Chicho: "Non sei bailar; son un heavy que produce rap e fai merengues"

Todo festival indie de soleira ofrece a súa ración de merengue achegada polo compostelán Ortiga. Portamérica programouno para esta noite na Azucreira de Portas
Ortiga. JANITE
photo_camera Ortiga. JANITE

CHICHO (Santiago,1994) é o rei da festa. Abriu unha vangarda mesturando trap e merengue con letras en galego con Esteban e Manuel. Agora atende en solitario polo nome de Ortiga e en dúo polos de Boyanka Kostova —con Cibrán García— e Los Rastreadores —con Nuno Pico de Grande Amore—.

Vostede é modernísimo porque fai música latina e hip hop. Citoume para as 10.00 horas. Madruga pese a ser músico.
Intento erguerme cedo para facer as tarefas que non me gustan: limpar, recoller e mandar emails o máis cedo posible. Aproveito que non me sei o que fago. No resto do día fago música.

Reside en Fontiñas, no seu barrio compostelán de sempre. Na casa dos pais?
Non, vivo só. Teño un pisiño para facer cumbias e merengues.

E para vivir.
Vivir é secundario.

Ten vostede clara a mensaxe que quere transmitir no xornal. A maiores de música, que fai Nalgunhas letras fala de deporte.
Camiño, coma os vellos.

Que música escoita cando sae andar?
Non escoito música. Penso. Poño música para limpar.

Non me dirá que non limpa escoitando merengue...
Poño concertos. Hai un concerto de Toño Rosario que me flipa.

Toca merengue e bachata cunha guitarra heavy en forma de frecha, con forma de v.
Sigo usando esa guitarra para reivindicar o meu pasado metaleiro. Está descontextualizada, resulta máis rechamante. Móvome en circuítos indie onde xa chama a atención o merengue, cando máis esa guitarra.

Cando eramos nenos lanzabámonos ortigas. Eramos uns cabróns, pero era gracioso

Parece que ten moi pensada a posta en escena.
Non. Fago o que me apetece. Penso que levar unha guitarra heavy sería moi de personaxe e lévoa.

Leva cinco anos vivindo da música. Ten estilos distintos para Ortiga, Boyanka Kostova e Los Rastreadores. Cando se lle ocorre unha canción, como decide para onde vai?
Penso se pode interesarlle a Cibrán ou se pode interesarlle a Nuno. Se penso que non lles van interesar, quédoas para min. Facilita moito que en Los Rastreadores facemos unha reciclaxe de bases musicais que non nos convencen de todo ou de bases para as que non se nos ocorre unha letra.

Non se acordará da primeira verbena á que asistiu.
As primeiras foron as do Rosario en Carballedo; despois en Chantada e Santiago. Ata os 14 ou 15 anos, cando acababa o cole —fose fin de semana, Nadal ou verán— marchabamos dende Santiago a Trasar e San Mamede, en Carballedo, onde vivían os meus avós. Na casa somos moi de xuntarnos, o motivo é o de menos.

Deses lugares vén o de Ortiga.
Cando eramos nenos lanzabámonos ortigas. Eramos uns cabróns, pero era gracioso.

Vouno facer quedar mal. Elixa unha orquestra: Panorama, París de Noia ou Combo Dominicano.
Buf! Deberiamos citar tamén á Olympus e aos Satélites. Agora son máis un espectáculo que un espectáculo musical. Gustariame contar con eses medios. Teñen uns músicos, unha luz e un son cun alcance do que somos conscientes en Galicia. Son heroes que no verán tocan 30 noites nun mes. Sinto respecto por eles.

Nunca colaborou cunha orquestra?
Non ten sentido. Hai un desfase entre a súa produción e a que teño eu. Algunhas orquestras poñen a 16 ou 17 persoas sobre o escenario e outras tantas abaixo. A ver que grupo leva 40 persoas en España! Non se lles dá valor.

É o rei latino de Galicia, pon a bailar a multitudes de persoas, pero vostede non baila. Non sabe ou non quere?
Hai un pouco de cada cousa. Son un heavy que produce bases de rap e fai merengue. Intento cambialo, pero son así.

Vaise apuntar a clases de baile?
Debería.

Son consciente de que regalo cousas que a xente ten que querer coller. Atopei un filón co merengue. Estou moi contento

Está vostede só no escenario.
Non é fácil de encher. Vou gañando en experiencia, pero teño referentes da salsa que están cravados ao chan,como Héctor Lavoe. O importante é que se mova a xente.

A súa música é para bailar. Que fixo durante o confinamento?
Pasalo mal. Estiven só durante 50 e pico días. Dicíame: "Vou aproveitar que teño tempo e vou traballar". Aos 15 minutos paraba. Chegou un punto en que estaba sobrepasado. Decidín non facer nada e estar pendente de Fernando Simón. Gardei todos os instrumentos e senteime a esperar. Fago música orientada a que a xente o pase ben e non estaba de humor.

Non compoñía, pero abriu un conconsultorio amoroso.
Todo o mundo facía directos en Instagram para que non se esquecesen de ti. Ocorréuseme abrir Ortinder. O amor é un tema que nos afecta a todos e que non vai molestar a ninguén. Conectábame os martes durante un par de horas, mandábanme consultas e peticións. Estaba entretido toda a semana.

Contaríanlle dramas.
Houbo tres ou catro mensaxes que lles contestei: "Mira, isto tes que comentalo cos teus amigos ou co teu psicólogo. Eu son un rapaz de Fontiñas".

Vostede é un rapaz de Fontiñas que pretende divertir aos demais.
Son consciente de que regalo cousas que a xente ten que querer coller. Atopei un filón co merengue. Estou moi contento.

O seu futuro era ser fisioterapeuta. Estudou durante tres cursos en Pontevedra sen demasiados aprobados.
Podía estudar Fisioterapia ou outra cousa. Quería facer música.

Como recibiron os seus pais a noticia de que deixaba os estudos?
Tiven que pelexar con eles. É normal. A vida dun músico é hippie e prostituíble. É tocar a guitarra e pasalo ben. Pero iso gústalle a todo o mundo.

A vida de músico é inestable. O seu pai é funcionario.
Cada un ten a súa vida. A min interésanme cousas que non dá o traballo de funcionario.

Ben. Rematamos a entrevista.
Cando sae?

Mañá (por este venres).
É para avisar á miña avoa Lina, de Trasar, de que sae o neto en El Progreso.

Comentarios