"No colexio marcaba na portería do meu equipo"

O actor Xoán Fórneas era un defensa que marcaba en propia porta. Aprendeu moito de interpretación e un pouco de fútbol. O CDG fichouno agora para Recortes, caneos e outros dribles, á que se pode asistir o venres, día 29 de setembro, e o sábado, día 31
Xoán Fórneas, nunha escena. AINÉ PRODUCIÓNS
photo_camera Xoán Fórneas, nunha escena. AINÉ PRODUCIÓNS

O CENTRO Dramático Galego (CDG) acaba de estrear no Salón Teatro de Santiago Recortes, caneos e outras formas de driblar, baseada nun ensaio sobre fútbol de Nacho Carretero. No reparto figura Xoán Fórneas (Lugo, 1993).

Cal é o seu equipo?
Non teño. Se tivese sería cada ano do que xogase mellor. Sería do Madrid ou do Barcelona segundo fose cada tempada.

Agora que traballa nunha obra sobre o asunto, entende a paixón polo asunto?
Enténdoo máis. É un ritual no que se liberan moitas emocións de tristeza e de alegría. A obra fala sobre iso.

Fáleme da obra, logo.
O personaxe de Touriñán é un seareiro... en galego afeccionado dise seareiro.

Xa.
Pois é un seareiro que non entende por que ten unha relación tóxica co fútbol. É a viaxe do heroe que parte dun punto e remata noutro. Pasa por unha ponte dramática que é o Inferno de Dante: amaños, apostas, adestradores que son psicólogos, lesións,... Os xogadores viven todo iso expostos ao público. Dise que cobran moito. Son persoas sometidas a unha presión moi grande.

No instituto prefería escribir obras de teatro cun amigo e representalas ao fútbol

É a primeira vez que fai de deportista. Actúa como seareiro, árbitro e capitán do equipo.
Tiven que poñerme as pilas. Xogaba ao fútbol no colexio das Gándaras. Era defensa. Sabía que o fútbol consistía en marcar goles. Tiraba cara á portería máis cercana, que era a do meu equipo.

Participa nas conversas sobre fútbol nos camerinos do CDG?
Touriñán é moi fuboleiro, Isabel Garrido xoga,... fálase, pero eu non.

Xa o deixara antes do bacherelato, no Politécnico deLugo.
Prefería escribir obras de teatro cun amigo e representalas. Despois entrei en Palimoquiños. Quixen ir á Resad (Real Escuela Superior de Arte Dramático), a Madrid. Era a crise do 2009. Os meus pais non se opoñían, pero pedíronme que fixese antes uns estudos con máis saídas. Pensaba facer Enfermería, pero un día tiven que ir ao médico e deime conta de que non podería traballar con agullas e sangue. Con 17 anos marchei a Madrid.

Seis anos despois disfrutou do seu grande momento. Logrou papeis no Tartufo do CDG, nas series Dalia e Fontealba da TVG, e fichouno Acacias 38 de TVE. Entrou no capítulo 686 dos 1.438 que se prolongou e participou en 247.
Estiven un ano. Era gravar cada día un capítulo, de luns a venres. Estaba afeito a traballar doutro xeito, co rigor do teatro. Foi unha boa escola, aprendes a resolver. Tiña que memorizar diálogos nun castelán antigo.

Quedoulle algunha expresión?
Si, ás veces digo A los buenos días ou me meto en un brete sen querer. Integrei ojo avizor na miña fala.

Participei nun grupo de tributo a Il Divo nun cruceiro polo Mediterráneo. Vestiamos traxe e cantabamos música italiana

Para ese papel, o propietario dunha chocolatería, neutralizaba o seu acento. Non tivo que facelo para a serie La línea invisible, sobre Eta.
Presenteime para facer de Etxebarrieta, o asasino do garda civil Pardines. Nese proceso descubrín a Pardines e decidín que quería facer ese papel. Prepareino durante dous meses inspirándome no meu avó, que é de Goberno, en Castro de Rei. Imitaba o seu acento, a súa personalidade. Collín a súa parte máis entrañable. Non esquezamos que Pardines era un garda civil da ditadura e tiña outra parte máis dura. Cando fun ao cásting pensaron que podía facer de Pardines. Adiantárame.

Contoullo ao seu avó?
Non. É unha persoa maior.

No colexio das Gándaras xa cantaba. Canta himnos futboleiros en Recortes.
Hai escenas nas que cantamos. Gústame cantar.

Foi a súa profesión durante un tempo, en 2014.
Cando estaba no Resad había unha web na que ofrecían traballos aos actores. Pedían un cantante melódico e apunteime. Colléronme. Explicáronme que era para participar nun grupo de tributo a Il Divo nun cruceiro polo Mediterráneo. Vestiamos traxe e cantabamos música italiana. O barco pertencía a unha compañía norteamericana. Tiña 18 andares, era unha cidade flotante, con cine, teatro, casino, piscinas,... Eramos xente de todo o mundo e falabamos en inglés. Botaba unha semana no barco e traballaba dúas noites durante 45 minutos. Chamáronme para este verán, pero non puiden ir. Repetiría porque foi unha boa experiencia.

Nese mesmo ano entrou noutro grupo. Eran os protagonistas de Dreamland, unha serie sobre cómo se monta un conxunto musical.
Non quero falar sobre iso. O produtor era un amigo de José Luis Moreno, co seu mesmo comportamento. Dreamland, o grupo que saíu da serie, tivo éxito. Estivo en Los 40 Principales e deu concertos cun repertorio propio. Eu tiña 19 anos. Enganáronos. O único bo é que aprendín sobre cómo funciona o mundo do espectáculo.

Tamén participou no musical ABBA. The gold experience. 
Era cantante. 

Facía de sueco?
Non, eramos máis de catro. Cantabamos as cancións de ABBA.

Comentarios