O ciclo 'Cinema no Cárcere' chega con tres proxeccións con acceso libre

Maite Ferreiro: "Contaremos con tres películas de ampla carga social, co obxectivo de achegar aos veciños distintos puntos de vista sobre temas como a violencia vicaria, a represión durante o franquismo ou a situación do rural"
O Vello Cárcere. AEP
photo_camera O Vello Cárcere. AEP

Este luns tivo lugar a presentación do ciclo Cinema no Cárcere, que, segundo afirmou a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, "achegará tres proxeccións de cinema cunha gran carga social a esta instalación cultural". Tamén engadiu que “buscamos achegar á veciñanza distintos puntos de vista de cuestións que deixan e deixaron pegada na sociedade, como a situación no rural, a violencia vicaria ou a represión durante o franquismo”.

O ciclo Cinema no Cárcere terá lugar os días 16, 23 e 29 de novembro no auditorio do Vello Cárcere. Todas as proxeccións comezarán ás 20.30 e serán de acceso libre ata completar a cabida do recinto.

  1. 16 de novembro
  2. 23 de novembro
  3. 29 de novembro

16 de novembro

Verbas e Memoria, miña tía Elena (director Breixo Llano)

Curtametraxe documental na que se narra, mediante as verbas de Elena, diversos aspectos da vida cotiá da Galicia da súa xuventude. Dividido en cinco partes, é un retrato do mundo rural a través do tempo; con lembranzas sobre o clima, a igrexa, a emigración, a escola ou as festas parroquiais.

23 de novembro

Onde máis doe (directora Manane Rodríguez)

Despois de ameazar durante anos á súa exparella, Marcos M. asasina a golpes ó seu fillo de 11 anos. Un ano despois un xurado popular condenao por asasinato, matar facendo uso pleno das súas facultades, e determina que o crime contra o neno non buscaba outra cousa que castigar á nai. No feito no que nos baseamos concorren a violencia, o acoso, o asasinato dun neno para danar á nai e a ameaza de morte que aínda pesa sobre a muller.

29 de novembro

O cárcere de curas (directores: Oier Aranzabal, Ritxi Lizartza, David Pallarès)

Catro sacerdotes presos no cárcere de curas de Zamora (1968-1976), volven visitar a prisión onde foron condeados, nalgúns casos, a penas de máis de dez anos por denunciar a represión franquista nas súas misas. Foi precisamente Franco quen, utilizando o Concordato asinado co Vaticano, creou ese Cárcere Concordataria, a única do mundo para relixiosos. O documental narra a historia da viaxe real á que foron sometidos 53 relixiosos de Madrid, Galiza, Cataluña e País Vasco no seu traslado forzoso ó dito penal.

Comentarios