cabana. SEBAS SENANDE

O periodista cre un exabrupto o insulto  a España que fixo o cantante, que glosa Miguel Boo nunha biografía
 

O xornalista e escritor José de Cora viaxou a Caracas a principios dos anos 80. "O primeiro acto que tivemos foi na Irmandade Galega. Ao chegar, atopei detrás dunhas casetes e uns libros a Suso Vaamonde. Conseguira un posto como asesor cultural e debía gañar algúns cartos así. Pediume que non dixera nada porque eu creo que non se sabía que estaba alí".

A vida do cantautor Suso Vaamonde queda enmarcada polo nacemento en 1950 (Pontecaldelas) e morte no 2000 (Vigo). De Cora fai ver que "percorrer a súa vida é percorrer a segunda metade do século XX", polo que este xoves invitou a ler a biografía Suso Vaamonde. Voz de trebón, escrita por Miguel Boo. De Cora e Boo presentárono en Lugo en compañía de Darío Xohán Cabana.

A presenza de Vaamonde na capital venezolana veu motivada porque en xuño de 1979, cantando nunha protesta antinuclear en Pontevedra, introduciu nunha canción unha famosa estrofa na que chamaba ‘puta’ a España. Escapou de 6 anos e 1 día de condena a través de Inglaterra e Alemaña. José de Cora apela a que "non deixaba indiferente a ninguén, era moi tirado para adiante e iso provoca amizades e enemizades". "Esa letra foi unha arroutada, unha gamberrada", subliña o xornalista lucense.

"Moitos restan importancia ao papel de Suso Vaamonde en Voces Ceibes", apunta, para argumentar que ser un verso solto que expresaba a cada momento as súas ideas non favoreceu que lograse apoios cando se exiliou. "En Voces Ceibes había nacionalistas e comunistas", ideoloxías que compartía o artista de Pontecaldelas, "pero o resto militaba en partidos e el non". A maiores sinala que "as súas letras eran demasiado populares en relación ao que se aspiraba" no movemento.

Sobre o libro, destaca que Miguel Boo "fixo un gran traballo de documentación, falando con familiares e amigos" e está "contado dun xeito moi ameno".

O autor da obra tamén coñeceu ao cantante nunha viaxe. "Eu ía de Vigo a Pamplona, onde estudaba Xornalismo. Estaba facendo dedo, paroume e fixemos unha boa amizade". Tanta que a mediados dos anos 90 "pasoume vinte arquivadores para que lle escribise as memorias". Daquela nin imaxinou que finaría "aos 5 anos" nin era "consciente da súa trascendencia, que era maior do que lle supuña". Como exemplo cita que "a maioría dos 76 poetas aos que musicou recoñeceron a súa importancia para popularizalos, como Darío Xohán Cabana".

O último encontro de José de Cora con Suso Vaamonde aconteceu durante o enterro de Uxío Novoneyra, en outubro de 1999. O xornalista lembra que Suso Vaamonde lle dixo: "Teño dentro o becho". Engade o escritor que "non tiña mal aspecto", pero en febreiro morreu.

De Cora: "A letra na que Vaamonde insultou a España foi unha...
Comentarios