sábado. 29.01.2022 |
El tiempo
sábado. 29.01.2022
El tiempo

Charo Baleirón: "Os meus sobriños viviron moi novos o cancro da nai"

Charo Baleirón. PEPE FERRÍN
Charo Baleirón. PEPE FERRÍN
Da dor nacen rosas con espiñas. Así xermolou o libro Mamá vive en min, que a autora escribiu tralo falecemento da súa cuñada, nai de dous nenos pequenos

O mundo de Charo Baleirón –filóloga e asesora pedagóxica– abaneouse cando a outra Charo, a súa cuñada e amiga, nai dos seus sobriños, que entón tiñan tres e seis anos, lle diagnosticaron cancro no 2013. De aí naceu o conto Mamá vive en min (Hércules), que hai uns días presentaba en Santiago arroupada por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.

Mamá vive en min é o seu primeiro libro, como xorde a idea de escribilo?

Pois xurdiu por mor dunha experiencia íntima e persoal moi dolorosa, xunto coa reflexión á que me levou todo o proceso, que foi o falecemento por cancro de Charo, a miña amiga –moceamos xuntas– e cuñada, aos 47 anos. A miúdo tememos o esquecemento dos seres queridos que finaron e eu non quería que ela nin as súas historias se esquecesen. De feito, no conto inclúense dous textos da súa autoría O trasgo Nicolás e Historia dun fideo, que inventou para os seus fillos, o que dá unha idea do tipo de nai e de muller que era. Total, que me mergullei no reto de renderlle unha homenaxe a través da palabra escrita e, ademais, facerlles un agasallo aos meus dous sobriños, os seus fillos, Raúl e Martín. Laura Rodríguez, a editora de Hércules de Ediciones, e Estefanía Padullés, a ilustradora, contribuíron a facer realidade o proxecto.

O conto ten como punto de partida a doenza da súa cuñada, nai de dous fillos. Como se lles di a dous cativos que mamá ten cancro?

Sen ninguha dúbida, a enfermidade é sempre un tema difícil de explicarlles aos nenos e nenas, e máis aínda cando se trata de cancro pois, a miúdo, adoitamos equiparar esta doenza cun final tráxico. Con todo, debemos ter en conta que nin todos os cancros son iguais, nin todos evolucionan da mesma maneira e que, nunha porcentaxe alta, cúranse. Dito isto, paréceme que os adultos debemos dar resposta ás inquedanzas e preocupacións dos nosos fillos e fillas, facelos partícipes dos problemas que nos xorden, adaptando esas explicacións á súa idade, sen adiantar acontecementos nin responder ao que non preguntan. Os nenos non son parvos e son capaces de comprender o que os rodea e o que se lles explica.

Durante anos, os nenos tiveron que convivir coa enfermidade da súa nai.

Os meus sobriños, a idades moi temperás, tiveron que convivir coa doenza da nai e enfrontarse a unha experiencia coa que ninguén contaba. A medida que medraban, ían facéndose máis conscientes do que acontecía ao seu redor e as súas emocións, como as dos adultos, foron pasando por distintas fases  (incredulidade, tristura, rabia…) Por outra parte, os nenos e nenas, por natureza, son alegres, teñen ilusións, metas... e tamén as preocupacións propias da súa idade: quen nos axuda cas tarefas, quen nos leva ao colexio, os videoxogos, as rapazas... Tanto a nai como o resto da familia, o colexio, os veciños... todos contribuíron a arroupalos e a que continuasen co seu ritmo de vida habitual. 

Os nenos son capaces de comprender o que os rodea e o que se lles explica

Foi necesario anticiparlles que o proceso era irreversible?

Raúl e Martín experimentaron en primeira persoa que na vida do ser humano, como na das súas queridas mascotas, hai doenzas que se curan e outras que non. Comprenderon que hai moitas persoas que deben convivir cunha doenza toda a vida, pero que hai casos nos que isto non ocorre así e que, queirámolo nós ou non, a morte forma parte do proceso natural da vida. No libro, Martiño, o protagonista, fai unha comparación coas figuras de Star Wars. Algunhas romperon, pegounas e puido seguir xogando con elas; outras, por moito que el quixese e o intentase, non se puideron amañar. En canto a se lles anticipamos o desenlace, prefiro que leades o libro.

Ata hai unhas décadas, en Galicia a morte víase e vivíase con naturalidade, pero agora a sociedade prefire maquillala. Como se pasou dun extremo a outro?

Efectivamente, concordo totalmente contigo. A morte, para os galegos, sempre formou parte da vida e do día a día: faciamos chistes da morte, inventabamos contos de medo, atopabamos a Santa Compaña, deixabamos un prato na mesa para o finado ou finada da familia en días sinalados, visitábannos as pantasmas, faciámoslles fotografías aos defuntos para non esquecelos ou enviárllelas aos familiares emigrados, comíase, bebíase e ríase nos velorios... Agora vivimos nunha sociedade onde todos os pais, coa nosa mellor intención, estamos obsesionados con evitarlles aos nosos fillos e fillas a dor e o sufrimento:  "Mellor non dicirlles nada para evitar que sufran de máis ou antes de tempo". Pero isto lévaos a non dispoñeren de ferramentas nin recursos para superar as frustracións, a non recoñecer as distintas emocións, a non seren capaces de superalas nin de afrontar os problemas... Onda isto, temos o paradoxo de que lles permitimos ver violencia e morte violenta a miúdo a través dos videoxogos e das películas, así que esa é a idea que moitos dos nosos nenos e adolescentes teñen da morte. 

Debemos atopar tempo para ler cos nosos fillos, ler para eles e ler o que eles len

Di que non hai que excluír os nenos da morte nin da vivencia colectiva do loito, pero debemos darlles ferramentas para axudalos.

Efectivamente, todas as culturas contan con ritos funerarios e a min paréceme fundamental que as crianzas –sen obrigalas, por suposto– participen na despedida e nos rituais fúnebres, pois contribúen a ver a morte como algo natural e a asumir a perda do ser querido. En canto ás ferramentas que podemos proporcionarlles paréceme que contamos con dúas fundamentais: a literatura e o sentido do humor. Botemos man delas. Neste caso, con ‘Mamá vive en min’, os cativos poden entrar en contacto coa realidade da morte sen necesidade de sufrila e permite achegarnos ao mundo das emocións. Paréceme crucial, e así o dicía xa Aristóteles e agora recóllese tamén na Lomloe, o coidado emocional dos nosos pequenos. Nós, como adultos, debemos acompañalos para que descubran e identifiquen as súas emocións; que as comprendan e que vexan que todo o mundo sente nalgún momento rabia, celos, envexa, medo, que empaticen co do lado, que as utilicen para afrontar os seus problemas e frustracións. 

Di que é "para ler sós, pero aínda mellor acompañados". De feito, compartir esta lectura pode propiciar un valioso momento de intimidade emocional cos nenos.

Os adultos debemos atopar tempo para ler cos nosos fillos, ler para eles e ler o que eles len. Isto propiciará ese acompañamento emocional do que falaba antes: abrirá as portas ao gusto pola lectura, a novas experiencias, a outros mundos, a compartir bos momentos que nunca esquecerán eles nin nós, á conversa, ao razoamento, ao debate, á reflexión... 

Así presenta a autora o seu conto
► "En Mamá vive en min, Canciño, a peluche preferida de Martiño, conta como se viviu na súa casa a enfermidade e o pasamento da nai de Martiño e de Raúl. Como o narrador é unha peluche e os protagonistas son nenos, as risas están garantidas. É un conto baseado nunha historia real, con personaxes reais pero tamén cunha gran parte de ficción. Está cheo de alegría, de xogos, de historias pasadas e presentes... pero tamén dalgún que outro desgusto, porque na vida todos afrontamos algún que outro, e de moitísimas emocións".

Charo Baleirón: "Os meus sobriños viviron moi novos o cancro da nai"
Comentarios