Coira debuta como director teatral cunha obra sobre galegos en Londres

O cineasta lucense estrea a comedia de cinco emigrados '‘Get back', este venres, en Narón ► A produtora, Eme2, estaba buscando novos enfoques para a escea e chamou ao realizador
Jorge Coira (segundo pola dereita), con Diego Ameixeiras, Tamara Canosa e Camilo Franco, entre outros
photo_camera Jorge Coira (segundo pola dereita), con Diego Ameixeiras, Tamara Canosa e Camilo Franco, entre outros

O director de cine Jorge Coira estréase este venres coa obra ‘Get back’, unha comedia que trata sobre o encontro de cinco galegos de diferentes xeracións e ocupacións que viven en Londres. A peza poderá verse ás 20.30 horas no Pazo da Cultura de Narón.

A produtora Eme2 quixo facer unha montaxe teatral arredor da emigración das últimas décadas baseándose nun documental do colaborador de teatro de El Progreso Camilo Franco. Realizou ese traballo no verán do ano pasado cunha serie de entrevistas con galegos residentes en Londres coa intención de facer unha crónica da emigración contemporánea do noso país.

A directora de Eme2 e actriz Mercedes Castro chamou a Jorge Coira, como director, e a Diego Ameixeiras, como escritor, porque estaba buscando caras novas e xeitos novos de dirixir teatro.

A trama comeza con cinco persoas que viaxan en metro e se ven atascados nun túnel. A produtora indica que son "londoners’, que é o nome que se dan a si mesmos os galegos emigrados na capital do Reino Unido". Engade que "son un grupo heteroxéneo composto por persoas de todas as idades e de todas as maneiras de pensar que teñen en común a súa orixe galega".


A peza teatral baséase nun documental que fixo Camilo Franco entrevistando aos novos inmigrados en Londres


Catro deles son galegos; o outro é inglés e sabe falar galego. As diferentes capas de galegos inmigrados na metrópole británica están representadas na peza. John (Miguel Guido) é o londinense con coñecementos de galego porque tivo unha moza portuguesa. Lu (Mercedes Castro) é unha punk que chegou a Londres nos anos 80 para coñecer a movida musical, quedou e fai pola vida. Pepe (Alfonso Agra) creou unha empresa quince anos atrás e logrou triunfar. Iria (Tamara Canosa) leva dous anos en Londres e ten formación de bióloga, pero traballa en restaurantes de comida rápida. Rafa (Federico Pérez) é un informático que está a piques de conseguir ser contratado por unha multinacional de telefonía.

COMEDIA. Camilo Franco explica que a obra resultante é "unha comedia realista" que colleu Jorge Coira «con preocupación polo traballo dos actores e polo ritmo da historia» ao longo da hora e media de duración.

"Hai directores de teatro que están preocupados polo traballo dos actores e outras que se preocupan pola liña argumental, un director á que lle importan ambas as cousas é difícil", asegura Franco.

O responsable do documental que inspirou ‘Get back’ indica que a condición de principiante de Jorge Coira non está afectando ao seu traballo. "Está cómodo e ten as ideas moi claras sobre o que quere que pase coas historia. Ten moi claro o que espera de cada personaxe e de cada actor. Traballou con eles en series de televisión e en películas".

A respecto do director neófito no campo dramático Camilo Franco entende que "non hai grandes diferenzas entre o seu traballo audiovisual e o seu traballo teatral", porque a máis importante é que se grave ou non.

A maiores engade que o realizador lucense "ten como axudante de dirección a Víctor Duplá", que conta cunha ampla experiencia como actor e director.

Comentarios