Chévere e o CDG, estrelas da programación do Auditorio de Lugo con 19 espectáculos

A versión de Manuel María que encabeza Melania Cruz é outra das propostas que se poderán ver no Gustavo Freire ata decembro
Chévere, nunha función de 'N.E.V.E.R.M.O.R.E.'. LUZ SORIA (CENTRO DRAMÁTICO NACIONAL)
photo_camera Chévere, nunha función de 'N.E.V.E.R.M.O.R.E.'. LUZ SORIA (Centro Dramático Nacional)

Os espectáculos N.E.V.E.R.M.O.R.E., de Chévere, e O charco de Ulises, do Centro Dramático Galego (CDG), figuran entre os 19 espectáculos que se representarán no auditorio Gustavo Freire de Lugo ata fin de ano.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, presentou unha programación que abrirá o CDG este xoves ás 20.30 horas coa obra Serva me, servabo te. Comeza co derrube dun edificio de vinte alturas a causa dunha carga de explosivos.

Mentres La suerte conta a historia dunha adopción por parte de dous homosexuais. Será posta en escena por Pérez & Disla o día 21de outubro.

Redrum achegará unha comedia negra o día 28 do mes que vén. Comenza cando Sheyla é abandonada pola súa parella. O repertorio contará con Laura Míguez, Sheyla Fariña, Guillermo Carvajal e Fernando González.

Haberá dúas oportunidades para asistir a N.E.V.E.R.M.O.R.E., de Chévere. Serán os días 6 e 7 de novembro. Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira protagonizan unha peza que parte da memoria da catástrofe do Prestige.

Desde lo invisible, de La Quintana Teatro pon en escena o día 11 de novembro unha embarazada dun neno con discapacidade ou unha moza que non entende que non pode ir á piscina os martes.

O 18 de novembro é o día de Matrioshka Teatro. "Comando comadres" trata de activistas que se opoñen ás manifestacións de violencia sexista.

Aporía Escénica fala da caza de bruxas na obra do 21de novembro, Soga & Cinsa. Olivas Negras chegará o 25 dese mes con "Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva".

A lucense Melania Cruz protagonizará o día 28 de novembro A lúa vai encuberta á fronte de A Quinta do Cuadrante, baseada na peza homónima de Manuel María sobre a democracia logo do franquismo.

ImproMadrid levará Porvenir ao Auditorio Municipal o día 2 de decembro. O charco de Ulises, unha versión da Odisea, é a peza que montará o Centro Dramático Galego o día 9 de decembro. Ítaca Teatro estará o 16 de decembro con "Formigas no peto".

Seis grupos lucenses se unen o 19 de decembro para ofrecer Mulleres na memoria, sobre as represaliadas, con textos de Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco.

En canto a programación infantil, o domingo 24 de outubro haberá oportunidade de ver Semente. O home que plantaba árbores de Eme2, que vai recomendada a un público maior de 7 anos. Trata dun home que quere facerse un hábitat especial.

Unha semana máis tarde, o domingo 31 de outubro, La Teta Calva montará " Hay una sirena en mi salón", dirixida a nenos maiores de 6 anos. Catro malabaristas e un pianista convidan aos rapaces maiores de dez anos a Drop, o espectáculo de Pistacatro.Gaia Baba, de Moving Compass, está pensada para cativos maiores de 7anos. Farase o 14 de novembro.

O día 5 de decembro actúa Caramuxo Teatro con A nena que vivía nunha caixa de mistos. La Mecánica chega o día 12 de decembro con Las pequeñas cosas.

Comentarios