Os irmáns Coira con 'Hierro' e o filme 'Jacinto' arrasan nos premios Mestre Mateo

'Cuñados', con 16 candidaturas, foise de baleiro e Pedro Brandariz gañou de xeito póstumo ▶Lugo estivo representado tamén coa victoria de Xacio Baño e o honorífico a Margarita Ledo
A cineasta, escritora e xornalista Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) recibe o premio de honra Fernando Rey. MONCHO FUENTES (EFE)
photo_camera A cineasta, escritora e xornalista Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) recibe o premio de honra Fernando Rey. MONCHO FUENTES (EFE)

A Academia Galega do Audiovisual celebrou este sábado a gala de entrega de premios do vixésimo aniversario dos Mestre Mateo, nun evento celebrado no recinto de Expocoruña no que Hierro resultou a máis premiada con seis galardóns e o filme Jacinto obtivo catro premios, entre eles o de mellor actor para o lembrado actor Pedro Brandariz, finado inesperadamente fai unhas semanas.

O último premio da noite, o de mellor longametraxe, foi parar a Tres, que tamén gañou os Mestre Mateo a mellor actriz protagonista para Marta Nieto e mellor son para Daniel Fontrodona, Oriol Tarragó, Marc Bech e Marc Orts.

A Virxe Roxa foi votado polas académicas e académicos como mellor documental e #DígochoEu, de CRTVG, como mellor programa.

Este último tamén recibiu o galardón a mellor comunicadora para Esther Estévez Casado.

Redes Vivas, de Metronoventa Creatividad e Producción Publicitaria, foi distinguido co premio a mellor anuncio publicitario.

O videoclip da canción Figa, de Tanxugueiras, producido por Playplan e Trece Amarillo, obtivo o Mestre Mateo ao mellor videoclip e, Augas abisais, de Rebordelos e dirixida polo lucense Xacio Baño, o de mellor curtametraxe.

Hierro, que partía con oito candidaturas finalistas, conquistou o galardón á mellor serie de televisión; mellor dirección para Jorge Coira; mellor guión para Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Lidia Fraga e Eligio R. Montero; mellor montaxe para Jorge Coira, Gaspar Broullón e Juan Galiñanes; mellor música orixinal para Elba Fernández e Xavi Font e mellor dirección de produción para Ana Míguez.

Jacinto fíxose con catro galardóns dos once aos que optaba: mellor dirección de arte para Samuel Lema, interpretación masculina protagonista para Pedro Brandariz, maquillaxe e perruquería e vestiario, para Lorena Calvo.

Malencolía, de Alfonso Zarauza, fíxose con dous galardóns para os seus actores de reparto: Diego Anido e Iolanda Muíños.

O resto de premiados da noite foron Jairo Iglesias a mellor realización por Origen; Lucía C. Pan a mellor dirección de fotografía por ¿Qué hicimos mal?, e Mataría Microserie, de Dinamo Producións e Javi Sega Producciones, como mellor serie web.

Na gala, a cineasta, xornalista, investigadora, poeta e escritora lucense Margarita Ledo recibiu o premio de honra Fernando Rey en recoñecemento á súa traxectoria "comprometida coa reflexión, a creación, o feminismo e a nosa lingua".

Javier Veiga, Iolanda Muíños, Lucía Veiga, Alba Mancebo, Chechu Salgado, Isabel Blanco, Moncho Lemos, Alfonso Agra, Mela Casal, Santi Prego e Blanca Cendán foron os encargados de anunciar as gañadoras, nunha gala que contou coa música do Coro Sisters in the House e que foi emitida en directo pola TVG.

En cifras. TikTok entra nos galardóns do cinema galego
O programa #DígochoEu convertiuse no primeiro contido dixital nado en TikTok que recibe un Mestre Mateo como mellor programa.

Mudanza xeracional
Pese a ser un ano con novos talentos emerxentes, moitos dos nomes xa foran laureados.

16 ocasións
O filme Cuñados partía como un dos favoritos na noite dos Mestre Mateo con 16 candidaturas pero marchou de baleiro en todas as categorías.

Comentarios