domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Contos de Verán premia o primeiro relato da gañadora, Pilar Dopico

Blanca García Montenegro, Valentín García, Euloxio Fernández (na pantalla), Pilar Dopico e Cris Bamio. XESÚS PONTE
Blanca García Montenegro, Valentín García, Euloxio Fernández (na pantalla), Pilar Dopico e Cris Bamio. XESÚS PONTE
El Progreso entregou os galardóns do certame que mereceu 'Vidente sen querer' e no que foi segundo 'A casa dos ardentes', de Euloxio Fernández

Pilar Dopico gañou o certame Contos de Verán por "tomar café". Gústalle acompañalo coa lectura de El Progreso. Grazas a iso descubriu o certame literario Contos de Verán, que convocan conxuntamente El Progreso e a Secretaría de Política Lingüística e que acadou a octava edición. 

Pilar, empregada en Tojeiro Alimentación de Viveiro, incentiva aos seus fillos a facer actividades. Lucía, de 14 anos, e Marcos, de 9, acabaran o curso. Pilar propúxolles escribir un relato para presentarse. "Eu nunca escribira un conto, pero fixen un porque debo darlles exemplo", indica a gañadora, que non agardaba un recoñecemento. O máis afeccionado dos tres é o cativo, que xa foi premiado nalgún certame. 

A historia que desenvolveu está inspirada nunha anécdota que lle escoitou á nai, Josefa Seco, sobre un suceso que aconteceu nos anos sesenta en As Carballeiras (Xermade) a unha tía materna. Pilar explica que a historia vai dunha "nena que recibe os pós equivocados no bautismo e chégalle unha imaxe do futuro en relación cos mortos". 

Pilar Dopico continúa animada a escribir. Agora empezou coa poesía

Blanca García Montenegro: "Os dous relatos galardoados trasladáronme á infancia, ás historias que me contaba unha costureira"

Euloxio Fernández non puido asistir ao acto por atoparse en Madrid, pero interveu por videoconferencia. Delegou na artista Cris Bamio para que recollese o trofeo que o acredita como finalista polo seu conto A casa dos ardentes. O escritor agradeceu a existencia do certame "porque permite escribir e facer cousas distintas. É interesante". 

A presidenta del Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, recoñeceu que ambos os relatos premiados a trasladaran "á infancia", cando escoitaba "as historias dunha costureira". A sensación era dobre: "Por un lado fascinábanme e por outro inquietábanme". 

Blanca García Montenegro agradeceu a Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, o apoio que leva ofrecendo o departamento que dirixe en todas as edicións dende que se iniciou o certame. 

O secretario xeral subliñou que para este organismo, pertencente á Consellería de Cultura da Xunta, o certame Contos de Verán é "entrañable porque está relacionado cunha cabeceira tan representativa como El Progreso". 

Valentín García: "Este certame estimula a creación pola familiaridade que ten o xornal El Progreso cos lectores"

Esta colaboración "estimula a creación en galego con eficacia". Valentín García recoñece que "sería distinto" se o concurso o convocase a Secretaría Xeral de Política Lingüística "porque non contamos coa familiaridade que os lectores teñen con El Progreso e non se animarían a concursar". 

Non faltou a referencia á dificultade para a organización desta iniciativa que supón a pandemia, pero destacou que "se entregou" como un logro. 

O subdirector de El Progreso Tito Diéguez chamou a atención sobre "o parón do sector cultural" que causou o coronavirus. Tito Diéguez formou parte dun xurado presidido polo presidente do Pen Club, Luís González Tosar, e no que participaba o redactor do xornal Santiago Jaureguizar.

Vidente sen querer
por Pilar Dopico

Son a mediana de tres irmás dunha familia humilde, dun pobo do norte de Lugo, criada na crenza cristiá. 

Tan só tiña 10 anos cando comencei a ter sensacións extrañas polo meu corpo. Por vergoña estiven calada, ata aquel día que me cambiou a vida. 

Coma calquera outro domingo, fomos á misa das doce, alí sentada, a vista desapareceume, e nese intre comecei a ter unhas visións moi estrañas, víase moita xente chorando e toda ela vestida de loito. Así como me veu a imaxe tamén se me foi, non entendía nada do que me estaba acontecendo. 

Xa pola noite, cando estaba no cuarto, o corpo deume un xiro, outra vez esas imaxes estaban na miña testa, pero nesta ocasión eran xa moi claras, alí estaban Elías e Ana, unha multitude de xente e un cadaleito co corpo de Inés, a filla deles. 

Fun correndo ao cuarto dos meus pais, expliqueilles o que me acontecía, eles intentaron tranquilizarme, pero non me deron ninguna explicación ao que lles contara. 

Non din pegado sono en toda a noite, e cavilando decidin ir ao mencer a casa da avoa, ela era unha persoa que vivira moitas cousas e daríame esa explicación que eu necesitaba. 

Así fixen, cando cheguei só estaba o avó, pero díxome que a podía atopar no lavadoiro. Alí estaba, sorprendeuse moito ao verme alí tan cedo e cos ollos cheos de bágoas. Despois dun anaco collín aire e expliqueille todo. Ela quedou calada, pero non sorprendida, miroume, sacudiu a cabeza e baixou a mirada. Nese intre asusteime moito. 

Agarroume da man e botamos a andar, non nos falamos nada durante todo o camiño, pero cando estábamos diante da casa da nena, apertoume moi forte e díxome que tiña que sacar forzas e contarlle aos pais o que eu vira. 

Co apoio da avoa así fixen, saquei forzas e acerqueime a Elías, cando acabei de contarllo el botou unha gargallada e díxome que tiña que usar a imaxinación para outras cousas, xa que a súa filla Inés gozaba dunha gran saúde. Acabando de dicir iso invitounos a marchar da súa propiedade. 

Camiño da casa a avoa pediume que estivera calada, que o que tiña que suceder pasaría, e que eu xa fixera todo o que podía facer. 

Eu tiña sentimentos contraditorios, atopábame preocupada pero ao mesmo tempo sentíame aliviada.

Chegou o día da matanza, este ano viña axudarnos a tía Lola e o tío Magín. Era un día de traballo , pero ao mesmo tempo pasábamolo moi ben, xa que sempre facíamos unha gran comida e acabábamos contando moitos contos. 

A mamá díxome que este ano xa podía axudar a lavar as tripas no río, xa me estaba convertendo nunha rapaciña e tiña que ir aprendendo cousas novas. 

Estando alí coa tía e coa mamá escoitei como falaban que a nena de Aurelia se puxera maliña e estaban esperando a que chegara o médico. 

Non daba crédito ao que estaba escoitando, o meu pesadelao estábase facendo real, pero acordeime do que me dixera a avoa, e non dixen nada. Durante todo o día non daba quitado da testa o que lle escoitara á tía. 

A mañá seguinte non foron os cantos dos galos os que nos espertaron, senón o son das campás da igrexa. Puxémonos a contar, e só repenicaron dúas veces, xa sabíamos que era unha muller a que morrera. Pero non tardaron nada en traernos as malas noticias, era Inés, tivera un derrame e o médico non lle puidera valer. 

As miñas aparicións acababan de cumprirse. Fun correndo á casa da avoa, ela xa me estaba esperando. 

Explicoume o segredo que ela só sabía, o día do meu bautizo o párroco tivera unha confusión cos óleos, e fixérame a cruz co óleo da unción de enfermos. Ela decatárase cando xa mo tiña botado e como xa non había remedio decidiu calalo para ela. Pensou que non tería importancia, pero non foi así, agora eu tería visións que tiñan que ver coa morte. 

O peor xa non foi iso, a xente do pobo púxome unha etiqueta, e a miña familia tomou unha decisión que nunca pola miña cabeza me pasaría. Sería unha serva do Señor, buscáronme un convento de clausura e alí entre bágoas me deixaron quedar. 

A ignorancia da xente do momento no que un vive inflúe en ocasións nas vidas dos demais.

Contos de Verán premia o primeiro relato da gañadora, Pilar Dopico
Comentarios