As las codificadas de Luís Seoane

Unha exposición subliña en Lugo a súa faciana de deseñador de tapices, cerámicas e libros ►Deseño e diferencia celebra os cincuenta anos

A exposición pode verse na salda de exposicións da Deputación. SEBAS SENANDE
photo_camera A exposición pode verse na salda de exposicións da Deputación. SEBAS SENANDE

José Luis Vázquez Montero era aínda un cativo cando viu chegar o primeiro daqueles tubos de cartón. O carteiro de Sada deixáballos na casa para a súa nai. Cando se producía a entrega, ela corría á sala, abría un extremo daquel corpo de obús e quitaba outro cartón para despregalo sobre a mesa ancha da sala. Parecía un mapa con indicacións para atopar un baúl cheo de dobróns e perlas luminosas nalgunha illa mínima do Caribe porque estaba cheo de liñas e números.

Os envíos procedían de Bos Aires, onde vivía Luís Seoane. O artista tiña na súa casa arxentina unha táboa con lás de moitas cores. Debuxaba nun cartón grande e branco un personaxe dunha lenda galega: unha leiteira, un nubeiro, Pedro Madruga ou Ero de Armenteira, o nobre devoto que quedou pasmado escoitando un paxaro e, ao volver en si, transcorreran trescentos anos. Nos espazos en branco anotaba un número, cada un correspondíase cunha cor.

María Elena Montero descodificaba eses planos cunha táboa de lás igual á táboa de Seoane. Ía collendo unha lá de cada cor codificada e incorporándoas ao seu tear de Sada. Nun proceso de dous ou tres meses completaba a obra que fora concibida a 10.230 quilómetros.

A colaboración entre Seoane e Moreno rendeu vinte tapices. Sete deles están expostos dende onte como parte da mostra "Luís Seoane. Deseño e diferenza", que permanecerá na Deputación Provincial de Lugo ata o día 30 de xuño.

O comisario é José Luis Vázquez Montero, que asistiu cando era un rapaz ao nacemento deses tapices a partir duns tubos opacos. A súa nai estivo presente na inauguración de onte, o mesmo que David Barro -exdirector da fundación Luís Seoane, da Coruña- quen presentou un ensaio sobre a figura do artista.

Vázquez Montero, secretario da fundación Sargadelos, argumentou que Seoane foi "o intelectual galego máis grande do século XX porque foi un compendio de artista, poeta, dramaturgo, editor e animador social". Dese panorama de labores que desenvoleu, escolleu subliñar a faciana de deseñador de tapices, cerámicas e libros para Deseño e diferenza.

"Como artista, estaba en contacto coas vangardas", incidiu o comisario, quen puxo como exemplo a súa relación co arxentino Tomás Maldonado, que lideraba a escola alemá de deseño de Ulm, que se fundamentou na herdanza da Bauhaus para desenvolver un estilo propio.

PORCELANAS. A deputada de Cultura, Pilar García Porto, explicou que a iniciativa é o xeito que ten a entidade provincial de celebrar os cincuenta anos da posta en marcha da Planta Circular, a sede de Sargadelos en Cervo. Nese lugar dálles continuidade aos traballos que realizara para Porcelanas de Magdalena, en Arxentina, a finais dos anos 50.

"A súa etapa na nova etapa de Sargadelos non era facer pratos e tazas, senón ofrecer produtos con valor engadido", afirnou o comisario. A súa visión consiste en evitar toda estandarización avogando por basearse nos paradigmas galegos para crear pezas orixinais que se proxecten no espazo e no tempo.

José Luis Vázquez Montero, que aínda se lembra xogando de neno nas obras, apuntou que en 1968 "estaba feita a cuarta parte" e as primeiras pezas de cerámica saían dela. Son xerras adornadas con cabezas de persoeiros culturais (Rosalía, Castelao, Valle Inclán, León Felipe) e históricos (Marqués de Sargadelos).

Xunto a esa liña máis culta está a popular, representada en Lugo pola pomba de San Andrés, baseada nos exvotos de Santo André de Teixido.

Unhas e outras pezas serven para que "Seoane cree unha cerámica con linguaxe propia que exprese o que somos e que sirva para que paseemos polo mundo o que somos", explicou o comisario, citando ao propio artista.

Unha representación desa linguaxe de seu que concibiu Seoane son dous ramos formados por once elementos que miden un metro de altura.

LIBROS. Deseño e diferenza atende, a maiores de aos tapices e ás cerámicas, aos libros nos que participou Luís Seoane. Destacada o álbum Campesinos (1954) no que colaborou co poeta Rafael Alberti.

A maiores poden verse traballos seus para "a grande editoria en castelán durante o franquismo, Losada" e a súa colaboración con Arturo Cuadrado en Botella ao Mar.

Na parte dedicada a cadros e gravados, destaca O Meco, un cadro de grande formato, "algo que non era habitual en Seoane", como apuntou o comisario da exposición.

Vázquez Montero aínda lembra a aquel amigo dos seus pais que viña pola casa e colocaba e recolocaba as lentes de pasta negra. "Foi unha sorte poder escoitalo. Era un home curioso, que sempre quería estar á última".

Comentarios