lunes. 22.07.2019 |
El tiempo
lunes. 22.07.2019
El tiempo

Chévere pregunta por que se optou pola peor opción no tren galego

Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Miguel de Lira. EP
Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e Miguel de Lira. EP

A compañía galega prepara 'Curva España', unha obra que estreará o 25 de xullo e trata o xeito no que nos afectan as decisións políticas

O actor Miguel de Lira non contestaba pola tarde ao teléfono. Estaba preparando Curva España, a obra que Chévere estreará o 25 de xullo -Día de Galicia, da Patria e do Apóstolo Santiago- na Mostra de Teatro de Ribadavia, segundo a revista Erretegué.

A Curva España que dá título á obra ten case un século de nome. É unha reviravolta na vella estrada da Gudiña a Verín pola que circulaba o enxeñeiro José Fernández España Vigil o 26 de maio de 1927 nun automóbil tan flamante como a súa responsabilidade nas obra ferroviaria entre Ourense e Zamora. O coche marchou da estrada por un barranco e o enxeñeiro morreu. Atrás, deixaba unha filla de case dous anos e outra que nacería meses despois. Catro anos máis tarde, a viúva casaría cun licenciado en Farmacia pertencente a unha saga de editores coruñeses de prensa,con quen tivo tres fillos.

O pasamento de Fernández España levou á decisión de borrar o trazado do tren polo sur da provincia e que fose conducido polo Macizo Central. Esa segunda opción provocou demasiados mortos e resultou bastante máis cara.

Chévere pregúntase por que se escolleu a opción máis custosa, máis esforzada e menos beneficiosa para a provincia en tanto que supoñía aillar unha zona habitada e productiva que fai fronteira con Portugal. A perplexidade popular xerou a convicion de que os poderosos da comarca fixeran desaparecer o enxeñeiro.

A compañía teatral desbotou esa tese vistas as probas, pero non renunciou a un século de lembranzas, especulacións e lerias para asentalo como base da metáfora que artella o texto: a Curva España e España como curva ou como liña recta, como accidente ou como asasinato.

A maiores deses comentarios, Chévere documentouse en arquivos e bibliotecas, así como en internet. Os membros do grupo consultaron tamén con investigadores dos feitos.

Recolleron ese material en rexistros en gravacións sonoras e vídeos, que levaron ao local de ensaio coa obxecto de transformalo nas tramas e nas situacións que comporán Curva España.

DOCUMENTAL. Con esta montaxe Chévere incide nas oportunidades que lle ofrecen o teatro documental e a experiencia colectiva nun camiño que abriron con Citizen (2010). A compañía indicara que Citizen se inspiraba no Citizen Kane de Orson Welles. A obra dos galegos contou "a historia de A.O., un empresario galego do textil que se convirte nunha das persoas máis ricas do mundo no último terzo do século XX". Levou cinco María Casares.

O colectivo estableceu un novo paralelismo co cinema en Eurozone (2013) outro traballo documental. "Trátase de establecer un diálogo entre a peza teatral e Reservoir Dogs, de contar ao público cales poden ser os paralelismos entre os personaxes desa película de Tarantino e os líderes político-económicos de Europa", explicaban sobre a peza.

Esa liña continuou na última montaxe, Eroski Paraíso, a primeira tras recibir o Premio Nacional de Teatro. Chévere defínea como "a historia de alguén que non parou en ningures para volver ao mesmo punto de partida, como se tivese estado parado mentres todo se transformaba ao seu arredor. Trata o desarraigo que arrastrou parte da nosa sociedade fóra da casa, da paisaxe, da fala, dos costumes e dos afectos".

A última hora da tarde, Miguel de Lira seguía ensaiando.

Chévere pregunta por que se optou pola peor opción no tren galego
Comentarios