O ciclo 'Músicas nas rúas' volve a Lugo o vindeiro 20 de abril

A iniciativa, que foi presentada este luns por Rubén Arroxo, encherá de música as rúas do Casco Histórico 
Imaxe co cartel da iniciativa, este luns. CEDIDA
photo_camera Imaxe co cartel da iniciativa, este luns. CEDIDA

Rubén Arroxo presentou este luns o ciclo 'Músicas nas rúas', unha iniciativa na que colaboran a área de Cultura do concello e o Conservatorio Xoán Montes.

Entre os días 20 e 29 de abril os alumnos do mesmo achegarán ás rúas lucenses unha serie de audicións que se repartirán en oito concertos e que encherán de ritmo e alegría as rúas do centro da cidade.

O tenente alcalde sinalou que "retomamos a organización desta actividade, renovando o compromiso da área de Cultura de visibilizar as ensinanzas oficiais de música coas que contamos na cidade, e motivar ás estudantes, xa que poderán mostrar o aprendido durante os seus estudos ao mesmo tempo que dinamizan as rúas da cidade".

Rúas e horarios. O mércores 20 de abril os conxuntos de contrabaixos, vento madeira e saxofóns darán o pistoletazo de saída ás 18.00 horas na rúa Quiroga Ballesteros. 

O xoves 21 haberá un dobre turno, ás 18.00 horas está o conxunto de gaitas e acordeóns en Anxo Fernández Gómez, e á mesma hora estarán as tubas na praza do Campo Castelo. 

O martes 26 será o turno dos trombóns na praza Maior, e o mércores 27 o das guitarras e violas en Anxo Fernández Gómez, ás 18.00 e ás 20.00 horas, respectivamente. 

Pola súa banda, o día 28 a praza de San Marcos acollerá aos saxofóns a partir das 19.00 horas e o venres 29 porán o broche final ao ciclo o coro infantil e o esembre de clarinetes, ás 17.00 horas en Anxo Fernández Gómez. 

Comentarios