'Comadre' é a Palabra do Ano 2022

A palabra vinculada á irmandade, a amizade e o feminismo logrou o dobre de votos que candorca, segunda con máis apoios ► Rubén Arroxo, tenente alcalde da capital lucense, afirmou que "Lugo é a única cidade que conta cunha rúa adicada á palabra do ano e instalaremos comadre na rúa Menorca"
'Sol negro e campesiñas', de Luis Seoane (1973) coa Palabra do Ano 2022: 'comadre'. RAG / EUROPA PRESS
photo_camera 'Sol negro e campesiñas', de Luis Seoane (1973) coa Palabra do Ano 2022: 'comadre'. RAG / EUROPA PRESS

Comadre foi elixida como a palabra do ano 2022 nas votacións organizadas pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, onde esta voz que evoca á irmandade, a amizade e o feminismo impúxose ás outras seis finalistas

Promovida polo grupo Comadres das Letras, comadre logrou o dobre de votos que a segunda con máis apoios, candorca, segundo informou este martes a Academia nun comunicado. 

Así, releva a tanxugueiras, palabra do ano en 2021, e súmase a lista de palabras do ano na que figuran nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014). 

O Dicionario da RAG define comadre como a relación que existe entre unha muller que exerce de madriña e os pais do seu afillado ou afillada, aínda que esta voz está na fala popular para referirse ás veciñas ou amigas coas que se ten unha especial confianza. 

Así, comadre emprégase para expresar o apoio que se prestan as mulleres "fronte a contextos adversos" ou nos "bos momentos da vida", un uso tradicional que, como resalta a RAG, trasládase á actualidade como unha forma de referirse a conceptos asociados ao feminismo como a sororidade, é dicir, a solidariedade entre mulleres. 

A Academia destaca que comadre é o primeiro vocábulo vinculado ao feminismo que se converte en palabra do ano, un recoñecemento ao que xa optaran como finalistas feminicidio en 2015, violencia de xénero en 2017 e feminismo, sororidade e apoderamento no ano 2018.

Traslado ás rúas lucenses

O tenente alcalde do concello de Lugo, Rubén Arroxo, tras anunciar que a palabra do ano 2022 será comadre, quixo destacar que "Lugo é a única cidade que conta cunha rúa adicada á palabra do ano –concretamente, a tanxugueiras (2021)– e instalaremos comadre na rúa Menorca". Ademais, a concelleira Maite Ferreiro afirmou que "continuamos esta intervención artística que puxo en valor un símbolo tan importante como a lingua galega". 

"Seguiremos colocando, cada ano, a palabra que a Real Academia designe como palabra galega máis utilizada" dixo Arroxo, quen engadiu que "o futuro da nosa lingua está vivo e as palabras de cada ano pasan a formar parte do idioma xa que sintetizan parte da realidade de cada época".

Para a colocación das palabras, o Concello utiliza un material duradeiro e que permitirá unha boa e sinxela visibilidade do texto. Vai acompañando a cada verba o ano no que foi nomeada pola Real Academia, no Portal das Palabras, como palabra do ano.

Palabra do Ano
A escolla da palabra do ano comezou no ano 2014, a través do Portal das Palabras posto en marcha pola Real Academia Galega e a fundación Barrié. A iniciativa pretende que a veciñanza galega escolla cada decembro unha palabra en galego que defina o ano que remata, difundindo o léxico galego.

Comentarios