O Consello da Cultura impulsa unha edición de 'Non te amola!', a única obra narrativa de Xela Arias

A autora retrata a súa infancia a través de 16 contos de ficción nos que reflicte aos seus seres queridos 
Xela Arias.XULIO GIL (Efe)
photo_camera Xela Arias.XULIO GIL (RAG)

A obra inédita de Xela Arias, Non te amola!, foi editada nunha publicación conmemorativa por parte do Consello da Cultura Galega en homenaxe á autora, editora e docente con motivo do Día das Letras Galegas.

Esta peza representa a única obra narrativa de Arias, máis coñecida pola súa faceta poética e o seu traballo no mundo da tradución, e foi publicada por primeira vez este ano, da man da Editorial Galaxia e agora con esta edición especial a cargo da institución presidida por Rosario Álvarez.

O texto componse dun total de 16 contos escritos a principios dos 90, cando a autora contaba con preto de 30 anos de idade. Neles, Xela Arias ofrece un retrato á súa infancia e se retrotrae ata os nove anos, para relatar as vivencias do día a día e da súa propia familia.

A obra estaba finalizada e revisada pola propia escritora, que mesmo contaba cunha subvención concedida pola entón Consellería de Cultura e Xuventude para a súa edición. A pesar diso, optou por deixar o libro no ámbito familiar, renunciou á axuda e conservouno á espera do momento oportuno.

A decisión da Real Academia Galega de recoñecer a figura de Arias nas conmemoracións do 17 de maio, levou á súa familia a propor a difusión e publicación desta proposta narrativa inédita, que o Consello da Cultura asumiu como parte da súa liña de edicións conmemorativas daqueles autores aos que se dedican as Letras Galegas.

A publicación, que conta cunha tirada limitada de 500 exemplares, conta cun estudo introductorio a cargo de Ana Iglesias, profesora e amiga persoal de Xela Arias, ademais de sete ilustracións realizadas por Bea Gregores. Ambas participaron este martes en Santiago de Compostela na presentación desta edición, xunto co fillo de Arias, Darío Gil, e a presidenta do CCG, Rosario Álvarez.

LEGADO PARA O FUTURO

Precisamente, Álvarez destacou que o libro mostra a unha Xela Arias "empapada do galego tradicional", servíndose dun rexistro máis espontáneo e próximo á oralidade e tentando introducirse como unha nena de nove anos que fala do mundo que lle rodea: da aldea, da educación, a familia ou o cambio a de unha contorna rural a outra urbana. 
Ana Iglesias incidiu neste punto para sinalar que presentaba unha "intención moi clara de deixar ese legado ás futuras xeracións", aos seus fillos e á súa familia, que queda reflectida ao longo das diferentes historias a través dos diferentes personaxes que protagonizan os contos.

"É un agasallo para a súa familia e aí quedou como un tesouro. E grazas á súa xenerosidade converteuse nun agasallo para todos nós", sinalou, para despois sinalar que o libro plasma diferentes cuestións "tan importantes" para Arias como o paso do coñecemento de xeración en xeración ou a transmisión do idioma aos mozos.

O MUNDO DE XELA

A edición conta, ademais, coa participación da ilustradora Bea Gregores, que quixo salientar "esa relación no rural" e a importancia do mundo de Xela reflectido nas historias, unha visión dunha nena que soñaba con cambiar o mundo para as novas xeracións.

Finalmente, Darío Gil agradeceu o traballo de todos os implicados nesta publicación conmemorativa, unha peza "moi fermosa" e que permite dar a coñecer "unha faceta máis" da traxectoria creadora da súa nai.

Comentarios