O contrabaixista Martínez Antelo afirma que Sumrrá é "unha bestia indefinible"

O músico fixo o debut absoluto do seu novo quinteto, formado por instrumentistas que son da súa xeración, no Festival de Jazz de Lugo
Xacobe Martínez Antelo, durante o concerto no Círculo. SEBAS SENANDE
photo_camera Xacobe Martínez Antelo, durante o concerto no Círculo. SEBAS SENANDE

Xacobe Martínez Antelo traía este xoves unha chapa prendida no abrigo. Leva o logotipo de Martelo, un dos seus grupos. "Levo chapas duns ou doutros proxectos segundo a roupa que me poña", comenta o contrabaixista, que toca en media ducia de bandas. Martelo fai power rock e Sumrrá "é unha bestia indefinible", pero o xoves o músico actuaba coa súa cara "máis jazzística" no Festival de Jazz de Lugo.

"Non estou en tantas bandas", defendía, pero este xoves renaceu o Xacobe Martínez Antelo Quintet. O líder convocara a Javier Pereiro (trompeta), Xosé Miguélez (saxo tenor), Manuel Cebrián (guitarra) e Miguel Rodrigues (batería) para xantar todos xuntos cerca do Círculo de las Artes, onde actuaron polo serán. "Normalmente quedamos para a proba de son, pero é un día especial porque presentamos o quinteto".

Gústalle ese formato de cinco instrumentistas pola versatilidade que lle ofrece, aínda que tamén toca con tres baixo o seu nome ou baixo o de Sumrrá, e con 16 baixo o de Orquestra Galega de Liberación. "Para o quinteto chamei a músicos da miña xeración, persoas coas que me entendo tocando", sinala. Explicou que Miguel Rodrigues substitúe a Max Gómez nos tres primeiros concertos.

Non cambia o instrumento, o contrabaixo. Elexiu o máis aparatoso do jazz despois do piano "porque son grande e me manexaba ben co baixo eléctrico".

"Dise que temos idealizado o jazz dos anos 50 e 60. Claro que o temos idealizado! Todo era coherente"

"Deume a loucura musical con 13 anos", lembra Xacobe (Santiago, 1976). "Son o cuarto de cinco irmáns. O maior, Luis, tiña unha colección de vinilos espectacular, uns 1.000 discos dos Doors, Hendrix, Clunia Jazz, Max Suñé,... Regalouma coa condición de conservalos todos". Fai unha pausa valorativa e asevera: "Merecía herdalos. Son músico!".

Educado nesa colección tiña claro que "quería tocar jazz, non rock". Apuntouse á escola de música Estudio, onde non tardou en formar o combo infantil xunto ao futuro pianista Abe Rábade.

Escollido o instrumento, escolleu referentes. "O jazz que me marcou como contrabaixista é o dos anos 50 e 60: Charles Mingus, Thelonius Monk e o cuarteto de John Coltrane,... polo seu vínculo cultural, social e político". Parece lamentar que "se di que temos idealizada esa época", pero logo matiza: "Claro que a temos idealizada! Todo era coherente".

A segunda epifanía foi asistir a unha lección maxistral de Dennis Irwin na Coruña en 2003. "Descubrín que o contrabaixo soaba dun xeito especial, igual que nos discos. Mirei se estaban reproducindo un disco, pero non. Ese son existía na vida real! Era porque Irwin tocaba con cordas de tripa.Eu toco con cordas de nailon, que chaman "as cordas de tripa dos pobres", porque as de verdade rompen moito".

Con 22 anos comprou o contrabaixo a un profesor do conservatorio. Dous anos despois, no 2000, formará Sumrrá, que se mantén e deu sete discos. O oitavo sairá en abril. Culpa indirectamente a esa banda para que formara outras. "Sumrrá absorbe toda a música que escribo e hai composicións que non son axeitadas para ese proxecto". Interrompe o seu discurso porque o chama o seu fillo. Como sintonía do móbil soa "A guerra das galaxias".

Comentarios