César Portela: "Ao longo da vida, nunca se debe deixar de aprender"

"O Pazo Baión é un sitio moi especial". Por iso, o arquitecto pontevedrés escolleu este espazo, que rehabilitou en 2010, para ingresar na Real Academia Galega de Belas Artes. Con 85 anos, di que non pensa en retirarse. "A miña idea é seguir facendo as cousas que me gustan".
César Portela no seu estudio de Pontevedra. J. CERVERA-MERCADILLO (ARQUIVO DP)
photo_camera César Portela no seu estudio de Pontevedra. J. CERVERA-MERCADILLO (ARQUIVO DP)

Premio Nacional de Arquitectura en 1999 pola Estación de Autobuses de Córboba, César Portela (Pontevedra, 1937) comezou a súa carreira a finais dos anos 60. Da súa autoría son dende a Torre de Control Sharm El-Sheik (Exipto), ata a Ponte Azuma en Shinminato (Xapón) pasando polo Museo do Mar de Vigo ou o Cemiterio de Fisterra. Profesor invitado en universidades e institucións de todo o mundo (Nancy, Caracas, Lisboa ou Weimar), é un dos arquitectos máis importantes da Galicia actual. Este sábado ingresa na Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba).

E escolleu facelo no Pazo Baión, onde xusto hai un ano recibiu o premio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) ao conxunto da súa traxectoria. 
Pois si. É un espazo ao que lle teño moito agarimo. Por moitas razóns. Primeiro, polo tema arquitectónico. Porque me ocupei da súa rehabilitación. Foi unha obra nun sitio que eu considero moi especial. E despois, nun ámbito máis persoal, porque co tempo fun coñecendo máis en profundidade esa cooperativa e os seus socios. Hoxe teño con eles moi boa relación. Gústame moito pasar tempo alí, entre outras cousas, porque a natureza segue o seu curso segundo vai pasando o tempo e hoxe, xa integrada coa obra, todo colleu un carácter moi acolledor. Cada vez que vou gústame máis. Paso alí un cuarto de hora paseando e teño a mesma sensación que se levara unha semana de vacacións. É un sitio moi atractivo para min, que pensei que lle ía gustar moito tamén aos membros da Academia. E alí o imos facer. 

No seu discurso vai falar da arquitectura como unha mestura entre arte e técnica. 
Exacto. É que eu penso que a arquitectura vai a cabalo da arte e da técnica. Ese vai ser o eixe fundamental do meu discurso. Á parte vou falar de dous aspectos que me parecen importantísimos. Por un lado, a consideración da arquitectura como arte técnica ao servizo da sociedade. Porque ademais de estar ben feita, no sentido de ben construída, e de ser fermosa, a arquitectura ten que cumprir unha función social. Debe ofrecerlle seguridade aos corpos e liberdade aos espíritos da xente que a habita. E, por outro lado, o recoñecemento ao traballo colectivo. Cando falamos de que tal obra a fixo tal arquitecto, aí hai que engadir sempre ao seu equipo, aos seus colaboradores. Porque así como ti soa podes escribir un poema cunha folla en branco e cun lapis, non podes facer unha obra de arquitectura sen delineantes, canteiros, carpinteiros... A arquitectura é unha obra solidaria. 

Converteuse o ano pasado no primeiro arquitecto que ingresaba na Real Academia Galega das Ciencias. 
Así é.

Acumúlanselle os recoñecementos. Que significan para vostede?
É un orgullo recibilos. Fágoo encantado. En concreto, estes ingresos en academias galegas son unha honra para min. Tamén o foi o ingreso na Real Academia de Bellas Artes de San Carlos de Valencia, despois de ter gañado o concurso para facer a Estación Central de Valencia. Aquel recoñecemento supuxo un orgullo especial porque me escollían fóra da casa e só coñecéndome pola miña obra. 

Que leccións diría que aprendeu desenvolvendo a profesión ao longo de máis de 50 anos?
Moitísimas. Aprendín e sigo aprendendo. Incluso cando se supoñía que tiña que ensinar. Porque ocupando a Cátedra de Proxectos da Escola de Arquitectura da Coruña, ademais de ensinar, aprendía. Coido que, ao longo da vida, non se debe deixar de aprender nunca.Sempre descobres cousas novas. 

A arquitectura, ademais de estar ben feita e de ser fermosa, ten que cumprir unha función social. Debe ofrecerlle seguridade aos corpos e liberdade aos espíritos da xente que a habita

Como evolucionou a arquitectura galega ao longo do último medio século?
Melloráronse cousas, descubríronse outras, probáronse novas direccións... Pero basta saír a dar un paseo por aí para comprobar que segue habendo de todo: proxectos moi bos, regulares, malos e malísimos. Hai lugares que era mellor non ter tocado porque o único que se fixo foi estragar a natureza. E a boa arquitectura non só non destrúe a natureza senón que a sublima. As cousas sempre deben ser vistas no seu contexto. Por exemplo, podemos dicir: que disparate construír no bordo do mar. Pois aí están os faros, elementos icónicos e marabillosos das costas. Eles non só non destrúen senón que enxalzan a paisaxe. 

Fálase moito na actualidade da bioconstrución. O futuro pode ir cara aí ou vai quedar nun termo máis vacío de contido?
Hoxe hai información suficiente para saber que cousas son boas e que cousas son malas. O que hai que ter é responsabilidade e conciencia. Ese é o reto. 

Durante a pandemia reflexionouse moito sobre se aquelas circunstancias cambiarían para sempre a arquitectura. Fixérono?
Efectivamente o que pasou debía servirnos para reflexionar e cambiar cousas, pero teño as miñas dúbidas de que vaia ser así. Con este tema pasa como con moitos outros. Poñamos por caso as guerras. Como pode ser que despois da Primeira se chegue á Segunda? Pois chegouse. E a humanidade segue vivindo baixo esa ameaza constante. O home non aprende nunca. Eu non vexo que teñamos moito remedio. 

Pensa na retirada da profesión?
Non, non penso. A miña idea é seguir facendo toda a vida as cousas que me gustan. E entre elas está facer arquitectura.

Quédalle algún reto pendente? 
Moitísimos. Pero para compensalo saquei adiante moitísimos outros apaixonantes. Eu dáballe un único consello ao meu alumnado: pensade ben se é isto o que vos gusta. Aínda estando en quinto de Arquitectura, se vedes que isto non é o voso, sempre se está a tempo de cambiar e facer algo que gusta. Sexa o que sexa. É a única maneira de desfrutar: buscar dedicarse a algo que non se vexa como un traballo, senón que sexa unha satisfacción. 

O ACTO
O Pazo Baión (Vilanova de Arousa) acolle este sábado (12.00 horas) unha sesión extraordinaria pública da Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) para recibir o ingreso como académico de honra de César Portela. O título do discurso do arquitecto é A arquitectura: unha disciplina entre a arte e a técnica. Será contestado en nome da Academia polo membro numerario da Sección de Arquitectura, Xosé Manuel Casabella López. A subdelegada do Goberno, Maica Larriba; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a parlamentaria do BNG Alexandra Fernández asistirán ao acto.

Comentarios